A ameaza de inicio de obras do porto deportivo do Salgueirón forma parte dun macabro xogo para forzar a recualificación dos terreos da antiga conserveira Massó no Salgueirón, os 197.400 m2 da unidade de actuación nº 27, dos que a mercantil Residencial Marina Atlántico S.A. di que posúe uns 150.000. A cualificación actual é de industrial nun 90% e residencial nun 10%. Un grupo de ex-traballadores da factoría tamén son propietarios de terreos na U.A.27 posto que mercaron as casas que tiñan asignadas, representan uns 15.000 m2.
A elaboración dun novo Plan Xeral está nos seus comezos, a data prevista para a presentación do avance era febreiro, e existe a promesa de presentación de un pre-avance aos colectivos sociais do concello, agrupados nun Consello Sectorial de Urbanismo, que presentaron suxerencias antes do 15 de decembro pasado.
A incógnita sobre o contido do avance é total, ACE (FPG-PCPG-EU), un dos grupos no goberno local e responsábel da concellería de urbanismo, propugna no seu programa un Salgueirón público, a traverso da negociación ou mesmo da expropiación; o BNG rexeitaba pronunciarse explicitamente no seu programa pero prometía participación veciñal e “un camiño totalmente diferente” ao do urbanismo do PP dende 1999; e o PSdeG PSOE local sempre se pronunciou como favorable a unha recualificación especulativa.
Evidentemente, o contido do citado avance marcará o rumbo da batalla veciñal en contra da especulación e da destrución medioambiental que produciría o pretendido porto deportivo, situado nunha zona de gran valor natural e que podería afectar de xeito moi importante á dinámica litoral e a economía pesqueira da ría.
Mentres tanto, a batalla legal continúa coa presentación de un escrito á Garda Civil de Cangas pedindo a intervención no caso de que as obras dean comezo, baseandose nas denuncias en curso; e unha petición de paralización cautelar dirixida á Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra, acompañando documentación que proba as diferentes ilegalidades cometidas na tramitación da concesión de porto deportivo. [Voltar ao inicio desta nova]