A Plataforma apresentou, o 23 de maio no rexistro do Edificio Administrativo da Xunta en A Coruña, 17.000 sinaturas de cidadáns que demandan o saneamento da Ría, a fin dos vertidos, así como sancións ás empresas e particulares que contaminan.
A Confraría de Pescadores da Coruña, un dos colectivos que conforman a Plataforma, apresentou sete denuncias por vertidos ilegais desde o pasado verán. Hai escasos días, o pósito coruñés interpuxo outras dúas, nesta ocasión, por un fluído de espuma de procedencia industrial detectado a semana pasada e por outro de augas fecais que proveñen dunha canalización subterránea que está perforada. A alta concentración de coliformes (tipo de bacterias), á parte de impedir a extracción do marisco, supón mesmo un risco para os bañistas.
Por outra banda, a posta en funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais de Bens, unha das demandas recollidas no manifesto da plataforma, non será realidade até 2010, cando a Xunta anunciara que estaría habilitada en 2009. [Voltar ao inicio desta nova]