Desde a C.U.T. seguimos o seu exemplo, nun intre no que os denominados valores do capitalismo están a facer estragos na nosa vida diaria: precariedade, baixos salarios, xornadas de traballo escravistas, deslocalizacións.... accidentes e vítimas mortais día si e día tamén.
O noso LEMA neste 1º de Maio: ORGANIZACIÓN E LOITA CONTRA A EXPLOTACIÓN resume por unha banda, a necesaria organización sindical e proletaria de carácter anti-capitalista e por outra, a nosa posición anti-imperialista fronte as intervencións USA e Aliados en calquera lugar do Planeta, posicionándonos contra a guerra e reclamando o dereito á Autodeterminación dos Pobos.
Situados no marco político do Estado español temos que contestar a política neoliberal do PSOE continuador da levada a cabo polo PP da que salientamos a derradeira imposición da Reforma Laboral e o proxecto de reforma das pensións de xubilación que amañarán de novo cos sindicatos do Sistema.
Se ben podemos valorar como un avance determinadas reformas e propostas ligadas a igualdade individual e de carácter cívico, nembargantes aspectos claves ligados ás liberdades colectivas nomeadamente o dereito de autodeterminación e mesmo o dereito á participación democrática en pé de igualdade seguen a ser negados desde o poder. De feito as espectativas de abrir unha segunda transición que dea saída ás aspiracións de autodeterminación segue a estar condicionada pola actual monarquía herdeira do franquismo.
E que dicir do actual Goberno autónomo (PSOE-BNG)?, incapaz e sen vontade política de levar adiante reformas socio-económicas en beneficio da clase traballadora, evidenciando tanto os límites deste marco autonómico así como a falla de capacidade xestora dentro do mesmo.
Para a C.U.T. a mobilización segue a ser a principal ferramenta da clase obreira para conquerir unha sociedade máis xusta. Defendemos un Marco Galego de Relacións Laborais que permita un maior avance do Movemento Obreiro Galego como parte do proceso de Autodeterminación do noso pobo.
MANIFESTACIÓN EN VIGO ÁS 11 HORAS NA PRAZA DE FERNANDO O CATÓLICO
VIVA O 1º DE MAIO, DÍA INTERNACIONAL DA CLASE OBREIRA!!
[voltar ao inicio da información]