PRESTIGE 5 ANOS DESPOIS E OUTRO MÁIS DE PROMESAS

Fai agora cinco anos do afundimento de Prestige. Como todos os anos nestas datas os medios de comunicación fanse eco das declaración oficiais e de filtracións informativas co obxectivo de convencer a opinión pública de que o Prestige era un buque chatarra, o seu capitán un pirata, a sociedade clasificadora uns irresponsabeis e un longo etc. de epítetos. Nin unha soa autocrítica dos responsábeis da xestión, ningún erro cometido, ou sexa, que se fixo todo de marabilla. Si se xestionou todo moi ben e o chapapote emporcou todo o noroeste Galaico-Portugués, o Cantábrico e incluso chegou a Francia, si chegara a xestionarse mal é de supoñer que o chapatote tería que chegar polo menos tamén ao outro lado do Atlántico e causar danos por valor de varios miles de millóns.

O goberno Aznar desembarcou na Coruña para celebrar un “Consejo de Ministros” e prometeu o seu Plano Galicia cheo de ocorrencias pero baleiro de contidos e proxectos, e co único fin de acalar os berros dos galegos e despois cunha gran connotación publicitaria. Agora o bipartito tamén desembarca en Muxía, con toda a parafernalia e case máis policías que habitantes, para celebrar o Consello da Xunta e facernos máis promesas e promesas..., que xa deberían haberse feito fai varias décadas. Mentres tanto Galiza sigue a cola en salarios e pensións, a Costa da Morte vai quedando abandonada e deserta e a as súas xentes –os meus paisanos- teñen que seguir emigrando, como sempre, ou buscarse a vida por Canarias ou outros lares.

Resulta un insulto a intelixencia que inda hoxe os responsables de converter un accidente en catástrofe -López Veiga, López-Sors, etc., aos que se lles sumou tamén Núñes Feijoo- sigan afirmando que a opción de afastar o Prestige das costas galegas era a mellor opción, cara a Fosa Atlántica e a rumbo de colisión cunha profunda borrasca que se acercaba polo oeste. Unha orde que se deu sen coñecer o estado do buque, sen avaliar os seus danos e as consecuencias da orde. Montaron unha operación de afundimento do buque en vez de unha operación de salvamento, eso si con oracións incluídas: “Que se lo lleven al quinto pino”, “la consigna es que cojan el barco y lo separen de la costa hasta que se hunda” y “a rezar para que el barco se hunda”. Pero inda tardaron seis días en conseguilo, seis días de peregrinaxe ao longo das costas galegas, que foi deixando unha estela de veleno negro e de miseria con graves consecuencias económicas, sociais e medioambientais para o noso país. Inda hoxe lles resulta difícil recoñecer que a mellor opción era refuxiar o buque nun lugar abrigado da costa para proceder a unha operación de alixe da carga. Ese lugar era o Seo de Corcubión, ao abrigo do Cabo Fisterra. Pero os líderes do PP sempre veñen conque Vigo, Coruña ou Ferrol e evitan pronunciar Fisterra ou Corcubión. Resulta evidente que o PP non soubo que facer co Prestige cando gobernaban no Estado e en Galiza, pero tampouco saben agora que facer na oposición.

Non cabe a menor dúbida que o incremento de medios en seguridade marítima, recollidos no Plan de Salvamento 2006-2009 é evidente. Así, a capacidade de recollida de hidrocarburos pasou de ser de 80 metros cúbicos no 2002 a uns 4155 na actualidade. Sen embargo, cabe dicir que esa mellora de medios non se debeu ao feito de facer unha reflexión política seria ou unha análise de riscos do tráfico marítimo no noso litoral. Ese incremento de medios son froito da mobilización popular que saíu a rúa ao berro de NUNCA MÁIS. Se esa presión popular se exercera no ano 92 cando o Aegean Sea (Mar Exeo) –cando xa en Estados Unidos, despois do accidente do Exxon Valdez en Alaska en 1989, xa se promulgara a OPA90 -, é evidente que cando o Prestige estaríamos máis e mellor preparados, como lle corresponde a un país que ten un tráfico de preto de 45.000 buques ao ano pola nosa fachada Atlántica.

Ainda faltan cousas, carecemos dun buque anticontaminación con capacidade alta de recollida, sobre todo si comparamos con países como Finlandia (lonxitude de costa algo inferior a Galiza, menos tráfico de buques e augas máis calmas) que dispón de 14, Suecia 14 ou Holanda 11. Non se fala de equipos de gas inerte, defensas para alixeiramento en alta mar e outros equipos, ou dos lugares de refuxio, etc. Por certo a nivel estatal, seguimos co mesmo Plan de Continxencias do 23 de febreiro de 2001. Pero sigue faltando unha verdadeira coordinación e requírese con urxencia un Mando Único, do que moito se fala en diferente foros pero que ninguén aplica, excepto Reino Unido, Australia e poucos máis. Este é un dos grandes problemas. O sistema de toma de decisións actual é totalmente aberto e exposto a burocracia e a influencia dos políticos no poder, descoñecedores do mundo do mar. Falta por tanto un Mando Único que debe radicar nunha persoa que posúa as seguintes características:

-Unha persoa técnica e con grande experiencia que decide el só, asesorado polo seu equipo de asesores e expertos.

