CRÓNICA DA EMOTIVA E MULTITUDINARIA DESPEDIDA AO CAMARADA MANOLO BARROS.

Imáxes do acto de despedida no cemiterio e foto do acto de homenaxe que lle tributamos o ano pasado na Illa de S. Simón.

O enterro do histórico militante comunista e exemplar revolucionario Manolo Barros en Redondela congregou unha multitude de veciños e doutras localidades galegas no cemiterio de Reboreda e mesmo chegou a provocar o colapso dos accesos á zona, debido ao alto número de vehículos no que se desprazaron os asistentes.

O acto consistiu nunha cerimonia civil, sen ningún tipo de intermediación relixiosa por desexo expreso do propio camarada Barros.

O cadaleito deste redondelano de 86 anos estaba cuberto dunha bandeira comunista (coa estrela internacionalista de 5 pontas) e outra republicana (donadas e colocadas por un camarada do noso partido) que respondían a unha coherente e consecuente vida de militancia política e entrega revolucionaria.

Cando chegou o cadaleito diante do cemiterio, formáronse dous cordóns de honra ateigados de bandeiras comunistas e republicanas, e polo medio deses cordóns discurriu despois a comitiva que o levou ata a súa última morada. Unha vez diante desta, pousouse nunha ara mentres Marina e Laura Quintillán interpretaban unha peza expresamente pedida por Manolo, o que dou paso ás intervencións.

Luis “che”, representante do Socorro Vermello Internacional, abriu un turno, que foi seguido polas palabras sensibeis do compañeiro e coñecido fotógrafo Mundo Cal, amigo íntimo de Barros, e membro do Colectivo Republicano de Redondela. No seu fermoso discurso, Mundo centrouse na integridade “ética e moral” do falecido, e mostrouse moi crítico coa chamada “clase política”, xa que “Manolo tivo que ver como se degradaba a súa Redondela natal a medida que baixaba o nivel dos políticos do municipio”. Ao termo do discurso e notabelmente emocionado, manifestou que Barros loitou “para que todos tivesen espazo neste país”.

Despois de Mundo Cal falou a nosa camarada Marina Quintillán, do Comité Nacional do Partido Comunista do Povo Galego (ver aquí), do que Manolo Barros foi un dos seus fundadores e primeiros dirixentes. A seguir falou o compañeiro e escritor Gonzalo Amoedo que centrou o seu discurso na traxectoria vital de Barros coa voz entrecortada pola emoción, “a partir da súa infancia no barrio máis pobre de Redondela, a Esfarrapada”. Gonzalo concluíu a sua brillante intervención dicindo que o falecido “era un bo home” que se “gañou o respecto daqueles que estaban ideológicamente nas súas antípodas políticas”.

O último discurso pronunciouno o profesor, escritor e académico Xesús Alonso Montero, salientando na súa extensa intervención que “se estába rendendo homenaxe a un home que nunca quixo estes actos” e que nin sequera “quixo ser retratado polo seu irmán”(referíase ao escultor, pintor e restaurador Angel Barros Montero). Alonso Montero definiu a Barros como “un home bó que quería cultura e educación para todos” e concluíu o discurso afirmando que “aquí estamos vivindo un episodio histórico, mália que non está a televisión”.

Por último, o profesor Alonso Montero pasou a palabra á neta de Manolo Barros, Olga Martínez Barros, que leu profundamente emocionada(tivo que substituíla unha curmán súa) un poema de Lourenzo Varela. Para rematar o acto, as camaradas do PCPG Laura e Marina Quintillán interpretaron diversas pezas musicais: a Internacional e o himno da República, o himno Galego e o himno soviético.

Alén dos numerosos militantes comunistas e amigos do PCPG, así como do PCG e outros da páctica totalidade das organizacións de esquerdas, ao acto asistiron tamén numerosos representantes de todos os partidos políticos e persoeiros, mais botouse en falta a presenza de certas autoridades, que si expresaron o seu “Pesar Institucional” a través dos medios de comunicación.

Así foi que nas últimos dias se foron sucedendo numerosos comunicados e mostras de pésame, a partires do própio da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, que por medio da súa titular, Anxela Bugallo, remitiu un comunicado no que lamentaba "o falecemento de Manolo Barros, que foi un dous protagonistas do primeiro acto de apertura do Ano dá Memoria o pasado 2006 e expresaba o seu pesar pola desaparición dun galego que loitou sempre pola liberdade ao enfrontarse dende a clandestinidade á ditadura franquista. E posteriormente continuar a súa labor a prol dá xustiza, a dignidade e a recuperación dá memoria”. Nese comunicado anunciaba unha nova homenaxe póstuma.

Como é coñecido, o camarada Barros, que con só 15 anos fora preso na illa de San Simón pola súa condición de comunista e que pasara despois por outras moitas penalidades e prisións, recibiu o ano pasado de 2006 xunto a outros represaliados deste cárcere a primeira homenaxe que a Consellería de Cultura realizou con motivo das actividades do Ano da Memoria. Daquela, Manolo Barros exercera de guía para mostrar aos visitantes da illa as dependencias que ocupou mentras estivo preso nese campo de concentración. Naquel acto foron moi expresivas, antolóxicas, as súas palabras a carón da Conselleira e outras autoridades. Lembrando unha conversa con un antiguo camarada da prisión de Santoña, cando se despedian, e referíndose ás loitas do presente dixo máis ou menos: “.. o mellor xeito de facer Memoria é loitar, hoxe coma onte polos dereitos dos traballadores, dos estudantes, dos labregos e mariñeiros.., a mellor “palanca” é reorganizarmos e avanzar coa nosa ideoloxía de clase: o marxismo-leninismo”.

Foi nese mesmo ano de 2006 no que, pouco despois na mesma illa, Manuel Barros recibira outra homenaxe multitudinaria organizada polo Colectivo Republicano de Redondela, onde tamén presentara o seu libro de memorias: "Autobiografía dun militante comunista".

Nota: Algúns datos nos que se basa esta crónica proceden de Gonzalo Amoedo e Vigo Metropolitano. Tamén algunhas das fotos nesta información fóronnos enviadas amablemente polo camarada Roi Cagiao do PCG. Polo de agora, non dispomos das intervencións escritas dos compañeiros Luís, Mundo, Gonzalo e Xesús

[Ir ao inicio desta nova]