Unha compoñente desta crise é a suba dos prezos dos recursos enerxéticos, en concreto do petróleo. Detrás desta carencia, atópase en grande medida a irracional aposta dos grandes gobernos e multinacionais por obter combustible a partires da produción de cereais para agrocombustíbeis.
Inmers@s nunha crise de fame a nivel mundial, en troques de pan producimos etanol no sector agrario, un sector primario na división clásica de actividades económicas, a repercusión do encarecemento do petróleo está afectándonos aos labregos e labregas por dobre vía.
Primeiro de forma directa, polo incremento dos prezos en moitas das materias primas que consumimos nas explotacións e que son necesarias neste momento para a producción agrogandeira.
Gasóleo e gasolina, aceites, plásticos ou os adubos químicos.
Logo, de forma indirecta, polo incremento dos custes de transporte e pola suba dos cereais, necesarios para a alimentación animal.
O curioso é que os cereais non so suben porque hai un incrento nos custes de producción ou de transporte.
Soben porque o uso de cereais para a producción de agrocombustíbeis, fixo que aumentase a súa demanda, curiosamente derivada do incremento do prezo do petróleo e da busca de alternativas enerxénicas ao mesmo.
A natureza dos cereais, que se poden almacear durante periodos prolongados de tempo, fan que sexan empregados como un elemento especulativo, co cal o capital é capaz de xogar con eles como se fose en bolsa. A isto hai que engadir que, nos últimos tempos, a inestabilidade dos mercados financieros fixo que investir ou especular con cereais fose máis seguro e máis rendíbel que a epeculación en bolsa, sobre todo cunha demanda crecente para o uso na fabricación de agrocombustíbeis.
Se a isto lle sumamos os fortes investimentos públicos nos agrocombustíbeis, vemos como, novamente, as subvencións enriquecen aos mesmos especuladores de sempre, e perxudican por unha banda aos labregos e labregas do norte e por outra aos países pobres como os de África, que neste ano 2008 terán que soportar un 74% de incremento nos custes das importacións de cereais para alimentar á súa población.
Producción que se cadra poderían ter cuberto eles mesmos se non tiveran desmantelado a súa actividade agrícola para dirixila cara aos monocultivos para a exportación, incentivados por organismos como o Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional, ou a Organización Mundial do Comercio.
A Unión Europea segue apostando por que no 2010 o 10% dos vehículos adicados ao transporte empreguen agrocombustíbeis, todo isto a pesares das recomendacións da propia ONU de facer unha moratoria no cultivo adicado a este fin para frear unha crise alimentar global.
A propia FAO recomenda, como medida estructural, fortalecer a pequena actividade agrícola para garantir seguridade alimentaria en tempo de crise.
Todo o contrario do que se está facendo, xa que as políticas actuais priman ás grandes explotacións monoproductivas e pechan os ollos ante a desaparición de pequenas e medianas explotacións.
Esquecen que estas explotacións son necesarias para garantir non só un mundo rural vivo, senón tamén a seguridade alimentar da nosa poboación.
Neste momento, o debate e a loita pola soberanía alimentaria vóltase aínda máis necesario.
Do mesmo xeito, no canto de seguir incentivando a producción de agrocombustíbeis, compre mudar o modelo enerxético actual, catastrófico para o planeta e as persoas polo nivel de consumo que supón.
É preciso camiñar cara un modelo enerxético máis eficiente, e este terá que ter como principal obxectivo reducir o actual. [Voltar ao inicio desta nova]