DEFENSA DA RIA DO BURGO CONVOCA MANIFESTACIÓN PARA O 21 DE XUÑO

A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo na Coruña, organiza e convoca unha manifestación que percorrerá as rúas da cidade o 21 de xuño. A marcha, que reivindica o saneamento da Ría e a fin dos vertidos, partirá ese día ás 19:30 horas desde a Praza da Palloza até a Delegación do Goberno español (Praza de Ourense).

A Plataforma apresentou, o 23 de maio no rexistro do Edificio Administrativo da Xunta en A Coruña, 17.000 sinaturas de cidadáns que demandan o saneamento da Ría, a fin dos vertidos, así como sancións ás empresas e particulares que contaminan.

A Confraría de Pescadores da Coruña, un dos colectivos que conforman a Plataforma, apresentou sete denuncias por vertidos ilegais desde o pasado verán. Hai escasos días, o pósito coruñés interpuxo outras dúas, nesta ocasión, por un fluído de espuma de procedencia industrial detectado a semana pasada e por outro de augas fecais que proveñen dunha canalización subterránea que está perforada. A alta concentración de coliformes (tipo de bacterias), á parte de impedir a extracción do marisco, supón mesmo un risco para os bañistas.

Por outra banda, a posta en funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais de Bens, unha das demandas recollidas no manifesto da plataforma, non será realidade até 2010, cando a Xunta anunciara que estaría habilitada en 2009. [Voltar ao inicio desta nova]

DO 14 AO 21 DE OUTUBRO EN VIGO: VII ENCONTRO DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES

Delegadas vindas dos cinco continentes celebrarán en Galiza o VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres. A rede feminista Marcha Mundial das Mulleres realiza cada dous anos o seu Encontro Internacional, que reúne delegadas dos cinco continentes. Para o ano 2008, este Encontro Internacional terá como sede a cidade de Vigo e realizarase entre o 14 e o 21 de outubro na Residencia de Encontro e Formación de Panxón. Esta xuntanza reunirá a 150 participantes aproximadamente procedentes das coordenadoras nacionais e do Comité Internacional da Marcha Mundial das Mulleres. Esperase contar coa participación duns 40 países e coa presenza de xoves militantes de cada delegación, co obxectivo de permitir que as xoves desenvolvan un sentimento de pertenza cara ós valores da Marcha, que participen nos procesos de toma de decisión e asegurar o intercambio de experiencias e de coñecementos interxeracionais.

O domingo 19 de outubro en Vigo, está prevista unha Manifestación que recorrerá ás rúas de Vigo, unindo os desexos chegados dos cinco continentes de CAMBIAR A VIDA DAS MULLERES PARA CAMBIAR O MUNDO, e CAMBIAR O MUNDO PARA CAMBIAR A VIDA DAS MULLERES.
[Voltar ao inicio desta nova]

31 DE MAIO: XORNADA INTERCULTURAL EN PONTVEDRA

PROGRAMA:

MESA REDONDA ás 18,00 horas.

Conchi Vazquez. Ensinante ( Moderadora )

Luisa Marquez. Ensinante IES Monteporreiro

Fernando Montoya. Mediador Intercultural da Fundación Secretariado Xitano

Bilal Traore. Senegalés. Presidente Sen Fronteiras

Manuel Vila. Asociación de promoción e integración xitana de Lugo

CONTACONTOS ás 18,30 horas

A cargo de PAVIS PAVOS

CONCERTO ás 20,00 horas

DEGOO

RAFA de DEBUXOS REANIMADOS

FAINOTI

FUSIÓN FLAMENCA

OS CHICHISOS

CONVOCA: PLATAFORMA PONTEVEDRA INTERCULTURAL

Amarante, Asemblea de Mulleres, Asociación Arxentinos/as Rincón Criollo, Asociación Galega de Animación e Intervención Social, Asociación de ensinantes con xitanos CSIKLOS, Asociación Inclusion, Asociación Sin Fronteras, Asociación Socio-Cultural Inzar, Briga, CGT, CNT-AIT, Colectivo de traballadores/as de Kalandraka, Escola Tempo Libre Paspallas, Fundación Emaus, Mulleres Cristiás Galegas, Nós-UP, P.C.P.G, PUM+J, A Revira, Rexurdir Provincial, Secretariado Xitano e Verdegaia. Voltar ao inicio desta nova

MOBILICÉMONOS CONTRA A DESTRUCCIÓN DA RIA DE VIGO

25 DE MAIO DE 2008, ás 12 na Praza da Estrela-VIGO

A rede de colectivos A RIA NON SE VENDE, composta por diversas asociacións que cobren coas súas actividades todo o perímetro da ría viguesa e integrada ao tempo na rede nacional GALIZA NON SE VENDE, entende que son moitas as razóns para convocar esta manifestación en defensa do patrimonio natural, social, económico e cultural da Ría de Vigo.

