Foto aparecida na Vanguardia de Barcelona.
Unha imaxe nunca vale mil palabras, pero as fotos da “agresión” e a pelexa entre os estudantes e os gardacostas de María San Gil, mentres ela ría, son toda unha declaración de principios do que é envelenar, distorsionar, utilizar, mentir, deturpar e utilizar politicamente o vitimismo e a confrontación barata.
Hai poucas semanas aparecía unha enquisa sobre os políticos máis valorados en Euskadi; María San Gil aparecía de última cunha porcentaxe baixísima. Estamos afeitos a escoitala na televisión, vehementemente, facendo do seu vitimismo unha profesión. A xente inocente e incauta, a forza de vela e escoitala, chega a crer que é verdade o que di.
O seu discurso, rancio e violento verbalmente, é o que lle deu esa baixa porcentaxe de aceptación e de votos entre a xente que ela di representar, porque todo hai que dicilo, as enquisas de popularidade dos políticos vascos non se fan nin nos cárceres españois e franceses onde están os membros de ETA nin nas Herriko Tabernas.
Profeta da desgraza fóra e dentro da súa terra
O monopolio na aparición na prensa escrita. As horas de televisión deturpando-declarando de María San Gil non son proporcionais ao número de votos desta señora; eterna candidata a ningún posto. María San Gil representa unha porcentaxe mínima da poboación residente en Euskadi, e polo tanto, debería ter un papel proporcional nos medios de comunicación escritos e audiovisuais. Os organismos públicos e autodenominados “serios” deberían escoller con máis coidado as persoas convidadas a dar charlas.
Jean Marie Le Pen tería moito que decir na Universidade de Santiago, e poño ese exemplo porque é precisamente o partido de María San Gil o que propuxo o “contrato de compromiso” cos inmigrantes, algo que San Gil, no caso vasco, non cumpre ela mesma. É, para ela, unha aberración cando se lles pide aos vindos de fóra que aprendan o idioma oficial de Euskadi, idioma que nunca lle escoitei falar, por certo, en clara contraposición (incumprimento) ao contrato-compromiso que debería unila á súa amada terra vasca que segundo ela tanto coñece... e quere?
Os estudantes galegos teñen todo o dereito a protestar e berrar pola visita dunha persoa que non representa a ninguén en Euskadi. Teñen dereito a protestar porque esa mínima porcentaxe de votantes que representa María San Gil amordaza e mete na cadea a outra gran porcentaxe de votantes vascos que son sistemática e contumazmente perseguidos polas súas ideas; recordemos que é un principio xurídico elemental no Dereito penal que o pensamento non delinque, unicamente nas ditaduras e nas teocracias.
María San Gil representa esa ditadura-teocracia disfrazada de Estado de dereito. Os estudantes que boicotaron a súa envelenada “disertación” empregaron as únicas armas de que os dota este Estado de dereito: o dereito a berrar.
A Universidade da que forman parte, non é so dos reitores e dos profesores, convidou ás agachadas a unha persoa non grata. É como se Otegi fora dar unha charla ao Casino de Valladolid ou á Facultade de Dereito da Complutense.
O sorriso de San Gil, mentres os seus gardacostas e polícias mallaban nos estudantes, é o corolario dunha vida dedicada ao vitimismo e á mentira que non dá réditos nas urnas, pero si nos medios de comunicación. Candidatos virtuais de partidos virtuais. Están en todas as partes, multiplicados por mil, menos nos votos.
Os estudantes que berraron e sabotaron a presenza desta eterna candidata da manipulación e da mentira merecen un desagravio e un respecto.
*Publicado no site Web da CIG [Voltar ao inicio desta nova]