O QUE É QUE SOMOS

Neste 1 de Maio de 2009 cumpríronse 25 anos do nacemento da nosa organización. Foron vinte e cinco anos de combate e de firme compromiso coas loitas e aspiracións da clase traballadora, tentando manter sempre a coherencia na edificación dun proxecto político, para nós irrenunciabel, ao servizo do povo galego traballador. 
Neste tempo tivemos que superar non poucas dificultades que obstaculizaron grandemente a construcción, consolidación e fortalecemento da nosa própia organización como primeiro paso para a recuperación dun aunténtico e grande Partido Comunista no noso país.  
O PCPG é un Partido xurdido do seo da parte máis consciente da clase obreira galega e, por tanto, non é algo alleo a ela nin está por enriba dela. A nosa tarefa non é outra que situar a esa clase no papel que obxectivamente lle corresponde: estar á fronte do noso povo traballador e converterse en protagonista do seu propio devecer.  
Fronte a aqueles que preconizan o fin da historia e a desaparición da loita de clases, o PCPG mantense firme nos principios do marxismo-leninismo, reafirmándonos na nosa dupla condición internacionalista e patriótica e reclamando a necesaria unidade dos traballadores, dos revolucionarios e revolucionarias e da esquerda social e política, indispensabeis para o noso combate no camiño da transformación social e a liberación nacional de Galiza.  
O Partido Comunista do Povo Galego é unha organización de militantes conscientes, de homes e mulleres que loitan para destruí-lo sistema capitalista e imperialista que se manifesta de moitas formas e asoballa secularmente ao noso povo, para exercermos o noso inalienábel direito democrático de Autodeterminación Nacional e construirmos unha sociedade moito máis xusta e igualitaria, sen opresión nin explotación entre seres humanos, auténticamente libre e democrática.  
Para dicilo en dúas palabras: o socialismo e o comunismo.
[Escrito o 1 de Maio de 2009]