CONVOCATORIA PARA O 1º FORO SOCIAL GALEGO. OS 5, 6 E 7 DE DECEMBRO DE 2008

O Consello do Foro Social Galego, constituído o día 29 de marzo en Santiago de Compostela por mandato dunha Asemblea de Movementos Sociais celebrada o 26 de xaneiro en Galiza, fai un chamamento para a mobilización de todo o tecido social galego e toda a cidadanía do país, homes e mulleres que dun ou doutro xeito andan na procura dun outro mundo posíbel, para os vindeiros 5, 6 e 7 de decembro de 2008, cando terá lugar en Santiago de Compostela o primeiro Foro Social Galego.

A REALIDADE DO FORO SOCIAL GALEGO

Pensar e construír alternativas desde Galiza

Santiago de Compostela, 5, 6 e 7 de decembro de 2008

A semente de Compostela

O pasado 26 de xaneiro, respondendo á convocatoria lanzada polo Consello Internacional do Foro Social Mundial –FSM–, celebrouse na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela un Día de mobilización e Acción Global en forma de Asemblea de movementos Sociais. Máis de 80 organizacións de todo o espectro social galego e case que 200 persoas encheron a aula magna da dita Facultade para decidir a futura recreación do proceso do FSM en Galiza. O Foro Social Galego –FSGal– estaba en marcha.

Na dita asemblea decidiuse constituír un Consello do FSGal para camiñar cara a celebración do mesmo antes do FSM 2009, que terá lugar o vindeiro xaneiro en Belém do Pará (Brasil). Corenta e cinco persoas de trinta organizacións manifestaron a súa disposición a traballar neste Consello, cuxa única misión é a de facilitar a celebración e constitución do Foro Social Galego.

Reproducir o FSM

O Foro Social Galego, ao igual ca o Foro Social Mundial, é un espazo de debate democrático de ideas, profundización da reflexión, formulación de propostas, cambio de experiencias e artellamento de movementos sociais, redes, ongs e outras organizacións da sociedade civil que se opoñen ao neoliberalismo e ao dominio do mundo polo capital e por calquera forma de imperialismo.

Despois do primeiro encontro mundial do FSM, realizado en Porto Alegre no 2001, configurouse un proceso mundial permanente de busca e construción de alternativas fronte ás políticas neoliberais e alentouse a constitución doutros foros sociais e temáticos, como espazos de intercambio, busca de alternativas e artellamento de loitas. Froito desta dinámica –na que o noso País estivo representado dende o comezo– xorde finalmente o Foro Social Galego.

O FSM caracterízase tamén pola pluralidade e pola diversidade, tendo un carácter non confesional, non gobernamental e non partidario. Propónse facilitar o artellamento, de xeito descentralizado e en rede, de entidades e movementos en accións concretas, do eido local ao internacional, pola construción dun outro mundo, pero non pretende ser unha instancia representativa da sociedade civil mundial. O Foro Social Mundial non é unha entidade nin unha organización e réxese por unha Carta de Principios que asume tamén como propia o Foro Social Galego.

O Foro Social Galego

Porque as galegas e os galegos temos a nosa propia visión do mundo e a nosa problemática nacional concreta dentro da globalización. Porque as galegas e os galegos queremos que o noso País sexa parte activa e solidaria dese mundo que loita por acadar xustiza social global. Porque cremos que si, que un outro mundo é posíbel…

Asumimos a carta de principos do FSM facéndoa nosa, dándolle vida e forma coa realidade propia da Galiza, dos seus movementos sociais e da súa cidadanía e convocamos á participación no Foro Social Galego, que terá lugar os días 5, 6 e 7 de decembro de 2008 en Santiago de Compostela.

Co lema “Pensar e construír alternativas desde Galiza” o FSGal estará artellado arredor de actividades autoorganizadas e autoxestionadas polos movementos sociais galegos adheridos ao proceso. O Consello do FSGal encargarase unicamente de fornecer o espazo do FSGal e facilitar a celebración das actividades que deberán enmarcarse dentro de catro eixes temáticos:

1. Modelo económico e límites do crecemento

2. Vida e traballo

3. Soberanía e diversidade fronte a uniformización e imperialismo

4. Defensa das liberdades e dereitos sociais

Porque outra Galiza e outro mundo son posíbeis… [Voltar ao inicio desta nova]