N´A HABANA

Por: X.L. Méndez Ferrín*

Debemos agradecer ao goberno de Cuba que, por primeira vez na historia, Galicia fose recoñecida, nun acontecemento cultural de primeira magnitude, como País. Foi, seguramente o saben, en ocasión da celebración da "Feria Internacional del Libro de La Habana", de inmenso prestixio debido ao apoio histórico que á política cultural cubana lle viñeron prestando figuras das dimensións literarias dun Neruda, dun Cortázar, dun García Márquez, por non falar de Alejo Carpentier porque ese era da Casa. A Feira Internacional (non só únicamente iberoamericana) da Habana centrouse privilexiadamente en Galicia e, por parte, editou algúns libros de eiquí en castelán como contributo desinteresado, alén de ofrecernos a todalidade da súa infraestructura para o noso uso e desfrute. Convén agradecer tamén o feito de que a Xunta de Galicia, especialmente a Consellería de Cultura, estivo á altura das circunstancias e enviou á Habana algúns dos nosos grandes autores e autoras, alén de editores, músicos, e espectáculos entre os que compre destacar o que foi posto en escena sobre Rosalía e que axiña poderemos ver no interior da Patria. Raúl Castro estivo alí e presentouse en público como galego (el se quer pode votar nas próximas eleccións españolas...) e eu sei que Fidel estivo constristado por non poder asistir.

Voces alporizadas fixéronse ouvir eiqui contra a presencia de Galicia como País especialmente convidado na Feira do Libro da Habana. Unhas, iracundas e dun puritanismo máis ben calvinista, escandalizáronse do gasto, e estas procedían maiormente do eido político que hipotecara para sempre o noso orzamento no proxecto fantástico e alucinado do Monte Gaiás. Outros fixeron ondear ao vento a bandeira da Democracia e dixeron que era moita vergoña ir a un país no que non hai liberdades, confundindo seguramente a Habana coa paraíso do habeas corpus que é Guantánamo. Ben está toda esta argumentación pero na realidade a repulsa é de fondo e vén de outrén.

Na realidade, os incomodados críticos da presenza galega na Habana estarían tamén furiosos se tal se prudicira en Francoforte, pois xa apuparon moito cando Cataluña foi identificada como lingua e cultura diferenciada na feira do libro alemá. O que proe é que Galicia e o seu libro da Habana como Nación. Iso si que non pode ser dixerido por determinadas mentalidades do xénero servil.

Galicia débelle a Cuba elementos constitutivos tan notabres e diversos como podían ser o Himno, Rosalía, a bandeira nacional, Curros, Cabanillas e a Academia, por non citar máis cousas. Agora debémoslle a Cuba o noso primeiro recoñecemento internacional como País ou sexa Nación.

Seguiremos a tratar destas cousas a propósito dos discursos de posesión da nova cónsul do Reino Unido en Galicia, a bordo da fragata da súa Maxestade Británica "Lancaster" atracade a tales efectos de representación diplomática nas docas de Vigo.

*Faro de Vigo:22-2-08 [Voltar ao inicio desta nova]