Desde A Guarda a Ribadeo, desde O Courel á Terra Cha, un terremoto de especulación e depredación da terra e do mar está destruíndo a nosa natureza, a nosa paisaxe e a nosa forma de vida. Está destruíndo, polo tanto, a propia identidade de Galiza.
Hoxe, máis que nunca, Galiza precisa de nós!, da
nosa voz e da nosa forza!.
...Galiza no ano 2008
Até aquí chegamos:
O litoral galego está a sufrir un proceso especulativo de urbanización e privatización sen precedentes que destrúe a paisaxe e dana irreversiblemente os seus recursos pesqueiros e marisqueiros.
A artificialización da costa e a continua construción de recheos (que, as máis das veces, constitúen terreo de balde para empresas que nada teñen que ver co mar), únense a uns niveis de contaminación nunca ata agora rexistrados nas nosas rías e a un Plan de Portos Deportivos absurdo que pretende crear en Galiza máis amarres que os que ten todo o longo litoral oeste de Italia, multiplicando por catro os que existen en Francia por cada quilómetro de costa: Privatización do que é de todos para disfrute e negocio duns poucos.
A esa desfeita temos que unir un Plan Acuícola devastador que significa a destruci hectáreas das zonas mellor conservadas do noso litoral para a construción de múltiples eón de centos de enormes piscifactorías, para proveito de dúas empresas transnacionais.
A poboación de Merexo (vista aerea no círculo amarelo) ficaría illada do mar e semirodeada pola
piscifactoría de 270.000 m2 que se levaría ademais moitas das súas terras de
cultivo. Un exemplo, entre moitos posibles, do que significa este Plan Acuícola.
Os nosos ríos viven un proceso de degradación e sobre explotación hidroeléctrica que se suma ao abandono total do rural e dos montes: eucalipto e lume.
Estes últimos son ademais víctimas dun desaforado Plan Eólico que non ten en conta áreas de alto valor ecolóxico nin mesmo protexidas.
Por outra banda en Galiza temos dúas das centrais térmicas máis contaminantes de Europa e exportamos máis do 40% da enerxía eléctrica que aquí se produce.
Todos estes Plans (piscifactorías, portos deportivos ou parques eólicos indiscriminados), non significan ningunha mellora para a cidadanía. Xeran un número ridículo de postos de traballo e a riqueza que producen vai parar só aos petos das grandes empresas, dos grandes capitais, sen repercutir practicamente nada no tecido económico e social do país. Pero si destrúen, degradan e usurpan o que é de todas e todos nós: o medio ambiente, os recursos naturais, a paisaxe e o territorio.
Outro Plan da Xunta, o da Minaría, é un triste modelo de espoliación do territorio. Significa, ademais, a destrución dun dos nosos tesouros naturais máis valiosos e máis queridos, un tesouro que chegara intacto ata nós: A Serra do Courel. Pero tamén a Terra Cha e moitas outras comarcas de Galiza sufrirán as súas consecuencias.
Un rosario de industrias destructivas e perigosas segue a espallarse polo país
Reganosa, Pizarreira no Courel...
Reganosa, na Ría do Ferrol, é un exemplo paradigmático de temeridade, irresponsabilidade e desprezo pola cidadanía. Ence segue, ano tras ano, contaminando gravemente a Ría de Pontevedra. O proxecto de Parque de Residuos no Ribeiro sinala o rumbo polo que nos queren levar. E a lista podería seguir e seguir. Beneficios para uns poucos e inseguridade, lixo e destrución para tod@s.
O modelo de transporte e de mobilidade que se está a perpetuar e fomentar é o do vehículo privado diante dun transporte público actualmente misérrimo. A construción de autovías e vías de alta capacidade (base e eixo vertebrador do mal chamado "Plan de Reequilibrio Territorial") supón un forte impacto no territorio e o uso do automóbil privado máis emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.
Quen vexa o ridículo mapa dos ferrocarrís de Galiza saberá do que estamos falando: Catro raias mal trazadas constitúen toda a nosa "rede ferroviaria". Lonxe de tentar remedialo, agora queren vendernos (como abelorios aos indios) o AVE como solución. Un negocio tamén destrutor do territorio, elitista, enerxeticamente insustentábel e que de ningún modo solucionará o problema da vertebración do país.
Por se todo isto fora pouco, os Concellos das nosas vilas e cidades andan a debuxar Plans Xerais de Ordenación que, lonxe de pretender mellorar a calidade de vida da cidadanía, consisten en ver quen constrúe máis.
Un alarde de urbanismo salvaxe que na maioría dos casos pretende duplicar, senón máis, o número de habitantes nun prazo de dez ou quince anos. Pouco ou nada se fala neses planos de servizos, transporte público, carril bici, depuradoras... Construír e destruír a contorna rural é o lema, atendendo a non se sabe que absurda previsión de crecemento demográfico.
Coa coartada da ampliación da Rede Natura 2000 baleirouse de contido todo o sistema anterior de espazos protexidos. Así, e só na provincia de Pontevedra, máis de 20.000 hectáreas de solo perderon toda a protección anterior. O patrimonio histórico, os nosos petroglifos, mámoas e monumentos líticos son presa da destrución máis feroz.
A legalidade urbanística e medioambiental é sistematica e impunemente vulnerada coa complicidade das distintas administracións, cando non pola súa propia actuación e iniciativa. O país reborda de obras, actuacións e proxectos ilegais protexidos e bendicidos polos nosos gobernantes. As sentencias firmes de derrubo, mesmo as do Tribunal Supremo, nunca son executadas, aumentando a sensación de impunidade de uns e a de burla e desprezo á cidadanía.
E que dicir da clase política: Silenciosos, cómplices e coautores da catástrofe. Uns e outros, todos eles, préganse como nunca á avaricia dos grandes intereses económicos que subvencionan aos seus partidos e subornan as ideas que din representar.
Por iso, coa voz dos seus amos, pretenden enganarnos con palabras como progreso, desenrolo, crecemento... engadindo sempre, como unha xaculatoria hipócrita, a palabra "sostible". En realidade o crecemento é só para aqueles que lles pagan.
Os recursos de Galiza (e os do planeta) son limitados, e esta carreira de depredación e espolio é un camiño que non leva a ningures. Ou que leva só a hipotecar o futuro dos nosos fillos e á miseria das próximas xeracións.
Ficamos só nós, as cidadás e os cidadáns, para defender unha vez máis esta Terra da desfeita programada
Temos que recuperar o espírito das vellas xestas para amosar que aínda mantemos intacta a dignidade de pobo que non quere morrer.
Hoxe, máis que nunca, Galiza precisa de ti,
da túa voz e da túa forza!
Xuntos e firmes estaremos o 17 de febreiro en Compostela para defender a nosa paisaxe, a nosa natureza, a nosa identidade e a nosa forma de vida. Xuntos e firmes, baixo o sol ou baixo a chuvia, será un domingo radiante de esperanza para a terra dos nosos pais e dos nosos fillos, para a vida futura e, por que non dicilo tamén, para o noso ameazado planeta.
O 17 DE FEBREIRO ESTAREMOS EN COMPOSTELA
GALIZA NON SE VENDE!