HOMENAXE A UN PATRIOTA E COMUNISTA GALEGO: LUIS BLASCO "FOZ"

O comunista galego Luís González Blasco ‘Foz’ recibirá unha homenaxe en Compostela o próximo día 14, como recoñecemento dunha vida coherente cos seus ideais patrioticos e revolucionarios, adicada a combater a opresión, a explotación e a discriminación e, ao dicir dos organizadores, como "símbolo da solidariedade irmandiña". O acto será no Instituto Arcebispo Xelmírez, onde impartiu aulas, e nel intervirán, entre outros, Xosé Luis Méndez Ferrín, Xesús Sanxoás, Margarita Ledo ou representantes do Sinn Fein ou UDB e actuarán Miro Casabella, Tino Baz, A Quenlla e Na Virada.

Luis González Blasco, ‘Foz’, formou parte do Consello da Mocidade (62-63) do que foi expulsado "polo sector coñecido piñeirista", xunto cun grupo de mozos acusados de comunistas, que fundan ao ano seguinte (1964) a Unión do Pobo Galego (UPG). É precisamente, no nacemento da U.P.G onde participou de xeito decisivo asegurando custións “loxisticas” e de infraestructura (do que, hai que dicilo, non foi suficientemente recoñecido), unha laboura na que atopou axuda, como el lembra frecuentemente, no lendario e histórico militante comunista compostelán Antonio Silva “Chuvieiras”, quen logo foi camarada do noso partido, o PCPG até a súa morte.

Os organizadores queren recordar e homenaxear a traxectoria profesional, intelectual e política de Foz, "sempre ligada ó Movemento de Liberación Nacional Galego e á causa das liberdades”.

Exiliado en 1968, ata 1974 "foi o promotor principal" da organización de núcleos da UPG en Francia, Holanda, Reino Unido, Italia, Suíza ou Alemaña e participa na redacción da Carta de Brest, "que tivo unha enorme transcendencia política en toda Europa ó denunciar os réximes fascistas e a opresión colonialista das nacións sen Estado".

Nestes actos, que pretendemos que sexan multitudinarios, lembraremos, como non, os seus primeiros anos de estudante fóra de Galiza, en Xixón e Madrid, onde entra en contacto co grupo ‘Brais Pinto’, a súa participación na elaboración da Carta de Brest, os seus primeiros trazos marxistas e patrióticos...

A súa estancia en Portugal para conectar coas forzas revolucionarias e os refuxiados galegos marca a súa idea dun Portugal inseparable dos intereses nacionais galegos e do reintegracionismo lingüístico. Á volta do exilio, abandona a UPG na súa primeira escisión e participa noutros proxectos comunistas ligados ó independentismo, como o PGP, a FPG (1987), a APU.. dirixindo grande parte do seu traballo intelectual á investigación lingüística e á docencia. [Voltar ao inicio desta nova]