Como comentaba alguén nos actos que se realizaron na súa terra natal en Calo-Cacheiras, Enrique Lister foi un deses persoeiros aos que a recuperación da chamada “memoria histórica” lle pasou por riba.
Para reparar esta inxustiza, as compañeiras e compañeiros da asociación “A Oliveira”, radicada Cacheiras, no mesmo municipio de Teo, organizou entre os dias 13 e 15 de Abril unhas xornadas dedicadas a este xenio militar e activista político, baixo o título “Enrique Líster, a longa viaxe dun home de Ameneiro”.
Durante eses dias, o Hotel Congreso de Teo reuniu a intelectuais galegos como Ramón Villares, Margarita Ledo Andión, Xosé Lois Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero, Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas; o ex militar da UMD Cardona; os músicos Mini, Mero, Tino Baz.. e, como non dos nosos camaradas músicos/as e militantes do PCPG Mariña, Eduardo e Laura (á que se debe a partitura da Internacional que interpretou a Banda de Música de Calo)..e por suposto, a non menos relevante e simbólica figura do seu fillo, tamén comunista e tamén chamado Enrique Lister (*), para falar de quen simbolizou a heroica resistencia e a loita antifascista durante os anos en que un tras outro os pobos e nacións de Europa vivian con anguria a ameaza nazi-fascista ou sucumbían diante do seu avance.
Unhas xornadas para coñecer como nos inicios da súa vida a súa loita coñeceu a penuria que alimentou a súa rebeldía e loitou por gañarse a vida. Como emigra a Cuba con 11 anos; como se organíza no PC; participa como canteiro na construción do Capitolio de La Habana e nas actividades do Centro Galego e volve a Galiza para dirixir e organizar a loita dos obreiros do seu gremio na Comarca de Santiago e do propio Partido Comunista na nosa nación; como é enviado a Moscova onde estuda na Academia Militar “Frunce”..
Unhas xornadas para lembrar a figura heroica e lendaria do líder do 5ª Rexemento e de quen foi xeneral de 3 exércitos (soviético, polaco e iugoslavo).
Unhas xornadas para discutir, como non, de quen, a partir do mesmo comezo da confrontación co fascismo que se ergueu en armas, se converte nun home incómodo para moitos porque evoca momentos da Guerra española que non son agradabeis de lembrar, como o golpe interno de Segismundo Casado e o intento de “acordo”, rendición, diante do franquismo (ao que Líster e Negrín se opuxeron consecuentemente), ou do por que poucos anos despois defende, desde posicións minoritarias, dentro a estructura de dirección do PCE as ideas revolucionarias do marxismo-leninismo.
Para reflexionar sobre quen participou na creación en Paris (1968), desgrazadamente moitos anos despois do que xa decidiran pouco antes do comezo da guerra en 1936 os nosos mellores camaradas daquel entón: poñer en pé, de verdade, un grande partido da clase obreira, labrega e mariñeira galega, un grande Partido Comunista Galego...
O interese por esta figura histórica foi tal que como dicía a presidenta de “A Oliveira”:"Todas as intelectuais, artistas, etc que foron chamados, ou case, todos os veciños que contribuíron dunha ou outra maneira, o propio hotel onde se realizaron as xornadas.., aceptaron participar sen cobrar un céntimo".
Como dixo Margarita Ledo, catedrática de Xornalismo na Universidade de Santiago, "Líster non representa o poder, senón a resistencia a el, a crenza nuns valores, e por iso non é un personaxe de moda". Ela, durante os dous últimos anos está realizando un documental sobre a vida do militar, co título “Liste, pronunciado Líster “do que se proxectou o último día das xornadas un breve curtametraxe biográfica de quince minutos.
É por iso que o esquecemento de Líster débese, en parte, a que durante case toda a súa vida "rachara con case todo".
Durante a súa etapa no exilio, este home de Ameneiro foi un partidario activo de organizar a resistencia interna contra Franco a partir do Partido Comunista, pero as súas ideas chocaron coa visión de Santiago Carrillo. De feito, no 1983 chegou a publicar un libro titulado “Así destruíu Carrillo o PCE”. A compañeira Mirás, que coñeceu a Líster nos seus últimos anos de vida, sinala que o seu carácter forte e impulsivo e a súa tendencia a falar claro facían que non lle fose simpático á “clase” política, nin na esquerda, nin na dereita. "Era máis militar que político, “moi mandón”, pero tamén foi un gran loitador polas as súas ideais e un home de gran lucidez".
Enrique Líster, que morreu no 1994, sempre tratou de ser fiel as ideais do Marxismo-leninismo. A súa participación na Guerra Civil, como Maior de Brigada ao mando da 11º División, foi excepcional. Nunca perdeu unha batalla, e logrou vitorias decisivas en Teruel, no Ebro e en Guadalaxara. E se non se vía capaz de gañar, retirábase sen deixar detrás un só ferido.
Por todo isto, Marisa Mirás afirma que "é unha vergoña que os nenos de Teo e tantos mozos galegos non saiban sequera que este revolucionario, este canteiro galego naceu na súa vila".
Desde aquí o noso parabéns a toda a directiva da Asociación “A Oliveira”, porque sabemos do inmenso esforzo que en pouquiño tempo fixeron para que todo saíse ben e parabéns en particular para o secretario da asociación, o noso amigo Xosé Lois Santos Cabanas, que como dixo moi ben o Académico Fernández Rei, xa ten “ampla experiencia en facer cousas serias e moi dignas sen esperar pola axuda institucional”.
Agora é o momento de batallar para que algún día podamos ver realizados os desexos e propostas que expresaron alúns compañeiros e camaradas asistentes: que en Calo exista un centro ou fundación onde se estude a figura de Líster e/ou que en Compostela se erga unha estatua (vestido de militar) en homenaxe do xeneral de Ameneiro-Calo-Galiza.
Son ideas que, entre outras, facemos nosas e polas que loitaremos.
CN do P.C.P.G
[voltar ao inicio]
.