Unha semana despois da Festa de homenaxe á Revolución Cubana realizada no Centro Socio-Cultural do Castiñeiriño de Santiago de Compostela con asistencia de todas as partes de Galiza, O Morrazo organizou tamén un memorable acto de afirmación solidaria e internacionalista de apoio ás celebracións do 50 Aniversario do trunfo da Revolución Cubana, no que non faltou a poesia e a música
[Cangas/PCPG/Axencias]. Con un VIVA FIDEL!, VIVA A REVOLUCIÓN!, recibido e secundado con unha forte ovación do público asistente, rematou as súas palabras o Cónsul Xeral de Cuba para Galiza, Alejandro Fuentes Hernández no acto polo aniversario 50 do triunfo da Revolución Cubana celebrado no Salón de Plenos do Concello de Cangas. Unhas 200 persoas ateigaron a totalidade das súas butacas, permanecendo moita xente de pe nos espazos valeiros desta dependencia do Concello.
A celebración, que se desenvolveu co lema O MORRAZO CON CUBA, foi realizada por iniciativa da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, do Morrazo, coa colaboración da Concellería de Cultura cangués e tivo carácter comarcal, abrangendo os concellos de toda a península (Cangas, Moaña, Bueu e Marín) co soporte de todos os partidos de esquerda, sindicatos e forzas progresistas da comarca.
O acto foi moderado polo compañeiro e camarada Xosé Collazo Castro (membro do noso Cté Nacional), que en nome da directiva da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil foi dando a palabra a todas as persoas, artistas, músicos e público asistente que interviron neste acto multitudinario.
Para comezar, houvo unhas primeiras palabras de saúdo institucional de parte do Concello de Cangas polo compañeiro Mariano Abalo Costa, Concelleiro de Urbanismo do Concello cangués, quen nas súas palabras sinalou a significación da Revolución Cubana para o mundo. Dixo que Cangas sempre simpatizou e apoiou á Revolución Cubana, mencionado como exemplo diso o feito de que xunto ao Concello hai unha rúa que leva o nome de República de Cuba, á espera de que nalgún momento outra leve o nome de Fidel Castro. Para máis abondamento, resaltou que hoxe en día Cangas tamén apoia á revolución bolivariana de Venezuela.
Pola súa banda Pedro Ugueto, cónsul da República Bolivariana de Venezuela en Vigo, na súa intervención de saúdo manifestou que a Revolución Cubana cumpre os seus primeiros 50 anos e que está seguro que vivirá moitos séculos máis. Nunha parte do seu breve discurso rememorou, acompañado do artista venezuelano “Cris”, presente na sala, a frase da canción do célebre cantautor e poeta venezolano Alí Primera sobre Cuba onde di: "Cuba fíxose o seu mundo, un paraiso mellor"..
Na súa principal intervención, Xosé Collazo, da directiva da Asociación, falou do traballo de solidariedade que realizan e de quen era Francisco Villamil, galego que viviu en Cuba e chegou a ser Xeneral do Exército mambí, morto en combate na guerra de independencia de Cuba frente as tropas colonialistas do Reino de España.
Dixo este compañeiro que dese exemplo anti-imperialista secular e do impulso dos exemplos da revolución soviética e principalmente a cubana ven a identidade internacionalista dos/as compañeiros/as da Asociación e de todo o movemento galego de solidariedade con Cuba.
Na súa intervención, que complementou despois brillantemente no coloquio, Alejandro Fuentes Hernández, Cónsul Xeral de Cuba, referiuse á loita do pobo cubano contra a ditadura e ao triunfo revolucionario do primeiro de xaneiro de 1959 que abriu as portas para que o povo acadase a súa verdadeira independencia. Expuxo algúns dos éxitos e logros principais dos cubanos nas últimas cinco décadas, a pesar da hostilidade, as agresións, as accións terroristas e o bloqueo criminal de Estados Unidos.
Ao respecto lembrou que Cinco loitadores antiterroristas cubanos están inxustamente presos en cárceres norteamericanas desde fai 10 anos, envioulles a súa solidariedade e demandou a súa liberación.
Igualmente, agradeceu a axuda de organizacións políticas, de amizade e outras institucións para os damnificados polos furacáns que afectaron a Cuba este ano, entre os que resalta a Asociación de Amizade Francisco Villamil.
A seguir o poeta Anxo Angueira leu un poema dedicado aos Cinco cubanos prisioneiros do imperio. Despois recitou igualmente o poeta Manolo Vidal Villaverde, deixando paso á cantante Susana Moreira que interpretou, acompañada do noso compañeiro Moncho Fernánez e de Tucho Perete dúas cancións de Silvio Rodríguez, e o xoven cantante venezolano “Cris” interpretou completa a canción de Alí Primera e para finalizar, por parte do violonchelista Xosé Ramón Rocha foron interpretados os himnos de Cuba e Galiza.
Para rematar, no últmo andar do edificio do Concello celebrouse unha festa de confraternidade, no que todos/as os/as compañeiros/as da solidariedade e dos consulados de Cuba e Venezuela brindamos de xeito adiantado polo 50 aniversario da Revolución Cubana.
[Voltar ao inicio desta nova]