Demandamos unha actuación firme das Administracións para que cesen os verquidos á Ría, e esiximos sancións contundentes contra os causantes directos da contaminación.
Asimesmo adherímonos ao contido do manifesto que a Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo e outras organizacións convocantes teñen feito público.
MANIFESTO DA PLATAFORMA PARA A DEFENSA DA RIA DO BURGO:
Vimos padecendo desde hai anos na Ría do Burgo unha situación moi prexudicial para toda a cidadanía, pero especialmente para as actividades marisqueiras das que viven centos de familias, como consecuencia dos vertidos das augas residuais dos Concellos de A Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros.
É o desprezo e o incumprimento de normativas, entre outras, europeas, por parte do Goberno español, o retraso na construción e posta en funcionamento da EDAR, polo Ministerio de Medio Ambiente, o non rematado proxecto de saneamento das augas residuais, responsabilidade da Consellería de Medio Ambiente, sumado a pasiva actuación dos Concellos, a que está a causar constantes vertidos a unha Ría do Burgo convertida hoxe en foco de contaminación e sumida nunha grave degradación medioambiental.
A declaración de zona “ C “ por parte da Consellaría de Pesca como consecuencia desta contaminación (nove veces superior á autorizada para a extracción de moluscos) evidencia esta gravidade, tendo na actividade marisqueira as súas primeiras vítimas, impedidas de poder traballar, desde hai moitos meses.
Por todo isto, as entidades abaixo asinantes preocupadas por toda esta situación acordan constituírse en PLATAFORMA PARA A DEFENSA DA RÍA DO BURGO co fin de demandar das diferentes Administracións responsábeis:
- A firme actuación na aplicación de sancións aos causantes directos e indirectos de vertidos á Ría do Burgo.
- A finalización do proxecto integral de saneamento para eliminar os importantes focos de contaminación que aínda existen nos Concellos de A Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros, que verten indiscriminadamente na Ría do Burgo.
- A posta en funcionamento urxente da EDAR de Bens.
- A definición, consensuada coas agrupacións de marisqueo, dun Plano de Rexeneración medioambiental, de limpeza integral da Ría do Burgo para o gozo e lecer cidadán, así como de Recuperación dos bancos de marisco con liñas de axuda ao cultivo e a produción.
- Defender a vixencia temporal indefinida dos actuais Convenios subscritos entre a Consellaría de Pesca e ás agrupacións de marisqueo da Ría do Burgo, mentres non se teña producido unha total eliminación dos vertidos e se poida desenvolver con normalidade a actividade marisqueira. [Voltar ao inicio desta nova]