QUEN NOS VALE DO VALEDOR?

Proposta de texto de queixa perante a institución do Valedor do Pobo

A ATENCIÓN DA INSTITUCIÓN DO VALEDOR DO POBO:

Eu, o abaixo asinante, no exercicio dos dereitos previstos na Lei 6/1984 (modificada pola lei 3/1994) comparezo perante a Institución do Valedor do Pobo e comunico os seguinte FEITOS:

PRIMEIRO: Que o pasado día 31 de Xullo do 2007, o Sr. Benigno López González (en declaracións como representante da Institución do Valedor do Pobo) realizou varias entrevistas reproducidas por varios medios de comunicación onde facía as seguintes declaracións:

-O principal inconveniente que pode ter o uso do galego na administración de xustiza, é que pode resultar, en certo xeito, perigoso. .

-Pretender que un xuíz someta unha sentenza ditada en castelán á tradución dunha oficina é, igualmente, perigoso porque nunha sentenza non hai só unha literalidade, se non que vai imbuída do espírito da sentenza, é dicir, o que o propio xuíz que a ditou quere dicir nela, e é difícil que esta percepción se poida facer por terceiras persoas.

-Se á mocidade se lle impón o galego, se se lle esixen uns niveis de materias como Matemáticas, Historia ou Literatura, o único que se estará logrando é que ese neno, ese mozo, logre adquirir unha animadversión fronte a un idioma

-Se un neno é suspendido polo galego, se o deixan por esa simple materia colgado para o curso seguinte, o único que logramos é que lle colla odio ao idioma.

SEGUNDO: Que o uso e a ensinanza do galego está garantido pola Constitución, polo Estatuto de Autonomía de Galiza, pola Lei de Normalización Lingüística de 1983, polo Plan Xeral da Lingua Galega ou pola a Carta Europea das Linguas; e a mencionada garantía inclúe, por suposto, os ámbitos xurídicos e educativos.

TERCEIRO: Que o Artigo 1.2. da Lei 6/1984 (do Valedor do Pobo) di que a actividade do Valedor do Pobo estenderase á tutela dos dereitos individuais e colectivos emanados do Estatuto de Autonomía, en especial, os sancionados no seu título preliminar. O Artigo 5 do título preliminar do Estatuto de Galiza di que "A lingua propia de Galicia é o galego. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua."

CUARTO: Que o artigo 1.1 da Lei 6/1984 (do Valedor do Pobo) di que O Valedor do Pobo é o alto comisionado do Parlamento de Galiza para a defensa, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma, dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas recoñecidos na Constitución e para o exercicio das demais funcións que esta lei lle atribúe. O artigo 3.3 do Título Preliminar da Constitución do Estado Español di que "a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección."

SÉTIMO: Que como cidadán galego podo extraer das declaracións realizadas polo Sr. Benigno unha minusvalorización do idioma galego que non lle permite visualizar como importante a súa defensa, polo tanto, dificilmente poderá cumprir co previsto no Artigo 1.1 e 1.2 da Lei 6/1984. Tamén podo entrever un recoñecemento implícito da súa incapacidade para actuar con obxectividade nos asuntos que se lle presenten e estean relacionados cos dereitos lingüísticos ao considerar, por exemplo, perigoso o uso do galego na Xustiza.

Por todo isto; SOLICITO:

Que se realicen as investigacións oportunas e se formulen as recomendacións pertinentes para que a Institución do Valedor do Pobo cumpra co previsto na súa lei e actúe coa maior dilixencia posible fronte ás vulneracións dos dereitos lingüísticos dos que teña coñecemento.

Voltar ao inicio desta nova