En primeiro lugar debemos valorar a situación actual produto de políticas destrutivas por parte das diferentes administracións: recheos, contaminación, depuración ineficaz, alteración das correntes mariñas e destrución dos recursos pesqueiros e marisqueiros, urbanismo salvaxe e destrución da paisaxe, portos deportivos privatizadores, unha Autoridade Portuaria caótica e depredadora, desprezo pola identidade e patrimonio cultural...

Fronte a isto, A RIA NON SE VENDE defende:

A preservación da Ría de Vigo como fonte de vida, traballo e riqueza natural.

A defensa da explotación pesqueira e marisqueira fronte á especulación urbanística e industrial, apostando polo mantemento dos máis de 15.000 postos de traballo que dependen directamente dos recursos produtivos da Ría de Vigo.

A eliminación da contaminación actual mediante a aplicación de medidas racionais de separación de pluviais, control de vertidos, xunto á utilización de sistemas de depuración de demostrada eficacia e non contaminantes.

A paralización inmediata dos proxectos de recheos previstos pola Autoridade Portuaria de Vigo e o levantamento dos infrautilizados.

O punto final para a instalación de máis portos deportivos na ría, así como reclamar a aplicación da lei nos xa existentes.

A consideración efectiva da Ría de Vigo como un ben público de disfrute colectivo, mediante a conservación da súa paisaxe e forma de vida, fronte a destrución da natureza a mans de intereses políticos e particulares.

Por todo isto, cremos compartir razóns e esperanzas con toda a veciñanza que vivimos nesta Ría de Vigo, non queremos malvivir baixo unha faixa de cemento, merda e iates de luxo. E polo tanto convidamos a todos os sectores sociais que sintan súa a defensa da Ría de Vigo, a participar na MANIFESTACIÓN DO 25 DE MAIO ás 12:00 h. dende a Praza da Estrela até Bouzas.

A RÍA NON SE VENDE

Vigo, 19 de maio de 2008

...................................................

Manifesto do 25 de Maio

Máis unha vez, desde o porto de Vigo dinnos que precisan de máis espazo, máis unha vez non lles chega o que teñen, e pretenden facer máis recheos, algún en espazos protexidos como a Ensada de San Simón, queren aterrar no mar 23 Hectares. Din que é unha actuación respetuosa co medio ambiente, que ten o consenso de todos os sectores da cidade, que está baseada no dialogo e o respeto pola legalidade.... Máis unha vez mexan por nós e din que chove.

O porto de Vigo non pode seguir medrando indefinidamente, arruinando a nosa maior fonte de recursos, para convertila nun almacén de veiculos e nun polígono industrial.

Os balances económicos do Porto sempre dan positivo, porque só contan os cartos gañados, mais nunca cuantifican canto vale o que destrúen. Canto costa unha praia?, e se son 15?, canto costa un banco marisqueiro?, canto costa unha Ria sen contaminación?, canto costa a fermosa paisaxe da Ría?, canto costa un solpor?, canto costa vivir sen o ruido, o pó e a polución que orixina a actividade portuaria?...

Se desde o Porto de Vigo tiveran que pagar todo o que destruiron, e indemnizar polas molestias ocasionadas durante varias décadas, o seu balance económico sería un fiasco e nunca máis se lles pasaría pola cabeza facer recheos. Mais eles sempre gañan e a Ría cos seus seres vivos e a veciñanza sempre perdemos.

A ampliación portuaria non ten xustificación, o espazo de que dispoñen está infrautilizado, ocupado por empresas que non gardan relación coa actividade portuaria e por un enorme e esperpéntico armacén de veiculos, os cais so terían que estar no porto no momento de embarcar, e que por se fora pouco, pretenden apilalos en plataformas de 10 m. de altura.

