INTERVENCIÓN DO PCPG NA DESPEDIDA DO CAMARADA MANUEL BARROS

. "Camarada Manolo:

É tremendamente difícil dicir “adeus” a quen, coma tí formou, FORMA parte da nosa loita cotiá.

Non queremos, non podemos, dedicarche palabras ampulosas ou rimbombantes.

Foches sinxelo coma o pan, transparente como a verdade, firme sen aspaventos, humilde e forte coma un carballo do país.

Foi dura a túa nenez, duro foi perder cedo a teu pai, que morría defendendo a vida e a liberdade dos camaradas.

Duro foi ir preso con 15 aniños, botar boa parte da tua xuventude de cadea en cadea, de clandestinidade en clandestinidade.

Pero ti permaneceches sereno, fiel a ti mesmo e aos teus, aos nosos, aos mais, ao povo.

Máis duro aínda foi ver cómo a teu arredor, a bandeira republicana era vilipendiada. Cómo o pensamento leninista era posto en cuestion, e non para melloralo…

Cómo se descalificaba á Unión soviética xustamente por aquelo que era o TEU referente ético e ideolóxico…

Era a “transición”, aquel transitar do combate de casi todos ao chaqueteo dalgúns e á desesperanza doutros.

Pero ti eras Manolo Barros, comunista, fiel a ti mesmo e aos teus, sempre do lado do futuro. Pasaron os anos, e hoxe lembramos con orgullo e gratitude o teu apoio moral e material ao Partido Comunista do Povo Galego (que ti fundaras con outros camaradas) ata poucas horas antes de morrer.

Lembramos con cariño, que hoxe doe, pero mañán ha de darnos forzas renovadas, o teu sorriso encantador de persoa boa e xenerosa.

Dora Carcaño, filla do teu querido compañeiro de cela naquela prisión fascista, mandara un saúdo para ti dende a túa Habana amada.

E nós, eiquí estamos, eiquí estamos os que te queremos para decirche non “adeus” mais “ata sempre”.

Aquela moto coa que percorreches Galiza de punta a punta organizando e construindo, guíanos de cara ao abrente da Terra sen explotación que ti quixeches.

Niso estamos e estaremos.

Até a vitoria sempre, Camarada!"

[Premer aqui para voltar ao inicio desta nova]