do PCPG e organizacións amigas]
Por volta de 15.000 manifestantes(*) procedentes de toda Galiza, mobilizámonos este pasado fin de semana polas rúas de Santiago de Compostela a prol de Palestina. A manifestación ia encabezada por unha faixa co lema "Galiza con Palestina.Non ao masacre!".
Centos e centos de bandeiras palestinas e de Galiza ondearon neste grandioso acto de solidariedade do povo galego apoiado por perto dun cento de organizacións e colectivos de solidariedade de todo o noso país para denunciar este novo crime que se está perpetrando contra a povoación palestina de Gaza e parar a barbarie imperialista que lle da soporte a este xenocidio.
A manifestación ateigou todo o percorrido, de varios quilómetros, entre o seu inicio no paseo central da Alameda de Compostela e o seu remate na Praza da Quintana e esixiu unanimente unha condena sen paliativos e unha reacción inmediata das “institucións democráticas”, a todos os niveis, da U.E e da ONU para que deteñan a agresión, abandonen dunha vez o seu apoio e complicidade co réxime nazi-sionista do Estado Israelita e poñan fin ao bloqueo de Gaza.
"Palestina vencerá", "solidariedade co pobo palestino", "Galiza con Palestina", "os sionistas son os terroristas", "Nunca más bombardeos", "Viva a loita do povo palestino" "somos todos Palestina", foron algunhas das palabras de órde que coreou e berrou con forza a multitude durante todo o traxecto da marcha.
Á entrada da praza realizouse una recolleita de axudas para o povo palestino, donativos que se destinarán ao envío de medicamentos e alimentos para a poboación palestina que sofre na Franxa de Gaza.
Para rematar, pasadas as 14.00 horas, a actriz e presidenta da Academia Galega do Audiovisual, María Bouzas e a cooperante de Galiza por Palestina Laila Tillawi leron o manifesto asinado por todos os colectivos que apoiaron a manifestación, entre os que se atopaba o Partido Comunista do Povo Galego. Nel reclamaron o impulso de políticas activas de solidariedade a prol de Palestina e exixiron á Xunta que se pronuncie contra Israel e que se declaren a embaixada e o goberno daquel estado non gratos en todo o territorio galego e pedindo tamén aos medios de comunicación que informen con imparcialidade e "non a favor do sionismo".
O grande apoio do movemento de solidariedade internacionalista que esta mobilización amosou é o resultado da visión unitaria, firme, intelixente e audaz dun amplo abano de organizacións que apoiamos e fixemos nosas en todo momento (é o caso do PCPG) as propostas consensuadas con Galiza por Palestina , rexeitando certas confusións e “equidistancias” e mesmo concesións a un certo sector.
Un trunfo que ten maior relevancia se temos em conta que foi organizada á marxe e, mesmo por veces, á contra da vontade dirixista daqueles que non se se queren adaptar ao impulso e dinámica democrática e unitaria, combativa, popular e diversa dun movemento que non atura máis protagonismos nin intentos instrumentalizadores ou hexemonistas.
Desde o PCPG, agora coma antes desta grande xornada, coidamos que é preciso seguir neste proceso, consolidando e coordenando todas as iniciativas e unindo todas as loitas para parar a impulsar a nosa resposta á brutal ocupación do imperialismo sionista, para impulsar a solidariedade máis ampla e efectiva a prol do povo palestino. Porque loitamos para vencer, e a loita continúa e vai ser longa.
Viva a solidariedade internacionalista!
Viva a loita do Povo Palestino!
Viva sempre a amizade de Galiza con Palestina!
(*) Neste cálculo coinciden case todas as informacións publicadas. Ver ligazóns:
Correo Gallego [información e galeria de imáxes]
Galicia Hoxe
[Voltar ao inicio desta nova]