VAIA VAIA, QUE TALANTE COAS MOBILIZACIÓNS DA PATRONAL!

O MpDC amósase sorprendido pola actuación da Delegación do Goberno fronte as mobilizacións patronais e lembra que recentemente prohibiu varias concentracións e sancionou a cidadáns que participaron noutras mobilizacións con cantidades desorbitadas.

O Movemento polos Dereitos Civís pregúntase públicamente se a Delegación do Goberno Español vai continuar na súa liña represiva, prohibicionista e de “tolerancia cero” seguida até o de agora contra as mobilizacións sociais encabezadas por organizacións da clase traballadora e outros colectivos progresistas aos que incluso se lle teñen aplicado multas astronómicas. Se tamén lle vai abrir expedientes administrativos aos armadores e empresarios que estes días estan a protagonizar cortes de tránsito e, incluso, aos que, da man do PP intentaron entrar violentamente no Parlamento Galego, un suceso que lembra a outro similar ocorrido no 2005 cando un grupo de alcaldes do PP se manifestou e tentou tomar pola forza a Cámara galega, nun acto cun claro corte político e partidista. Como di o MPDC, as mobilizacións ocorreron no día en que se celebra un Pleno parlamentar, e a lexislación prohibe calquera tipo de manifestación, estean ou non comunicadas, diante do edificio do Hórreo durante as sesións.

Non queremos darnos de pitonisos, mais sospeitamos, coma estes compañeiros, que neste caso non se aplicarán sancións..Nós, claro está, rexeitamos, como o MPDC, as vias represivas, pero a actuación gubernativa ante os patróns e armadores amosou até o de agora unha escandalosa discriminación cos sectores sociais da clase traballadora aos que se reprime, prohibe ou sanciona brutalmente. Lembremos: o escarmento que están a preparar contra os traballadores do metal, a represión dos mariscadores da Coruña que protestaron recentemente para mellorar as súas condicións laborais, a mani de Causa Galiza o 6 D, a concentración diante da COPE...por poñer alguns exemplos.

[Voltar ao inicio desta nova]