ACTO DE LEMBRANZA DO GUERRILLEIRO E COMUNISTA ANTONIO SEOANE

BIOGRAFIA DE ANTONIO SEOANE

Sen dúbida, a figura de Antonio Seoane Sánchez relaciónase de forma directa coa de José Gómez Gaioso. Ambos os militantes e combatentes comunistas, desenvolveron un camiño de forma conxunta na loita antifranquista en Galicia. Corresponde á etapa en que ambos asumiron tarefas de grande responsabilidade na reorganización de Partido Comunista en Galicia e na que a resistencia armada ao réxime de Franco acadou o seu auxe, e tamén o seu posterior declive co asasinato de ambos os dirixentes en novembro de 1948.

Antonio Seoane Sánchez, nascera en Boiro, provincia da Coruña, o 13 de outubro de 1906. Os seus pais emigran á República Arxentina en 1911, intalándose en San Telmo, un dos barrios máis antigos de Bos Aires, e que albergou a miles de inmigrantes galegos. Antonio tiña cinco anos por aquel entón, e creceu vendo traballar ao seu pai, carpinteiro e dono dunha carbonería, mentres que a súa nai alugaba cuartos para poder axudar aos magros ingresos do seu home.

Antonio faise mozo e comeza a colaborar na economía familiar. Ingresa na sección de Distribución do diario “La Prensa”. Participa activamente na Federación de Sociedades Galegas, de xeito conxunto cos seus paisanos, atendendo a milleiros de galegos que chegaban buscando mellores horizontes, e máis tarde, a aqueles que fuxían da guerra ou que deberon emigrar por defender a República. Forma familia casándose con Saladina Cruz, delegada sindical na Fábrica Arxentina Alpargatas, no Barrio da Boca. Un só fillo nace dese matrimonio, Jorge Francisco.

En 1939, ao concluír a Guerra española, Antonio Seoane decide afiliarse ao Partido Comunista. Esa decisión estaba inscripta na atmósfera familiar e no contacto cos republicanos. O seu espírito libertario faille pensar que en 1945, terminada a II Guerra Mundial, isto traería tamén o fin da ditadura de Franco. En 1943 embárcase rumbo a Bilbao, como Aureliano Barral, cidadán arxentino. A súa misión é a de reorganizar o Partido na capital bilbaína, pero isto non chega a producirse, xa que toda a cúpula do Comité "Rexional" foi detida.

Viaxa a Barcelona e recebe instrucións desde o Partido en Arxentina que o envía a Madrid. Ponse ás ordes do dirixente Jesús Monzón, realizando tarefas de enlace e propaganda até mediados de 1944.

Polas circunstancias políticas e a forte presión das forzas franquistas, disólvese a Delegación do Comité Central do PCE en Madrid. Seoane Sánchez e Gómez Gaioso son enviados a Galicia para a reorganización o PC aquí. José Gómez Gaioso, “López”, “González” ou “Juan”, Secretario Xeral, encargará a Seoane, “Julián” ou “Jorge” o aparello de prensa e, seguidamente, pasará a desempeñarse como Xefe do Exército Guerrilleiro de Galicia.

Case todas as organizacións guerrilleiras pasan a estar dirixidas por comunistas. O réxime de Franco actúa con todos os medios para rematar coa resistencia armada. A povoación tamén sofre a represión, xa que moita xente é detida para ser interrogada mediante tortura para tirarlle información sobre os guerrilleiros. A correspondencia de Antonio Seoane coa súa familia en Arxentina interrómpese. A clandestinidade impuña silencio, e os gobernos imperantes en Arxentina neses anos non estaban a favor da República.

Logo dos éxitos acadados durante 1946 e parte de 1947, a situación nacional e internacional vaise modificando, e as expectativas vanse diluíndo. Os golpes que vai asestando o poder sobre os grupos guerrilleiros son cada vez máis duros, e culminan coa detención de Antonio Seoane Sánchez e José Gómez Gaioso.

O 10 de xullo de 1948, nas inmediacións da Praza de Lugo da Coruña, é detido pola Garda Civil. Ao día seguinte caen prisioneiro José Gómez Gaioso. Son selvaxemente torturados.

O Capitán de Cabalería José A. Marcos Galli, Xuíz Militar permanente da Oitava Rexión, foi nomeado con carácter especial para a tramitación de devandita Causa Militar con motivo do ateigado instruído pola Garda Civil contra Antonio Seoane Sánchez (a) “Julián” e outros, por actividades clandestinas do Partido Comunista.

Os combatentes saben que serán executados. O tempo corre en contra deles. Dende Cuba e Arxentina mobilízanse as respectivas familias e asociacions cidadans para tratar de evitar as condenas máximas. A Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina promove unha forte campaña en contra do Réxime franquista. A nai de Antonio, Dona Anunciación, pide mesmo unha entrevista con Eva Duarte de Perón, que nunca chega a concretarse. Non esquezamos que o Presidente Juan Domingo Perón, militar, mantiña boas relacións con Franco.

A presión internacional para deter as execucións non fornece efecto.

O Consello de Guerra celébrase o día 18 de outubro na sede do Comando de Sanidade, coñecido como o Cuartel das Atochas, próximo á Praza de España na Coruña. O día 21 de outubro dita o Capitán Xeral da Cuarta Rexión: “APRUEBO, con el carácter de firme y definitiva la sentencia dictada en la presente Causa, por virtud de la cual se condena a los procesados paisanos ANTONIO SEOANE SÁNCHEZ (a) “Julián”, JOSÉ GÓMEZ GAYOSO (a) “López” y JOSÉ BARTRINA VILLANUEVA, como criminalmente responsables en concepto de autores del mismo delito de rebelión militar a la pena de MUERTE…”.

Ao Dr. José Bartrina conmutanlle o día 2 de novembro a pena de morte pola de trinta anos de reclusión maior. Morrería anos despois no Penal de Burgos, “de franquismo” como di elixía que lle dedicou o poeta Marcos Ana. Todas as peticións do clemencia co obxectivo de lograr a conmutación da pena capital foron desoídas.

O día 6 de novembro de 1948, ás 07:45 horas, foron asasinados os combatentes comunistas Antonio Seoane Sánchez e José Gómez Gaioso sendo soterrados no Cemiterio Civil nas tumbas Nº 98 e 99. [Voltar ao inicio desta nova]