Utilizan tamén o espazo portuario para construir edificios como os da Xunta, centros comerciais como o da Laxe e incluso pretenden construir un Hotel no medio da Ría, como unha segunda torre de Toralla, eso si, proxectado por un arquitecto de fama mundial, que é a ridiculez que está de moda. Por non falar doutros proxectos moi anunciados na prensa como unha noria, locais de comida rápida, centros de talasoterápia, piscinas, restaurantes, cines, etc., todo moi relacionado coa actividade portuaria.

Alén diso o crecimento que baticinan está basado en meras especulacións, xa que o tráfico de mercadorías e fluctuante e pode aumentar ou diminuir, de feito esta a diminuir a entrada e saída de muitas mercadorías. Desde o porto buscase un liderazgo infantil e andan a competir cos demais portos galegos, cando deberían repartirse o tráfico e coordenarse entre eles.

No porto confunden os intereses das multinacionais cos intereses da cidade e utilizan o espazo público para negocios privados e para a especulación urbanística. É hora de que o porto de Vigo aproveite o espazo que xa ten, levante os recheos que non están sendo utilizados en actividades portuarias e recupere as zonas degradadas.

Os efeitos dos recheos son acumulativos, tanto os feitos muito tempo atras como os recentes, como os que se fan en distintos puntos da Ría. O perfil orixinal do litoral da Ría foi totalmente modificado debido aos aterramentos, provocando sucesivos cambios na dinámica de correntes, ocasionando que os sedimentos desaparezan dalgunhas zonas e se acumulen en outras novas, o que afecta ás praias, aos bancos marisqueiros, ás areas de posta e alevinaxe, á pesca de baixura, á biodiversidade e a toda a vida da Ría.

A Ría de Vigo constitue un dos ecosistemas con maior producción biolóxica do mundo, é un ecosistema único, moi fraxil e que xa está moi degradado.

Dende a Xunta de Galiza e o Porto pretenden triplicar o número de amarres de embarcacións deportivas, querendo pasar de 2.800 a máis de 8.000. Eso sen contar o enorme porto deportivo que se construiría se ampliaran o peirao de cruceiros, o que supón o verdadeiro motivo desa ampliación, xa que a suposta necesidade de liña de atraque cando chegan mais de dous cruceiros a Vigo é só unha escusa, porque só sucede un par de veces ao ano, e nunca deixan de entrar cruceiros por ese motivo.

Outra aberración especulativa seria o Porto deportivo da Etea con 1.084 amarres, sobre a praia de Rios, destruindo un banco marisqueiro de ameixa fina e facendo da praia natural da Punta unha praia artificial.

Desde a Xunta din, sen vergoña ningunha, que pretenden captar embarcacións deportivas de Portugal e de outros países para que pasen aquí o inverno, oferecendo baixos prezos, ou sexa que arruinen, e ocupen o noso litoral por unhas cantas moedas. Esta xente sería capaz de vender a sua nai, se é que non a venderon xa.

Construir portos deportivos siñifica estragar o litoral, privatizar lámina de agua e especular co dominio público para favorecer a unhas cantas empresas privadas.

Alen diso o Porto concedeu unha segunda prorroga para construir o elitista porto deportivo de Massó en Cangas, proxecto que conta coa oposición do pobo de Cangas e que está cheo de irregularidades xurídicas.

Os amarres para embarcacións deportivas deben ser só para as embarcacións que saen a navegar a miudo e deberíanse trasladar ás zonas que están mais degradadas. Para as embarcacións que só navegan un mes ao ano hai alternativas como as mariñas secas ou as cacharelas de San Xoán. Non vamos consentir que se privatice a Ría porque se pon de moda entre a xente pudente ter un barquiño para fardar diante dos colegas.

Muitos de estos portos deportivos están vinculados a proxectos urbanisticos especulativos nas proximidades e en primeira liña de costa.

O urbanismo salvaxe e a falta de planificación nos concellos bañados pola Ría é unha barbaridade. Os Planos Xerais de concellos como Vigo e Moaña, están baseados na especulación, e pretenden duplicar o número de vivendas, sen previsión de saneamento, destrozando as parroquias do rural e do rural costeiro, incluso afectando ao solo rústico de protección agricola, forestal e de espacios naturais, onde se preven urbanizacións elitistas. De continuar a marbellización do litoral perderiase a identidade dos bairros e vilas mariñeiras, a nosa identidade cultural e o património común, e iso non o vamos permitir.

