Ponteareas, 04 de Setembro de 2007. A Federación Ecoloxista Galega, xunto cos colectivos ADENCO e APDR (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra), organiza para finais de Setembro unhas xornadas formativas nas que se amosarán as ferramentas que o Dereito Ambiental fornece a calquera persoa preocupada pola protección do Medio.
As xornadas pretenden servir de base ao ecoloxista activo e ao cidadán concienciado sobre a necesidade que temos de coñecer a diferente normativa que está á nosa disposición e que moitas veces descoñecemos. Que facer? Que ferramentas xurídicas utilizar? A que autoridades recurrimos? A cuestións como estas intentarase dar resposta dividindo en varias áreas temáticas as xornadas, abordando dende a normativa comunitaria á municipal, pasando polas competencias estatais e autonómicas, que se complementan con experiencias prácticas.
As xornadas, que terán lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra os sábados 29 de setembro e 6 de outubro, contan con poñentes procedentes das Facultades de Dereito das tres Univesidades galegas, xunto cun asesor de Ecologistas en Acción e o Fiscal para o Medio Ambiente de Galicia.
Para a asistencia ás xornadas é imprescindible terse inscrito mediante contacto previo coa Federación Ecoloxista Galega, ben por teléfono (981 575 444) ou correo electrónico feg@federacionecoloxista.org
Esta actividade conta con financiamento da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel e para o Grupo Ecoloxista Adenco ten unha gran importancia ao contar con relatores de recoñecido prestixio e persoas con grandes coñecementos prácticos á hora de defender a natureza utilizando todos os instrumentos dos que nos dota a lexislación vixente.
Para calquera información adicional,
Anxo F. Saborido, Presidente de Adenco e coorganizador das xornadas.