-Unha persoa blindada contra calquera tipo de inxerencia do Goberno de turno, sexa Estatal, Autonómico ou Local.

-Unha persoa totalmente impermeabel aos desexos do Goberno que o nomeou. Ao Goberno se lle informa das decisións tomadas e terá a obriga de acatalas e apoialas e de tomar as acción políticas necesarias para levalas a cabo.

Resulta imprescindible investigar os sinistros marítimos para aprender das leccións. Sen embargo, seguimos esperando polos informes do Prestige, O Bahía, Sempre Casina, Nuevo Pilin, Ostedijk, etc. Investigacións que por riba son levadas a cabo pola “Comisión Permanente de Investigación de Siniestros Marítimos” que está presidida polo Subdirector de tráfico, seguridade e contaminación marítima, é dicir, polo responsable da xestión da seguridade marítima, ou sexa, “a zorra vixiando o galiñeiro”. Investigacións ademais que só pretenden xustificar os erros cometidos e que se filtran a prensa en momentos puntuais, pero que non se fan públicos. Incrible pero certo. É necesario xa a creación dunha comisión formada por persoas independentes, que se impoña unha política totalmente clara e transparente e unha información libre nas actuacións da Administración Marítima. É necesario coñecer as verdadeiras causas dos accidentes para poder corrixilas. Falase moito das consecuencias pero a penas se fala das causas, obviando que se conseguimos reducilas causas tamén reduciremos as consecuencias.

E así, poderíamos enumerar unha serie de iniciativas pero hai que ir rematando. Hai que dicir que a Alternativa dos Veciños impórtalle moito a seguridade marítima e a protección do noso medio porque Oleiros ten unha posición privilexiada no Golfo Ártabro (rías do Burgo, Betanzos, Ares e Ferrol), ten 24,81 km de costa -que representan o 2% do litoral galego- e posúe 12 praias en seis das súas nove parroquias. Por esta razón Oleiros está exposto aos posibles riscos de contaminación dos buques que naveguen pola fachada Atlántica e aos buques con destino aos portos de Ferrol e Coruña. Si temos en conta que só no porto da Coruña móvense preto de 8.500.000 de toneladas de hidrocarburos o ano, daremonos conta de que o risco dunha posible contaminación é alto como ven ocorrendo nas ultimas décadas (Erkowit-1970 varado na praia de Bastiagueiro, Urquiola-1976, Mar Exeo-1992, embarrancada do Diana María-1998 na costa de Dexo...). Dado que a posibilidade dun accidente con verquido de hidrocarburos non se pode eliminar, haberá polo menos que tratar de minimizalos seus efectos. Por elo resulta evidente que debemos reclamar que existan medios dabondo para protexer o noso litoral, o noso medio mariño e unha das principais fontes da nosa economía. O porto da Coruña e sobre todo Repsol -o principal receptor e cargador de mercadorías perigosas- deberán dispoñer de medios adecuados e suficientes para garantir a protección do noso litoral, de gran importancia económica, ecolóxica e paisaxística, xa que Oleiros sempre vai a ser o principal danado no caso dun verquido no Golfo Ártabro. E Oleiros debe participar nos exercicios que se leven a cabo no Golfo Ártabro e de ser informado de calquera incidente de contaminación.

Cabe lembrar que, como mostra da preocupación pola seguridade marítima e a protección dos nosos mares, o 24 de abril de 2003 o Goberno de Alternativa dos Veciños organizou xunto coa Asociación Española de la Marina Civil (AEMC) a “I Xornada sobre a catástrofe do petroleiro PRESTIGE - Toda a verdade sobre todas as mentiras” no salón de actos de A Fábrica de Perillo, por certo, ás que non asistiron ningún dos membros da oposición (PP, PSOE e BNG).
Voltar ao inicio desta nova
------------------------------------------------------------------------------------------
Pódese descargar premendo aquí un documento que foi entregado aos representantes dos grupos políticos de PP, PSOE e BNG e á Mesa da Comisión de Investigación da catástrofe do Prestige. O documento foi asinado por Capitáns da mariña mercante, profesores e catedráticos das tres universidades galegas, científicos e investigadores, e ONG’s ecoloxistas. Nel describese con claridade meridiana que a mellor opción era levalo PRESTIGE ao Seo de Corcubión, ao abrigo do Cabo Fisterra.
------------------------------------------------------------------------------------------