Salvemos Monteferro [GNSV]
A RÍA NON SE VENDE rexeita a celebración do campionato do mundo de barcos monocasco (Powerboat P1) en augas da ría de Vigo, por representar unha nova afronta e agresión á súa bioloxía e ecoloxía en xeral, unha temeridade, un atranco ó tráfico marítimo e un malgasto de diñeiro público.
Os mesmos organismos que non son quen de resolver os graves problemas crónicos que afectan á saúde desta ría, non dubidan en dilapidar grandes sumas de diñeiro promocionando actividades paletas e insalubres, circos aéreos e acuáticos que constitúen a antítese da educación medioambiental necesaria. E para iso desvían fondos que serían de gran utilidade para afrontar os enormes problemas que temos prantexados en gran parte pola súa incompetencia permanente.
Denunciamos que os arredor de 30 barcos monocasco, con 2000 Cabalos de potencia e velocidades de máis de 150 kms. por hora van provocar unha enorme contaminación acústica, tanto supra como submariña, e un elevado consumo de combustible, provocando así mesmo contaminación atmosférica con gases de efecto invernadoiro de clara incidencia no cambio climático. A contaminación acústica submariña ten graves efectos sobre a fauna e particularmente sobre os mamíferos mariños, como os arroaces. Ademais, ao celebrarse nas proximidades da estación marítima, tamén vai supor un atranco ó transporte da ría.
Por outra parte os máis de 300.000 euros que vai custar o evento nos parece un malgasto inxustificable en tempos de crise económica e o peor é que van ser sufragados con fondos públicos pagados polo Concello de Vigo e a Autoridade Portuaria.
Responsabilizamos ao goberno municipal de Vigo PSOE-BNG e á dirección do Porto desta nova afronta, que non muda acontecementos similares anteriores de gobernos pasados, e denunciamos que sen embargo non é de recibo que despois se nos diga que non hai diñeiro para comprar unha relíquia histórica coma o Hidria II.
A tolemia segue imperando, pero a loita continúa.
A RÍA NON SE VENDE, GALIZA NON SE VENDE
[Voltar ao inicio desta nova]