Outro dos graves problemas que afectan á Ria de Vigo é o alto nivel de contaminación existente. As depuradoras actuais máis que mellorar están a degradar a calidade das augas, con niveis de coliformes setenta veces o permitido polas leis que os propios políticos fan. A actual depuradora do Lagares é o principal foco de contaminación, contribuindo de maneira considerable a destrución do ecosistema mariño. A maiores provoca unha calidade de vida indigna para a veciñanza con cheiros fedorentos e molestias permanentes. A alternativa a esta situación só pasa pola instalación de microdepuradoras ailladas dos núcleos de povación, na separación das augas fecais, pluviais e industriais, e no control dos polígonos industriais, que hoxe por hoxe provocan altos niveis de contaminación. O proxecto de construir a macrodepuradora de Vigo na Xunqueira do Lagares só é un parche que, de levarse a cabo, non vai solucionar o problema, senon que vai empeoralo, convertíndose nunha grave agresión ao pobo de Coruxo. É a demostración da mentira permanente na que niven Bloque, PSOE e PP cos seus dirixente aos frente, incumprindo os acordos que eles mesmos asinaron nos plenos municipais; e tanto Príncipe, Pérez, Castrillo, Porro, Domínguez ou Caballero, son o que son: os mesmos cans con distintos collares, e todas e todos, coa mirada posta no futuro deberiamos tomar nota.

Por se fora pouco, no Plan acuicola da Xunta, pretendese ampliar a Piscifactoria de Oia que afecta a solo rústico e protección de costas e a de Punta dos Castros en Cangas que afecta a solo rústico de protección de espazos naturais. As piscifactorias contaminan muitísimo debido aos antibióticos e á grande cantidade de materia orgánica que verten ao mar, alén de privatizar e modificar o litoral.

NON MÁIS RECHEOS NA RÍA, É HORA DE LEVANTALOS

NON MÁIS PORTOS DEPORTIVOS, NON Á PRIVATIZACIÓN DO LITORAL

NON Á VIOLENCIA URBANISTICA, NON Á ESPECULACIÓN

NON Á MACRODEPURADORA, SI AO SANEAMENTO INTEGRAL DA RÍA

NON ÁS PISCIFACTORÍAS

[Voltar ao inicio desta nova]

DIGAMOS NON ÁS "AUTORIZACIÓNS AMBIENTAIS" A ENCE-ELNOSA

A "Asociación Pola Defensa da Ría" A.P.D.R de Pontevedra, colectivo ecoloxista integrado na FEG e que ven liderando desde hai 20 anos a loita contra a presenza do complexo ENCE-ELNOSA na Ría de Pontevedra, a concesión pola Consellería de Medio Ambiente das AAI á CELULOSA e á electroquímica ELNOSA considera unha burla á cidadanía de Pontevedra e un incumprimento do acordo programático asinado entre PSOE e BNG no momento de chegar ao goberno da Xunta de Galicia, amáis dun paso máis na política de sometemento da Consellería que dirixe Pachi Vázquez aos intereses da empresa ENCE.

Para a APDR a concesión das AAI a ENCE e ELNOSA responden a criterios puramente políticos e mesmo electorais e non a criterios medioambientais, único obxectivo que persigue a Lei 16/2002 de control integrado da contaminación que regula as ditas autorizacións ambientais. En efecto, a decisión da Consellería estaba tomada con anterioridade á exposición pública da documentación presentada pola empresa ENCE e en ningún dos casos se tiveron en conta os Informes de compatibilidade urbanística emitidos polo Concello de Pontevedra, informes que eran negativos e que de acordo coa Lei teñen carácter vinculante e implicarían a denegación das autorizacións. Ademais, a concesión das autorizacións ten moitos aspectos irregulares: incumpriuse o prazo de 10 meses fixado pola lei para a súa tramitación (ENCE solicitou a AAI no 2004 e ELNOSA no 2006), o que debera levar á denegación das autorizacións; entre a documentación presentada por ENCE non figura o Informe de compatibilidade urbanística do Concello de Pontevedra (nin a súa solicitude) o que invalida a propia solicitude de autorización; por último, nin ENCE nin ELNOSA cumpren a lexislación medioambiental de aplicación, razón de abondo para denegarlle as autorizacións ambientais. En efecto, tanto ENCE como ELNOSA incumpren o RAMINP (Reglamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas y Peligrosas) que esixe para este tipo de actividade industrial unha distancia mínima de 2.000 m ao núcleo de poboación máis próximo, e a CELULOSA incumpre boa parte dos parámetros de vertido fixados na súa licenza de vertido, en concreto os relativos á DBO, DQO, Sólidos en Suspensión e Fósforo total.

