DIGAMOS NON ÁS "AUTORIZACIÓNS AMBIENTAIS" A ENCE-ELNOSA

A "Asociación Pola Defensa da Ría" A.P.D.R de Pontevedra, colectivo ecoloxista integrado na FEG e que ven liderando desde hai 20 anos a loita contra a presenza do complexo ENCE-ELNOSA na Ría de Pontevedra, a concesión pola Consellería de Medio Ambiente das AAI á CELULOSA e á electroquímica ELNOSA considera unha burla á cidadanía de Pontevedra e un incumprimento do acordo programático asinado entre PSOE e BNG no momento de chegar ao goberno da Xunta de Galicia, amáis dun paso máis na política de sometemento da Consellería que dirixe Pachi Vázquez aos intereses da empresa ENCE.

Para a APDR a concesión das AAI a ENCE e ELNOSA responden a criterios puramente políticos e mesmo electorais e non a criterios medioambientais, único obxectivo que persigue a Lei 16/2002 de control integrado da contaminación que regula as ditas autorizacións ambientais. En efecto, a decisión da Consellería estaba tomada con anterioridade á exposición pública da documentación presentada pola empresa ENCE e en ningún dos casos se tiveron en conta os Informes de compatibilidade urbanística emitidos polo Concello de Pontevedra, informes que eran negativos e que de acordo coa Lei teñen carácter vinculante e implicarían a denegación das autorizacións. Ademais, a concesión das autorizacións ten moitos aspectos irregulares: incumpriuse o prazo de 10 meses fixado pola lei para a súa tramitación (ENCE solicitou a AAI no 2004 e ELNOSA no 2006), o que debera levar á denegación das autorizacións; entre a documentación presentada por ENCE non figura o Informe de compatibilidade urbanística do Concello de Pontevedra (nin a súa solicitude) o que invalida a propia solicitude de autorización; por último, nin ENCE nin ELNOSA cumpren a lexislación medioambiental de aplicación, razón de abondo para denegarlle as autorizacións ambientais. En efecto, tanto ENCE como ELNOSA incumpren o RAMINP (Reglamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas y Peligrosas) que esixe para este tipo de actividade industrial unha distancia mínima de 2.000 m ao núcleo de poboación máis próximo, e a CELULOSA incumpre boa parte dos parámetros de vertido fixados na súa licenza de vertido, en concreto os relativos á DBO, DQO, Sólidos en Suspensión e Fósforo total.

Doutra banda, a decisión da Consellería de Medio Ambiente entra en clara contradición co acordo programático de goberno asinado polo PSOE e o BNG á súa chegada ao goberno da Xunta de Galicia, pois supón na práctica a consolidación do complexo ENCE-ELNOSA no actual emprazamento na Ría de Pontevedra.

Descoñecemos aínda os termos concretos da resolución da Xunta de Galicia e, xa que logo, como se razoa a concesión das AAI por 3 anos e que tratamento se lle deu ás alegacións presentadas pola nosa asociación e por milleiros de persoas da nosa bisbarra, pero en calquera caso desde a APDR imos presentar recurso de alzada fronte a esta resolución e agardamos da Xustiza que prevaleza a legalidade, a defensa do medio ambiente e os dereitos da maioría fronte á arbitrariedade, a ilegalidade e a defensa dos dereitos particulares das empresas ENCE e ELNOSA. [Voltar ao inicio desta nova]