O capitalismo global, esta salvaxada que algúns consideran a esencia da “cultura occidental”, a cultura superior á que todas as demais deben recoñecer como tal, o imperialismo, está a amosar nos últimos tempos a súa verdadeira faciana. Os seus alicerces, capital financeiro, banca, deus mercado, institucións internacionais, bolsas, asesores financeiros, etc., e os principais dirixentes e políticos que lles permitiron actuar, parecen saídos, segundo vamos coñecendo o alcance das súas actuacións e as consecuencias das mesmas, dun verdadeiro “patio de Monipodio” cervantino. E no albañal que sae do mesmo tiran como se foran putrefactos desperdicios, sen amosar a máis mínima vergoña, todas as teorías, regras e leis económicas, das que tanto alardearon e coas que tanto dano fixeron a poboación planetaria. Teorías, regras e leis que dicían, eran inmodificables e a base do bo funcionamento do sistema; ¡¡vaia neoliberais de pacotilla, que diante das dificultades acoden solícitos á protección do “pai estado”, que din molesta e con quen queren acabar, cando os negocios lles van ben!!
Os traballador@s asalariad@s están hoxe, en mellores condicións que nunca para aprende-la lección do que representa o capitalismo: unha estafa permanente, onde con cobertura legal unhas veces e pola ausencia da mesma outras, os que se fixeron ricos, a saber como, os propietarios dos medios de produción, premen e explotan, en primeiro lugar ós que venden a súa forza do traballo a cambio dun salario, pero tamén a outros sectores non asalariados; e cando chegan as dificultades, o estado, ese concepto que resume a actividade de institucións e aparellos variados, aparece dun xeito nidio como o que é, un instrumento ó servizo dos poderosos, dos “donos do sistema”, disposto a empregar os cartos de todos os que pagan impostos e poñelos ó servizo dos explotadores, que ademais son uns incompetentes, avariciosos, ladróns e enganadores. Pero debemos ter coidado coas nosas verbas, xa que un argumento que empregan para explica-la actual situación, é o de que o sistema non fallou, e si fallaron uns individuos carentes de ética. ¡Como si o sistema capitalista fora ético!
Polo tanto este repunte da crise, levamos instalados na mesma desde finais dos anos sesenta do século pasado, de maior virulencia que outros, só comparable en algún aspecto á de 1929 e o crac bolsístico de 1987, debe servir para clarexar quen son os nosos inimigos de clase, quen poden ser os nosos aliados para abrir perspectivas de avance cara a un modelo novo de sociedade onde sexa imposible acontecementos como os que estamos a vivir e estean excluidos todos estes parasitos da vida económica, social e política.
Algúns asalariados na súa miopía, consubstancial coa inexistencia dunha forza da esquerda capaz de levar a teoría revolucionaria ó seo das clases oprimidas, e de potenci-la loita de clases, poden chegar a cavilar que unha grande parte dos directivos das empresas quebradas “darán cos seus osos no cárcere”; outros sentiranse presas do desacougo ante o posible derrube do sistema capitalista e a desaparición da figura do empresario. Non vai suceder nin o primeiro nin o segundo, e posiblemente dada a correlación de forzas existente no estado español, na Unión Europea e a nivel planetario, as forzas que apostan pola substitución do capitalismo, por unha nova sociedade máis xusta e igualitaria, poucos avances van obter en todo este proceso que esta a comezar. Pero si aconteceran as devanditas dúas premisas, a sociedade seguiría a funcionar e dun xeito máis xusto e eficaz a como o fai na actualidade.
E a realidade é que hoxe a necesidade dun cambio estrutural, fondo, revolucionario é necesario, pois a contradición entre o desenvolvemento das forzas produtivas e as relacións sociais de produción nunca foron máis fondas. O capitalismo, despois de tantos anos de existencia, de hexemonía na maior parte do planeta, aínda non foi quen de dar solución a un problema como a fame que golpea a unha parte moi importante dos cidadáns do mundo.
Aínda que sexa sinxela é preciso facer unha reflexión sobre este tema; ¿como é posible que morran ó ano millóns de persoas de fame, en pleno século XXI, e outros moitos a padezan, coa cantidade de avances existentes en todos os ordes e coa capacidade que temos para producir alimentos? Sabemos ademais, así o pregoaron axencias especializadas, que con 30.000 millóns de dólares solucionábase o problema. ¿Como é posible que os lideres mundiais teñan disponibilidade para gastar billóns de euros para “saca-las castañas do lume” a unha panda de bandallos e falcatrúas, e non sexan capaces de poñerse de acordo para evitar máis mortes por fame? ¿Pero a quen lle entregamos o poder nos nosos estados? E igual circunstancia se pode plantear coa destrución do medio ambiente, cuxo principal axente destrutivo é o capitalismo.
Tamén debiamos reflexionar nestes momentos sobre a proposta do PSOE de poñer en mans privadas, hai un ano aproximadamente, parte dos fondos da Seguridade Social. Sería bo coñecer que pasou neste tempo cos fondos de pensións de millóns de traballadores do mundo, que confiaron á xestión privada os seus fondos de pensións. Segundo as noticias aparecidas nos medios estes días, a meirande parte deles perdéronse, con independencia de que os estados teñan que “rescatalos”. Ó PSOE habería que esixirlle responsabilidades políticas por aquela proposta.
