CONCENTRACIÓN DE APOIO DIANTE DA AUDIENCIA NACIONAL

No dia de onte perto de cen persoas deslocadas de diferentes localidades galegas máis outras solidarias de Madrid concentraronse na fronte do edifício da Audiencia “Nacional” en solidariedade cos mozos galegos, militantes de Nós-Unidade Popular: Santi, Alex, Cris e Carlos encausados polo xuiz Marlasca pola queima do retrato do rei español o pasado dia 6 de Decembro despois da manifestación de Causa Galiza..

Esta concentración foi apoiada expresamente por algúns colectivos da esquerda de Madrid e nela estiveron presentes varios amigos galegos residentes na capital do reino, como Carlos Taibo. Alí estivo tamén Pepita Seoane, nai de Carlos Cela Seoane, activista do SRI detido na pasada semana na cidade da Coruña, por inxusta e arbitrária acusación de ‘terrorismo’, que aínda continúa ingresado nunha carcere da capital española. Pepita recebeu o afecto das persoas concentradas, permanecendo toda a mañán xunto ao resto de persoas mobilizadas.

Entre as lexendas mais coreadas polas persoas concentradas, salientaron as de solidariedade com os acusados, e outras como “Liberdade para os povos”, “A Audiencia Nacional nom nos calará”, “A represión non é a solución”, “A solución: autodeterminación”, “Nen príncipe, nen rei: República Galega”.
..................................

"A LIBERDADE DE EXPRESIÓN EN PERIGO"

[Carlos Taibo]

28/01/2008

Sabido é que, ao abeiro do acontecido nunha manifestación pola autodeterminación celebrada en Vigo a principios de decembro, están abertas causas legais contra catro persoas acusadas de ter queimado un retrato do rei de España. Alén diso, tres membros da plataforma convocante da devandita manifestación, Causa Galiza, foron multados polo mesmo feito.

Sorprende, e desagradabelmente, o silencio xeral con que se están a recibir noticias como estas. En primeiro lugar, parece fóra de discusión que a queima do retrato do rei se verificou logo da manifestación en cuestión, circunstancia que invita a extrair unha conclusión que non parece precipitada: o propósito das autoridades non é outro que o de amedoñar áqueles que defenden ideas que non son as alentadas desde os núcleos de poder, e de facelo mesmo en casos como este, nos que semella evidente que os responsábeis da manifestación garantiron en todo momento un meticuloso respeito das normas preestablecidas.

Maior relevo corresponde, porén, a un segundo feito: que se abran causas legais, e que estas poidan terminar en condenas, contra xentes que queiman unha foto do rei parece un ataque en toda regra contra a liberdade de expresión. Non se esqueza que nestes casos, e por razóns que son evidentes, non hai violencia ningunha contra as persoas, e si, e sen mais, o designio de expresar un rexeitamento, tan simbólico como lexítimo, dunha institución connotada. Por certo que no miolo da conflitiva sentencia do chamado sumario 18/98, o relativo a determinadas de redes de suposta colaboración con ETA, hai elementos dabondo para concluír, de novo, que o que está en xogo é a liberdade de expresión: neste caso as condenas, non precisamente leviáns, de moitos dos acusados fórono polo seu apoio a unha estratexia de desobediencia civil que o xuíz interpretou era a mesma que desenvolveu no seu momento ETA. Sublíñese que no caso da maioría deses condenados resultou literalmente imposíbel, sen embargo, determinar relación material algunha con ETA.

Que circunstancias como as invocadas non preocupen aos medios de comunicación e á opinión pública é un mal indicador en termos de saude democrática. E de pouco acougo serve a certificación de que, se cadra, moitas destas medidas de irreponsábel represión ben poden explicarse en virtude dos miserentos e conxunturais intereses dunha campaña eleitoral.

[Voltar ao inicio desta nova]