Doutra banda, a decisión da Consellería de Medio Ambiente entra en clara contradición co acordo programático de goberno asinado polo PSOE e o BNG á súa chegada ao goberno da Xunta de Galicia, pois supón na práctica a consolidación do complexo ENCE-ELNOSA no actual emprazamento na Ría de Pontevedra.

Descoñecemos aínda os termos concretos da resolución da Xunta de Galicia e, xa que logo, como se razoa a concesión das AAI por 3 anos e que tratamento se lle deu ás alegacións presentadas pola nosa asociación e por milleiros de persoas da nosa bisbarra, pero en calquera caso desde a APDR imos presentar recurso de alzada fronte a esta resolución e agardamos da Xustiza que prevaleza a legalidade, a defensa do medio ambiente e os dereitos da maioría fronte á arbitrariedade, a ilegalidade e a defensa dos dereitos particulares das empresas ENCE e ELNOSA. [Voltar ao inicio desta nova]

POLO DEREITO A VIVERMOS EN GALEGO!

Este é o Manifesto en apoio da convocatoria nacional do próximo domingo en Compostela, que até o momento asinaron centos de organizacións (máis de 400), entre elas o Partido Comunista do Povo Galego (PCPG) :

As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos:

  1. Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade.
  2. Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas.
  3. Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos.
  4. Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós.

Lembra que o vindeiro domingo 18 de maio esta grande manifestación partirá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago de Compostela e finalizará na praza da Quintana. [Voltar ao inicio desta nova]

REPRESIÓN SINDICAL EN URBASER-REDONDELA

Victor Manuel Fuentes Viano

Despois do Preacordo de Convenio, o pasado 8 de novembro do 2007, entre traballadores do Servizo e a empresa Urbaser, que poñía fin a folga no servizo, a empresa Urbaser, impuxo a ós folguistas máis activos, sancións consistentes na suspensión de 45 días de emprego e soldo,
, agás no caso do traballador, ó que se lle impuxo un castigo maior (60 días). Sancións non executadas ata a data, posiblemente en espera da resolución xudicial.

O pasado luns 21 de abril do 2.008, ás 10:20 horas, celebrouse xuizo, ante a Maxistrada Xuez do Xulgado do Social, número 3 de Vigo, Dona Montserrat Delgado Pérez, pola denuncia presentada contra Urbaser, pola totalidade e cada un dos traballadores sancionados, do Servizo de Recollida do Lixo do Concello de Redondela, pola súa participación activa na Folga do Servizo acontecida entre o 28 de outubro e o 8 de novembro do 2.007.

No xuizo, Urbaser non desaproveitou, unha vez máis, a ocasión, para confrontar a traballadores do servizo, empregando como testemuños, a traballadores de confianza da empresa, gratificados económicamente, máis aló do que marcan as condicións xerais do convenio, polas súas accións antisindicais e contra os dereitos dos traballadores.

Ata catro traballadores se presentaron no xulgado número tres á testemuñar a favor da empresa, nun xuizo no que o único que estaba en xogo, eran as sancións a 9 traballadores que participaran, entre o 28 de outubro e o 8 de novembro do 2.007, na única ferramenta legal, de loita e resistencia que temos os traballadores contra os abusos da patronal, a FOLGA.

Así os traballadores esquirois, Antonio Viaño Loureiro, Enrique Graviel Varona, e Miguel Trigo Táboas, (Aleixandre Fernández Besada, non chegou a testemuñar) manifestaron no xuizo, ser compañeiros dos sancionados, e non ter ningún, nin no pasado, nin no presente, ningunha situación de enfrontamento cos sancionados.

