1 DE MAIO, MANIFESTO COMUNISTA E O PROLETARIADO GALEGO

QUE O PANTASMA COMUNISTA PERCORRA OUTRA VEZ O MUNDO

*Ernesto Cañedo Sainz, Traballador do Metal, membro do Comité Nacional do PCPG


Cando Marx e Engels escribiran o Manifiesto Comunista non foi por que se aburriran, nin polo desexo ou vaidade de escreber un libro.

Tiñan moi claro que o decorrer da historia e das sociedades que ata entón existiran fora a historia das loitas de clases.

Os opresores e oprimidos enfrontándose sempre.

O que di o manifesto non é un xogo de palabras, nin directrices sen valores, nin palabras valeiras.

É nin mais nin menos que os puntos sobre as is de todo aquelo que aos proletarios, ou sexa aos obreiros, nos ronda pola cabeza e que a diario calamos cando nos tragamos o orgullo ante o patrón ou non lle vemos sentido a todo o que acontece ao noso arredor (como é posíbel que tan poucos teñan tanto e as maiorías tan pouco? ), onde está a realidade de todos os asuntos?, como caimos nestas situacións de pobreza, analfabetismo, explotación, enganos, miserias, inxustizas, desigualdades, falsedades e un sen fin de despropósitos que so teñen por obxectivo seguir mantendo no poder á clase opresora, que é neste caso igual a dicir o capitalismo.

Por iso, hoxe igual coma onte, igual que fai 160 anos que se escribiu o Manifesto Comunista, a situación para os traballadores e povos asoballados, no esencial, non mudou grande cousa.

Así que entón o manifesto non é nin mais nin menos que o resultado do que todos pensamos e que Marx e Federico souperon recoller, estudar, plasmar... decatarse de que este mundo non tiña sentido se a historia sempre se repite (opresores, oprimidos; patrón, obreiros ).

Este primeiro de Maio, non só por que sexa ó 160 aniversario do Manifesto, senón porque debería de ser o comenzo de que a historia empece a trocar de sentido; fagamos que o que Marx dicía empece a cumprirse, sobre todo por que este mundo pode agonizar si non o cambiamos
--O
Pantasma do comunismo debe percorrer o mundo--

Dende o noso povo en unión solidaria co resto dos obreiros do mundo, co resto de todos aqueles que loitan por un mundo xusto, fagamos unánime o pronunciamento daquel Manifesto.

“PROLETARIOS DE TODOS OS PAÍSES DO MUNDO, UNIDEVOS!”

..............................................................................................................................................

O PROLETARIADO GALEGO E O PRIMEIRO DE MAIO

Manolo Camaño Fandiño, Secretario Xeral da CUT [Faro de Vigo]

Para os homes e mulleres que pertencemos á CUT, a xornada de oito horas e, sobre todo, a accidentabilidade laboral van ser as protagonistas deste 1º de Maio. Por iso, imos dicir na rúa coa CGT: "Loita e Dignidade, fronte ó Goberno e a Patronal".

Os "profesionais" da esquerda e os falsarios disfrazados de progresistas refugan do rigor e da historia máis nosa. Efectivamente, hai que lembrar que os Mártires de Chicago no ano 1886, o foron pola loita da xornada de oito horas, o foron por reivindicar condicións de salubridade e seguridade no traballo. De igual maneira, estes mesmos contidos reivindicativos motivaron as loitas obreiras do ano 1972 en Ferrol e Vigo.

Hoxe en multitude de sectores (naval, hostalería, transporte...) a realización de xornadas de 10 e 12 horas é algo habitual. Hoxe a accidentabilidade laboral en sectores como o Metal, a Pesca ou Construcción tamén é noticia un día si e outro tamén. O Goberno e a Inspección de Traballo miran para o outro lado.

A deslocalización de empresas transnacionais, o mobbing laboral, os salarios de miseria, o despido libre, a ausencia de dereitos, son a realidade do mundo laboral en Galicia. Por riba, o Goberno de Zapatero ven a recoñecer que estamos nas portas dunha crises económica. Aviso ós navegantes, que para os traballador@s vai significar: máis precariedade e máis represión empresarial e policial.

Os traballador@s de Galicia, temos que afortalar as posicións sindicais combativas, e temos que desenmascarar a política mediática de goma espuma e de escaparate para non seguir perdendo máis e máis dereitos. Ese é o único camiño. A nosa clase social ninguén lle regalou nada, máis ben foi o contrario, tivo que conquistar dereitos laborais e democráticos con loita e sufrimento. Hoxe, estes dereitos están sendo roubados.

Que dicir dos nosos dereitos nacionais? Nunca a enxurrada españolizadora foi tan aldraxante para o noso país. Nunca as agresións ós niveis ambiental, cultural, lingüístico, patrimonial... foron tan salvaxes, como o son hoxe.

Os traballador@s de Galicia, temos a obriga de articular unha resposta digna e combativa, que salvagarde os nosos dereitos nacionais e de clase. Con ese espírito manifestámonos en Vigo este 1º de Maio, ás 11 da mañá, partindo da Praza de Fernando o Católico. [Voltar ao inicio desta nova]