Agora xa non poderán dicir, os colocados nos postos de mando das nosas sociedades polos que exercen o poder na sombra, cando se reclamen máis cartos para paliar o paro galopante, para reforza-los fondos da Seguridade Social, ou se pidan axudas para os máis necesitados, para a sanidade ou a educación, que non hai cartos; si que os hai, pero como vimos dicindo desde hai moitos anos, dispor deles ou non, está en función dos intereses de clase. Cando interesa ós oligarcas, á grande burguesía, hainos, cando o interese é o da maioría da sociedade, dos asalariados, dos que crean riqueza co seu traballo, non os hai. Iso debe ficar moi nidio, na conciencia dos asalariados como unha das ensinanzas desta crise.
Resulta un paradoxo que no estado español, onde a banca é “solvente e ten liquidez”, é o que nos repite o goberno tódolos días, haxa que poñer a súa disposición 100.000 millóns de euros cando, seguindo os argumentos do goberno, non se necesitan. Pero o que é máis grave é que non se saiba quen vai decidir canto se entrega a cada entidade e a que entidades se lles vai prestar socorro, que non haxa control algún por parte da sociedade. Posiblemente moitas débedas de partidos coa banca sexan perdoadas despois desta “anomalía”.
Outra cuestión importante para reflexionar nestes tempos, é o tema das privatizacións das empresas públicas. Empresas de todos e todas, que os ventos neoliberais desatados, primeiro por Felipe González e que continuou con Aznar, levaron ó sector privado, ás mans dos amigotes do goberno de turno. ¿Diante de situacións como as actuais non sería beneficiosa unha banca pública ou empresas públicas de carácter estratéxico?. Vendo como agora recorren ás nacionalizacións e a poñer diñeiro de todos para salvar os intereses de poucos, esta claro que o sector público é fundamental, aínda no sistema capitalista, sempre que haxa un control social do mesmo, e non, por exemplo, o que esta a pasar coas Caixas de Aforros.
Marx falou xa hai moitos anos, no Capital, dos “límites á produción capitalista” e a tendencia “ a superar eses límites inmanentes a ela”; pero advertía, “os supera só con medios que volven a levantar ante ela os mesmos límites aínda con maior forza”. As políticas neoliberais foron o intento do capitalismo por superar a lei descuberta por Marx, como tendencia, á caída da taxa de ganancia. Todas as medidas liberalizadoras, desreguladoras, etc., tiñan ese obxectivo. Entre elas a de dar liberdade o capital, a de permitir crear unha inxente “masa de capital ficticio”, que para Marx é ”a acumulación de títulos que son sombra de inversións” xa feitas, pero que aparecen co aspecto de capital para os seus posuidores. E ese é un dos graves problemas cos que se atopa o capitalismo na actualidade, e inxectar “máis capital ficticio” non vai resolvelo. Entendo que a cuestión é a caida da produtividade, da creación de riqueza e mentres a esta situación non se lle de solución, e é difícil, tódalas medidas tomadas ata a data, son parches.
Porque a crise non fixo máis que comezar; aínda que hai diferencias salientables coa de 1929, por exemplo, moitos países que eran colonias ou semicolonias daquela, hoxe son importantes centros capitalistas, a súa fase aguda non se manifestou ata 1933, polo que é posible que as consecuencias da recesión mundial se manifesten a partires de 2010 con toda a súa virulencia. Estes días estase a anunciar a entrada en recesión de numerosas economías. E non se vai saír das mesmas en pouco tempo.
A crise actual está inmersa, ademais, nunha crise alimentaria, ecolóxica e enerxética que fai máis difícil a súa solución, atopándose moitas sociedades do planeta en situacións non comparable ós anos trinta do pasado século.
Para rematar tres últimas apreciacións. En primeiro lugar vendo como se comportaron os políticos ó servizo das burguesías nacionais da Europa do euro, non haberá Unión Europea, nin capitalista neoliberal, mentres a burguesía capitalice o proceso. Só os traballadores asalariados deben estar interesados e serán capaces de construir unha Unión Europea, pero...socialista.
A segunda reflexión, Marx e o marxismo estan “vivitos e coleando”, vixente, e é a única referencia para entender o que está a pasar no mundo e a guía para a acción necesaria para transformalo
Terceira, se queremos levar adiante un cambio fondo na sociedade, avanzar cara o que chamamos socialismo, que aínda non se construíu en ningunha parte, as xentes de esquerda, máis que sentir preocupación polo que está a pasar, e colaborar en poñer parches a un sistema que se rompe por todos lados, deben ter unha posición reivindicativa de “cárcere para os culpables”, que “a crise a paguen os capitalistas” coas súas fortunas, e expoñer, diante da poboación e sobre todo dos asalariados, a necesidade de que os traballadores constrúan o seu partido de clase, arredor da teoría revolucionaria, o marxismo, como garantía de que na sociedade se van levar adiante os cambios estruturais que o desenvolvemento das forzas produtivas demandan. Hoxe o que está claro é que ningunha forza política parlamentar compareceu publicamente a defender ós asalariados, ós xubilados, ós mozos e mozas e ás mulleres, que son os que están e van a sufrir verdadeiramente a crise.
En Galicia no mes de outubro de 2008 [Voltar ao inicio desta nova]