O goberno galego aproba o Plan de Acuicultura en contra do sentir das asociación veciñais e colectivos ecoloxistas.
[Galiza Non Se Vende]
Un cento de representantes de diversos colectivos ecoloxistas e plataformas veciñais manifestáronse hoxe ante as dependencias do Edificio Administrativo de S. Caetano onde se celebrou o Consello no que se aprobou o chamado Plan Galego de Acuicultura.
Pérez Touriño, preocupado pola oposición ás piscifactorias, responde: “Galicia non se vende” (GZnación)
O goberno galego continúa a traballar a prol dos grandes grupos empresariais e contra a opinión da meirande parte das xentes do país aprobando un plan piscícola que asume, con tendenciosas maquillaxes, o anteriormente proxectado polo goberno de Fraga e mesmo aumenta o espazo de costa exterior a destruír en máis de 755.000 m2. A expropiación forzosa porá en mans de unhas poucas empresas, (Pescanova, Stolt Sea Farm, Isidro de la Cal e poucas máis) propiedades particulares que Touriño insiste en que serán de titularidade pública e estarán adxudicadas por concurso público, como se iso cambiara algo os feitos.
O goberno emprega como escusa a non afección á rede Natura 2000 cando non é certo. En primeiro lugar, parte deses case 3 millóns de metros cadrados de litoral a esnaquizar si están en rede Natura, concretamente o 1,8% e ademáis, moitas das macroplantas lindan con espazos protexidos -nos que si se intalarán estruturas de bombeo- hipotecándo de por vida a súa posíbel ampliación, as súa paisaxe e as súas augas, ás que verterán refugallos as plantas. En segundo lugar, o bipartito dá o visto bo a unha ridícula Rede Natura 2000 tamén proxectada polo goberno Fraga, que é, despois de Melilla, a máis pequena do Estado. Galiza conta co 11,9% do territorio galego protexido baixo esta figura, cando a media española é do 25,5%. E en terceiro lugar, a ampliación da rede Natura 2000 prevista polo actual executivo deixa fóra dos lindes de protección xustamente os espazos destinandos ás fábricas de peixe, delatando ben ás claras que a política conservacionista neste país faise na mesa da patronal acuícola.
Tamén promete 1.966 empregos directos, cifra dificilmente xustificable debido á mecanización do proceso, como non sexa na fabricación da maquinaria, posiblemente en puntos alonxados de Galiza, e non se refire á calidade deses empregos.Laiase tamén de ter contestado a 1.001 alegacións, contestacións que son un compendio de prepotencia e desprezo ao cidadán. Podemos citar como xoia da literatura empregada por eles a seguinte: “Partir do suposto da falta de capacidade técnica e humana da administración - referíndose ao dubidoso control sobre os efectos e vertidos das instalacións xa existentes- constitúe unha apreciación que, por si mesma, descualifica o que sobre a súa base se alega”. Por non citar con detalle outras “xustificacións” ou omisións en temas de máis profundidade como á utilización de dominio público con fins lucrativos particulares ou a ocupación de chan rústico de protección de espazos naturais.
Veciños de Quilmas e Corrubedo, asociacións como Verdegaia, Adega, Greenpeace e a rede Galiza Non Se Vende, manifestaron a súa protesta durante dúas horas en tanto se celebraba a reunión na que o executivo galego aprobou a que será unha das máis grandes desfeitas que se producirán no litoral galego: a construción de 13 novas piscifactorias e a consolidación doutras 11 xa existentes, algunhas delas ocupando terreos da Rede Natura.
Esta privatización encuberta do litoral suporá outorgar ás grandes multinacionais a explotación de extensas superficie agora adicadas á extracción tradicional dos recursos mariños suprimindo así os medios de manutención de milleiros de familias. E iso sen esquecer a grave contaminación que estas plantas acuícolas ocasionan ao medio mariño cuxa riqueza vese esquilmada pola avaricia das grandes multinacionais.
Merece criticarse a actitude do goberno galego que non admitíu nin unha soa das mil alegacións presentadas polos colectivos afectados e organizaciòns ecoloxist
as. E todo iso coa endeble xustificación de conseguir aumentar a produción de peixe plano e os conseguintes beneficos para as empresas do sector, beneficios que agardan aumentar en 50 millóns de euros. Pouco ou nada importa, neste caso, a destrución dunha paraxe e dun xeito de vida sustentable. Pero o proceso continuará, e entre os colectivos integrados en Galiza Non Se Vende non se descarta a formulación dun contencioso administrativo no momento mesmo en que o presente plan entre en vigor.
[Voltar ao inicio desta nova]