Contra a opresión da muller. Nunca máis violencia de xenero

Día Internacional contra a Violencia de Xénero
25 de Novembro de 2006

Moitas veces temos denunciado que a violencia de xénero ten a súa orixe na desigualdade, na construción social que fai diferentes a homes e mulleres e nos asigna a nós, as mulleres, o papel subordinado, e aos homes, o papel do poder.

Pero cando denunciamos isto semella que deixamos a solución do problema da violencia de xénero para unha sociedade futura e que as propostas para irmos avanzando son de tipo legal ou xudicial: castigo aos maltratadores, violadores, acosadores...; leis contra a violencia de xénero, lei de igualdade, etc. Somos conscientes de que todo isto non é suficiente.

Cando propoñemos e esiximos leis, pretendemos que a sociedade recoñeza o problema e que as institucións cumpran co seu papel de garantir que toda a cidadanía teña os mesmos dereitos e obrigas. Coa esixencia do desenvolvemento das leis e a creación de servizos asistenciais, policiais e xurídicos, pretendemos que as vítimas de violencia teñan a atención que precisan. A esixencia de medidas concretas en servizos fundamentais como saúde mental e ensino, a optimización dos recursos e a ampliación de orzamentos para desenvolver as leis e novas medidas para complementalas, son os requisitos mínimos esixíbeis nunha sociedade democrática que non é quen de eliminar a violencia de xénero e a desigualdade.

Neste 25 de Novembro, queremos espallar a idea do RESPECTO como un valor fundamental para rematar coa violencia de xénero. E cando falamos de respecto non nos estamos referindo a eses regulamentos de urbanidade tales como abrirnos a porta ou deixarnos o asento. Falamos de algo moito máis profundo e necesario: a consideración, a estima, o ternos en conta, a valoración das nosas opinións, aptitudes, traballos, ideas; o respecto aos nosos desexos, ás nosas decisións. Non para darnos a razón, non para cumprir sempre os nosos desexos, senón simplemente para poder vivir en democracia, onde cada persoa ten o mesmo valor que outra, non só para votar, senón para expresarnos, traballar, estudar, equivocarnos, decidir a nosa sexualidade, as nosas amizades, a nosa propia vida.

Basta xa de tratarnos como raíñas e non deixarnos decidir; de idolatrarnos como a deusas e desprezar a nosa forma de ser; de querernos como a súa posesión máis prezada e pecharnos dentro de catro paredes; de beatificarnos como a santas, sempre que esteamos dispostas a cumprir todos os seus desexos; de mimarnos como a nenas para privarnos da nosa capacidade de gobernar a nosa propia vida; de admirar a nosa abnegación e seguir negándonos o pan e a sal.

Non existimos, como afirman moitas relixións, para que os homes non estiveran sos. Somos persoas, mulleres de carne e óso, con virtudes e defectos, afectos, paixóns, desexos, ideas,... Con razón ou sen razón, sempre, sempre, sempre, merecemos que se nos trate con respecto.

RESPECTO
ás miñas diferencias, os meus desexos, a miña sexualidade, a miña historia, a miña capacidade de decidir, de pensar, de traballar, de gozar, de decidir sobre a miña vida, a miña sexualidade, as miñas amizades, sen discriminacións, sen violencia, sen estereotipos, sen sexismo, sen machismo.

.
Participa nas mobilizacións e accións convocadas no noso país:
.
PONTEVEDRA. Día 24. Ás 18 hs actividades na Praza 8 de Marzo
Ás 20hs PasaruasÁs 20:30hs Concentración
.
Día 25 . Ás 8 da mañá na Praza 8 de Marzo, construcción dun cemiterio simbólico coas lápidas das mulleres vítimas de violencia.Visibilización de distintas situacións de violencia nas rúas da cidade.
.
VIGO. Día 24. Composición simbólica con zapatos de mulleres e nenas, desde as 17hs na rúa Principe diante do MARCO
.
Día 25. Manifestación ás 18hs na Praza Urzaiz, entrada a Principe.
.
FENE. Día 25. Ás 18hs concentración na Praza do Ameneiral (Praza Verde) en Perlío. Construcción simbólica con zapatos de mulleres e nenas. Actividades de animación sobre distintos tipos de violencias.
.
COMPOSTELA. Día 25 . Concentración na Praza do Toural ás 20hs. Deseño de siluetas de mulleres representando ás vítimas de violencia.
.
CEE. III XORNADAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. Dia 24* Ás 20 h no salón de plenos da Casa do Concello, Cee:Conferencia e debate:“O fenómeno da violencia”Esperanza Castelo GómezTécnica superior do SGI.CIAM A Coruña
.
Dia 25*. Ás 17 h na Escola Municipal de Música: Obradoiro: Nosoutras sabemos.Nosoutras valemos.Nosoutras podemos.Xuntas imos aprender aa coidarnos mellor e a querernos máis a nós mesmas. Unhas coas outras imos aprender a valorarnos máis no que somos e no que valemos.Tereixa Ledo RegalSocióloga,animadora de obradoirosde crecemento persoal.Inscrición previa:até martes día 21, nos tlfs: 651-986191 ou 666-629875
.
CONCENTRACIÓN : Respéctame.* Ás 20 h na Praza do 8 de marzo, en Cee.
.
A CORUÑA. Día 22 . Charla Colóquio "A violéncia psicolóxica" con visualización de anacos da película SOLAS.Participarán a Directora do CIM de Curtis e a Directora do CIM de A Coruña.Fundación Caixa Galicia ás 20hs.Día 25Concentración no Obelisco às 19hs "Respéctame"
.
CARBALLO. Dia 23. Participación na "Carpa do movimento asociativo" con exposición de fotografías.
[voltar]