Sorprenderon as declaracións de Antonio Viaño Loureiro, que é familiar directo (primo) do Delegado Sindical (quen suscribe), e que utilizou o seu parentesco para certificar que oestacionamento indevido do vehículo do seu primo, impedira a saida dos servizos mínimos, cousa que de ningunha maneira é certa. Do mesmo xeito acusou ata a outros dous familiares seus e traballadores do servizo, de impedir a saida dos servizos mínimos.

O Xefe do Servizo, o ferrolán, Jaime Martínez Anido, acusou ós traballadores folguistas de ter empregado, para evitar a saida dos Servizos Mínimos, o que, segundo el, “en Redondela se lle chama detonadores de canteira, . . . . . . deses que estoupan baixo a auga”

Os traballadores rotundamente negamos tanto os feitos motivo das sancións, coma as fabulacións da empresa e traballadores esquirois, expostas ante a Xuiz, nas que entendemos a empresa interesadamente pretendeu dar unha imaxe dos seus traballadores, de radicais de extrema esquerda próximos a movementos de Kaleborroka. Máis de 100, veciños e veciñas de Redondela foron testemuñas da actitude escrupulosamente pacífica e respectuosa, dos traballadores folguistas.

Non entendemos a actitude dos traballadores esquirois, e menos no caso no que este ten parentesco cos folguistas, e testemuñase falsamente, en contra dos compañeiros que loitan polos dereitos colectivos dos traballadores, e a favor da empresa. Supoñemos que o seu comportamente é en pago de favores e priviléxios, coma ascensos de categoría, contratación de familiares, cobro de pseudopluses e outras gratificacións.

Os traballadores entendemos que Urbaser pretende facernos pagar por algo que non fixemos. Entendemos e esperamos finalmente, sair absoltos destas sancións ou no peor dos casos, abemolo tomar co mellor dos humores que poidamos. Quedamos ó criterio da Sra Maxistrada.Xuiz, Montserrat, ou en caso de recurso, do Tribinal Superior de Xustiza de Galicia. [Voltar ao inicio desta nova]



A NOSSA LINGUA É INTERNACIONAL!

A Associaçom Galega da Língua (AGAL), com motivo da celebraçom do Dia das Letras, convoca todos os galegos e galegas a manifestarem-se o próximo 18 de Maio às 12 horas na Alameda de Compostela, em defesa da Língua da Galiza, que identifica o nosso Povo, e convida a fazê-lo de modo firme e cívico polos nossos direitos lingüísticos individuais e colectivos de acordo com as seguintes considerações:

1.- Denunciar as políticas de substituiçom lingüística que levamos sofrendo durante os últimos 25 anos, disfarçadas de falsa normalizaçom lingüística.

2.- Exigir o reconhecimento da condiçom internacional da nossa Língua, que com a variedade própria das línguas internacionais é falada por centos de milhões de pessoas no mundo, quer como língua nativa, como é o caso dos galegos, quer como língua oficial de oito Estados, ou como língua cada vez mais estudada em todo o mundo polas vantagens das línguas internacionais.

3.- Denunciar as autoridades e administrações públicas que, em vez de garantirem os direitos lingüísticos e democráticos do Povo galego, discriminam e perseguem aqueles que nom aceitam a deriva de substituiçom lingüística e dialectizaçom castelhanizadora do Galego que o torna desnecessário no seu próprio País.

4.- Apoiar a iniciativa aprovada no Parlamento por unanimidade reclamando a recepçom das rádios e televisões portuguesas na Galiza, que pedimos que se efective desde já e que nom fique numha simples declaraçom sem vontade real de a levar a cabo.

5.- Denunciar também os grupos extremistas que, protegidos por certos sectores políticos, atacam o direito e a liberdade de vivermos na Galiza em galego.

6.- Finalmente, apelamos a toda a sociedade para exigir umha mudança das políticas que tornam a Língua desnecessária e dialectal, como forma de impor o uso do castelhano, por políticas que garantam os nossos direitos lingüísticos individuais e colectivos, assegurando que o Galego continue a ser a língua própria dos galegos e galegas, e umha língua extensa e útil. [Voltar ao inicio desta nova]

FACER MEMORIA: CARMIÑA GRAÑA


Á direita mesa do acto no Salón de Plenos do Concello de Cangas
Embaixo fotografia de Xosé Luis Méndez Ferrin

XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN
Faro de Vigo: 5 de Maio

Acabámoslle de render homenaxe en Cangas do Morrazo a Carmiña Graña Penedo, das grandes xíneas de mariñeiros e mulleres traballadoras daquela vila vangardista. O que me fixo pensar sobre a recuperación da memoria histórica de tempos franquistas; imparábel. Case sempre se centran estas nos episodios que en Galicia se sucederon a raíz do 20 de xullo de 1936. Os avances na investigación de punta e na divulgación dos acontecementos daquel período levan alancado moito e parece que definitivamente foi transgredida a cláusula de silencio pactada na Transición ou Reforma Política. Pro fica en penumbra a represión exercida na totalidade da era franquista, represión que culmina, entre nós, nos crimes políticos que tiveron como víctimas en 1975 Reboiras (UPG), Sanchez-Bravo e Baena (FRAP). No intre da morte de Franco as cadeas españolas estaban ateigadas de presos políticos e no estranxeiro acumulábanse os refuxiados. Trátase, pois, de exiliados, presos, represaliados de todo tipo e de mortos que xa non era os de 1936 e que facían parte das xeracións novas da Resistencia ao franquismo. Nesta dirección haberá que afondar agora en materia de memoria histórica.

En Galicia, cando se pensa no exilio, xorden, xorden as figuras de Castelao, de Casares Quiroga, de Dieste, de Lois Soto, poñamos por caso os máis obvios. Eses son os exiliados de 1936-1939. Pro poucos son verdadeiramente conscientes de que no exilio estiveron tamén Margarita Ledo, X.M. García Crego, Maximino Cacheiro, Moncho de Barreras, Foz ou Carmiña Grana, entre unha nube de outros e outras. Todo os ditos, e máis, encóntranse hoxe activos laboral e politicamente e participan moi solidarios e discretos nos movementos en favor da memoria histórica de 1936. Son horas de que se vaia falando da historia completa da Resistencia ao franquismo en Galicia de 1936-39 a 1975, aínda que a crónica da guerrilla está xa moito adiantada felizmente.

Carme Graña Penedo chegou a Madrid nos anos sesenta e conectou de inmediato, no círculo legal do "Club de Amigos de la UNESCO", coa UPG, da que pasou desiguida a formar parte. Sempre ligada ao aparato de propaganda, lugar da máxima esixencia de disciplina, as campañas de Castrelo de Miño do 64 e do primeiro Día da Patria Galega do período franquista tiveron a esta compañeira como elemento fundamental. Á caída da estación impresora central da UPG situada no Morrazo, cuxo responsábel era Moncho Reboiras apoiado en Camiña Graña, esta pasou á clandestinidade e, coa BPS e a Brigadilla da Garda Civil apegada aos seus calcañares, foi retirada a Cataluña e desde alí pasada a Francia polo Pireneus coa axuda nunca ben encomiada dos anarquistas e de Puig Antich en persoa. Asentada en París, e logo no Porto despois do 25 de abril, a nosa amiga foi elemento valiosísimo para a UPG e a ANPG en tempos de expansión destas organizacións. Xa de regreso á Patria, Carmiña Graña seguiu o camiño difícil e amargue do independentismo e integrou o PGP, Galicia Ceibe e formou parte fundamental da actual FPG, que é onde se encontra.

Ogallá que esta homenaxe a Carme Graña, alén de a honrar a ela, contribúa a abrir un novo tempo de estudo e análise da historia completa da Resistencia ao franquismo en Galicia.

[Voltar ao inicio desta nova]

1 DE MAIO, MANIFESTO COMUNISTA E O PROLETARIADO GALEGO

QUE O PANTASMA COMUNISTA PERCORRA OUTRA VEZ O MUNDO

*Ernesto Cañedo Sainz, Traballador do Metal, membro do Comité Nacional do PCPG


Cando Marx e Engels escribiran o Manifiesto Comunista non foi por que se aburriran, nin polo desexo ou vaidade de escreber un libro.

Tiñan moi claro que o decorrer da historia e das sociedades que ata entón existiran fora a historia das loitas de clases.

Os opresores e oprimidos enfrontándose sempre.

O que di o manifesto non é un xogo de palabras, nin directrices sen valores, nin palabras valeiras.

