Nos últimos tempos estánse a dar importantes mobilizacións labregas e obreiras no noso país. As organizacións máis combativas, nomeadamente os sindicatos SLG, CUT e CIG convocan xornadas e accións diversificadas de loita contra a grave crise provocada no sector leiteiro e tamén no metal que afectan a ducias de milleiros de traballadores/as e gandeiros/as galegas/os que padecen no esencial as políticas do Estado Español e da U.E, con imposicións de cuotas e planos aberrantes.
Alén desas imposicións tradicionais de España e a U.E que nos negan como povo e impiden o noso dereito a producir e organizar e planificar a nosa economía está tamén, sen dúbida, a ferocidade da vixente crise do capitalismo que precariza cada vez máis a vida das nosas clases traballadoras facendo retroceder os nosos dereitos socio-laborais.
Entendemos que é no impulso destas accións e na unidade máis firme arredor das plataformas reivindicativas impulsadas até o de agora, e non na desmobilización, a conciliación e o pacto, nos que está a chave para avanzar e acadar estes obxectivos tan xustos e chamamos a apoiar todas as medidas de presión que se fagan.
Hoxe traballar polo éxito destas reivindicacións, mais sobre todo por un futuro máis xusto pasa, en primeiro lugar, pola máis ampla unidade e extensión das loitas a outros sectores sociais.
O outro é avanzar cara unha folga xeral galega, que sitúe con forza estas esixencias antimonopolistas e anti-imperialistas que pasan tamén polo dereito real de soberanía que nos corresponde como povo.
A loita e auto-organización dos traballadores galegos/as é o camiño. [Voltar ao inicio desta nova]