DIA DA PATRIA: SEN AUTODETERMINACIÓN, NON HAI SOBERANIA NIN XUSTIZA NIN LIBERDADE PARA O NOSO PAÍS!

Como ficou dito nesta mesma páxina, o PCPG, como unha máis das organizacións adherentes da Plataforma Causa Galiza vai participar na única manifestación verdadeiramente soberanista e autodeterminista que se celebra neste próximo 25 de Xullo. O C.N do noso partido súmase ao MANIFESTO DE CAUSA GALIZA CONSENSUADO DEMOCRÁTICAMENTE PARA ESTA OCASIÓN E DAMOS A COÑECER, A SEGUIR, A SEGUINTE DECLARACIÓN DO PCPG.

Os comunistas do PCPG, saudamos aos participantes, de todas as partes de Galiza, se manifestan neste Dia da Patria Galega a prol dos nosos dereitos nacionais.

Xunto con esa parte máis conscente do povo galego reivindicamos, un ano máis, o dereito a decidirmos por nós mesmos, a augobenarmos e organizarmos soberanamente a nosa vida e o noso futuro como como povo.

Demandamos, máis unha vez, o elementar dereito democrático de AUTODETERMINACIÓN nacional e condenamos todo aquilo que nos aldraxa, que se opón ou impide secularmente o exercicio das nosas liberdades nacionais e de clase.

Repudiamos un réxime que subordina a nosa vida aos propósitos dos que destrúen os nosos recursos e medios de explotación tradicional e que expulsa, ás cheas, do noso campo e do noso mar, á nosa mocidade para traballar, ao lado de inmigrantes doutros países, en obras, fábricas e posesions de, ou para, o enriquecento alleo.

Condenamos os séculos de dominación imperialista do Estado Español e a tirania expoliadora que padecemos das súas oligarquias e exiximos liberdade e respecto para todos todos e todas os que denuncian, loitan e rebelan; para todos e todas aqueles que son infamados, maltratados ou mesmo presos e desterrados nos cárceres dun Estado imposto, corrupto, borbónico e aborrecibel que xa é, en si mesmo, cárcere de nacións e de povos.

Rexeitamos un sistema asimilista que ataca sen piedade a nosa lingua nacional e proletaria e marxina a nosa cultura mentres que, desde o seu desdén neo-colonialista e gran-español, infiltra e difunde entre o noso povo a especie do bilingüismo e a cultura “común”.

Non nos resignamos con esta realidade dunha Galiza relegada, rica en recursos que sigue a producir pouco xantar para os seus habitantes, na que existe un mar de desemprego, prestacións de miseria e salarios ou pensións inferiores ao promedio de todo o Estado Español e na que, ainda agora, ducias de milleiros de mozos galegos teñen que abandonar o seu país e irse a vivir noutros bairros moi lonxanos onde atopan os peores traballos e os salarios máis baixos.

Os paladins do réxime e os seus plumíferos (tardofranquistas, social-“progresistas” e “demócratas de toda la vida”) coa complicidade de novos autonomistas, ben instalados nas institucións manipulan, falsifican e xustifican isto con todo tipo de mentiras piadosas.

Son os mesmos que defendían hai pouco menos de 30 anos o principio democrático da Autodeterminación que descalifícan agora. Os mesmos conversos que, con descaro e impudicia criminalizan hoxe a súa simples mención propagando que no noso pais se teñen acadado cotas de autogoberno (“autónomo”, claro está) seica nunca vistas.

Son os que vencellan dogmáticamente o noso futuro como povo, a nosa prosperidade e desenvolvemento nacional a unha meirande integración no reino de España e na USA-Europa imperialista. Outros coa súa práctica autonomista e de entusiasta “lealdade constitucional”semellan advertir que os soños de autodeterminación xa extinguiron.

Máis a cada paso, do seo do povo galego xurden colectivos que organizan a rebeldía popular e de clase, mozos e mozas, homes e mulleres dignos e lúcidos que non dimiten nin se resignan; xenerosos e capaces para organizaren resistencias e combates contra a submisión e decaemento nacional; contra a explotación capitalista, a inxustiza social e a represión en todas as súas formas; contra as guerras de agresión e barbarie a outros povos e o deterioro ambiental.

É-nos moi grato ver que neste mesmo ano ducias de milleiros de manifestantes sairon ás rúas do noso país para dicir ou berrar que Galiza non se Vende!. Milleiros e milleiros de de persoas dignas, de toda condición, traballadores e traballadoras galegos que se erguen en todo o país contra os plans destructivos promovidos polo grande capital, contra as privatizacións, a precariedade e inseguridade laboral, a represión e persecución da disidencia ou a suba dos prezos. É un sinal inconfundibel de que o povo galego traballador e a súa mocidade están resoltos a seguir loitando en defensa da Terra, contra a súa dominación secular, contra a explotación e a opresión nacional a mans das corporacións do capitalismo español e transnacional.

A parte máis conscente entre o noso povo traballador e a nosa mocidade nin se vende nin vai aceptar submisamente estes plans. Non o imos a aceptar nin avalar nunca os os comunistas, os patriotas e verdadeiros demócratas e progresistas, como non o fixeron outras xeracións durante séculos, como non o fixeron os nosos camaradas que loitaron por acadar, baixo principios internacionalistas e leninistas o exercicio do dereito de autodeterminación e independencia nacional (así falaban nos anos 30) para Galiza. Esa é a liña histórica e vermella que imos a continuar!. Daí vimos e dese camiño non imos a afastarnos.

Non importan nin nos impresionan os cantos de serea, as sutilezas, reviravoltas, atavíos e designios que o Estado Español lle teña reservado a Galiza. O futuro baixo a súa dominación e despotismo será máis explotación e inxustiza social, máis destrución da territorio, máis depauperización e máis ataques ao idioma, á identidade e á cultura milenaria do noso povo traballador.

Inspíranos a clarividencia, paixón e firmeza dos líderes comunistas Benigno Álvarez e Luis Soto, Gaioso e tantos outros cuxas vidas foron, ao lado doutros revolucionarios, demócratas e patriotas galegos, un paradigma de combate sen tregua ao servizo do noso povo, polo socialismo e a soberanía do noso país.

Como dicia algún dos nosos clásicos, a autodeterminación é categoricamente a esencia da loita de clases nas nacións sen estado. Só “tomando control” dos seus recursos e territorio pode o povo traballador galego avanzar cara súa emancipación.

E só facendo iso pode comezar a construír o socialismo.

O Partido Comunista do Povo Galego, como parte desa loita que, por leninista, é nosa desde o primeiro momento apoiamos esta causa de todo corazón e instamos ao noso povo traballador a sumarse decidida e masivamente a ela.

Neste Dia da Patria, o PCPG saúda e chama a apoiar esta nova iniciativa unitaria de Causa Galiza, plataforma unitaria que agrupa a ducias de organizacións e colectivos de todo o país entre os que estamos desde a primeira hora, hoxe expresión plural e coincidente nese camiño de loita que debemos percorrer en común, sen particularismos e con espirito de xenerosidade e de integración.

ESTATUTO NON!, UNIDADE POLA AUTODETERMINACIÓN E A SOBERANÍA NACIONAL.

POR UNHA GALIZA SEN EXPLOTACIÓN.

POR UNHA GALIZA CEIVE E SOCIALISTA!

Comité Nacional do Partido Comunista do Povo Galego