É nin mais nin menos que os puntos sobre as is de todo aquelo que aos proletarios, ou sexa aos obreiros, nos ronda pola cabeza e que a diario calamos cando nos tragamos o orgullo ante o patrón ou non lle vemos sentido a todo o que acontece ao noso arredor (como é posíbel que tan poucos teñan tanto e as maiorías tan pouco? ), onde está a realidade de todos os asuntos?, como caimos nestas situacións de pobreza, analfabetismo, explotación, enganos, miserias, inxustizas, desigualdades, falsedades e un sen fin de despropósitos que so teñen por obxectivo seguir mantendo no poder á clase opresora, que é neste caso igual a dicir o capitalismo.

Por iso, hoxe igual coma onte, igual que fai 160 anos que se escribiu o Manifesto Comunista, a situación para os traballadores e povos asoballados, no esencial, non mudou grande cousa.

Así que entón o manifesto non é nin mais nin menos que o resultado do que todos pensamos e que Marx e Federico souperon recoller, estudar, plasmar... decatarse de que este mundo non tiña sentido se a historia sempre se repite (opresores, oprimidos; patrón, obreiros ).

Este primeiro de Maio, non só por que sexa ó 160 aniversario do Manifesto, senón porque debería de ser o comenzo de que a historia empece a trocar de sentido; fagamos que o que Marx dicía empece a cumprirse, sobre todo por que este mundo pode agonizar si non o cambiamos
--O
Pantasma do comunismo debe percorrer o mundo--

Dende o noso povo en unión solidaria co resto dos obreiros do mundo, co resto de todos aqueles que loitan por un mundo xusto, fagamos unánime o pronunciamento daquel Manifesto.

“PROLETARIOS DE TODOS OS PAÍSES DO MUNDO, UNIDEVOS!”

..............................................................................................................................................

O PROLETARIADO GALEGO E O PRIMEIRO DE MAIO

Manolo Camaño Fandiño, Secretario Xeral da CUT [Faro de Vigo]

Para os homes e mulleres que pertencemos á CUT, a xornada de oito horas e, sobre todo, a accidentabilidade laboral van ser as protagonistas deste 1º de Maio. Por iso, imos dicir na rúa coa CGT: "Loita e Dignidade, fronte ó Goberno e a Patronal".

Os "profesionais" da esquerda e os falsarios disfrazados de progresistas refugan do rigor e da historia máis nosa. Efectivamente, hai que lembrar que os Mártires de Chicago no ano 1886, o foron pola loita da xornada de oito horas, o foron por reivindicar condicións de salubridade e seguridade no traballo. De igual maneira, estes mesmos contidos reivindicativos motivaron as loitas obreiras do ano 1972 en Ferrol e Vigo.

Hoxe en multitude de sectores (naval, hostalería, transporte...) a realización de xornadas de 10 e 12 horas é algo habitual. Hoxe a accidentabilidade laboral en sectores como o Metal, a Pesca ou Construcción tamén é noticia un día si e outro tamén. O Goberno e a Inspección de Traballo miran para o outro lado.

A deslocalización de empresas transnacionais, o mobbing laboral, os salarios de miseria, o despido libre, a ausencia de dereitos, son a realidade do mundo laboral en Galicia. Por riba, o Goberno de Zapatero ven a recoñecer que estamos nas portas dunha crises económica. Aviso ós navegantes, que para os traballador@s vai significar: máis precariedade e máis represión empresarial e policial.

Os traballador@s de Galicia, temos que afortalar as posicións sindicais combativas, e temos que desenmascarar a política mediática de goma espuma e de escaparate para non seguir perdendo máis e máis dereitos. Ese é o único camiño. A nosa clase social ninguén lle regalou nada, máis ben foi o contrario, tivo que conquistar dereitos laborais e democráticos con loita e sufrimento. Hoxe, estes dereitos están sendo roubados.

Que dicir dos nosos dereitos nacionais? Nunca a enxurrada españolizadora foi tan aldraxante para o noso país. Nunca as agresións ós niveis ambiental, cultural, lingüístico, patrimonial... foron tan salvaxes, como o son hoxe.

Os traballador@s de Galicia, temos a obriga de articular unha resposta digna e combativa, que salvagarde os nosos dereitos nacionais e de clase. Con ese espírito manifestámonos en Vigo este 1º de Maio, ás 11 da mañá, partindo da Praza de Fernando o Católico. [Voltar ao inicio desta nova]