Depredador, irresponsábel e inxusto. Así poderiase definir o modelo que as grandes promotoras inmobilarias implantaron neste país nos últimos anos.
A xa admitida suspensión de pagos de Martinsa-Fadesa é algo máis que un preámbulo da grave crise económica que está por chegar. É sobre todo a constatación do nefasto modelo económico e social que este país optou por desenvolver. Un modelo que as grandes empresas como Fadesa non tiveron ningún reparo en institucionalizar e os poderes públicos en bendecir. Eran previsibeis as consecuencias do chamado boom inmobiliario, outros países xa o padeceran e souberon atallar antes da debacle. Aínda así o goberno español e os distintos gobernos autonómicos miraban para outro lado cando os especialistas económicos advertían das terribeis consecuencias que acarrearía a libre actividade dos empresarios da construción.
A situación creada pola desaparición de Martinsa-Fadesa ocasiona moitos e graves prexuizos a milleiros de cidadáns que apostaron por investir en vivenda os aforros familiares. A máis grande urbanización desta compañía en Galiza atópase no concello de Miño. Máis de 1200 vivendas, algunhas delas aínda en construción, erguéronse nunha paraxe que ocupa unha extensión de 160 hectáreas, é dicir 160 campos de fútbol. O Concello de Miño participou naquel intre nunha das máis grandes inxustizas que se cometeron contra os propietarios de terreos ao permitir a Fadesa expropiar milleiros de ferrados que foron abonados a prezos irrisorios. Abonda como exemplo o pago de 600.000 pesetas pola expropiación dunha finca que logo foi revendida por Fadesa por 25 millóns de pesetas. Por termo medio Fadesa pagaba a millón por ferrado e logo o vendía como parcela a 11,5 millóns. Foi este o primeiro caso de axente urbanizador aplicado na nosa comunidade.
Unha pequena parte das vivendas construidas neste macrocomplexo urbanístico xa foron vendidas e destas, unhas poucas están habitadas na actualidade. O resto está en período de construción e, polo acaecido ultimamente, así permanecerá durante moitos anos. Esta situación confire á urbanización un aspecto desolador que se estende polos milleiros de metros cadrados da que antes fora unha apreciada zona rural rica en vexetación. A herdanza de Fadesa vislúmbrase agora nunhafadesa4.jpg imaxe pantasma dunha “casi” urbanización que por carecer, carece do máis elemental, agás do prometido campo de golf. Hai que salientar que o proceso de urbanización non se levou a cabo ao mesmo tempo que se levantaban as vivendas . O resultado é unha falta total de servizos como depuradora de augas residuais, viais de comunicación e acceso á autoestrada A-9, reclamo este utilizado pola empresa para a promoción das vivendas. Ao excesivo consumo de auga demandado polo campo de golf, hai que engadir a falta de tratamento das augas residuais que son vertidas directamente ao mar e provocan a contaminación dos bancos marisquieiros do litoral mariño.
Unha enorme irresponsabilidade que abrangue aos representantes do goberno galego que optaron polo apoio ao sector empresarial máis depredador de cantos temos constancia na actualidade. Leis que permiten a expropiación forzosa, a construción salvaxe, a destrución da paisaxe e a devastación dos recursos sustentabeis do medio rural e do litoral, son merecedoras do rexeitamento máis furibundo por parte da nosa sociedade. [Voltar ao inicio desta nova]