Este sábado 17 de xaneiro ás 17:00hs. no Auditorio dá Galiza, vaise realizar en Compostela unha homenaxe popular a Ramom Muntxaraz, histórico militante da esquerda independentista e comunista galega.
Recollemos unha síntese do seu traballo e militancia.
"Na lembranza, con agarimo e com intención de facer do seu compromiso un modelo e estandarte, vaia esta pequena homenaxe do seu povo ao compañeiro e irmao que deixa em nós un vacio irreparábel"
[Extraído do texto da convocatoria á homenaxe popular]
Resulta imposibel resumir en palabras o que significa a vida dunha persoa para aquelas que a amaron, para as que con ela compartiron loitas, soños e combates ou, incluso, para a historia dun povo. Esta tarefa vólvese aínda máis complexa se o obxecto a sintetizar é a peripecia vital dun ser tan rico e multifacético como Ramón Muntxaraz, poliédrico en dedicacións e interese, irredutibel aos rótulos simplificadores e tan difícil de abranguer nesa humilde inmensidade que o caracterizaba.
Con todo, faremos o esforzo de sínteses e diremos que Ramom foi un home que se fixo galego por propia vontade e decisión, que se identificou con este País e que amou e loitou por Galiza con firmeza e paixón; diremos tamén que foi un namorado da clase traballadora, particularmente, da clase traballadora galega, á que tributou boa parte da súa vida, reflexións e esforzos, e diremos finalmente que como bo comunista odiou toda inxustiza, toda marxinación e toda opresión, e identificouse vitalmente co@s que a padecían e utilizou o seu labor profesional como trade de percusión para combatelas.
Ramom nasce en Toledo, estuda en Salamanaca e traballa en Madrid.
No 1980 aquel mozo contestatario de complexión forte, formación marxista e mirada incisiva, inimigo radical dos privilexios e disposto a facer da sanidade unha fronte de loita política e social máis, chega a Galiza para traballar no Hospital de Conxo. O Hospital de Conxo, en Compostela, vive unha intensa conflitividades laboral. Muntxa incorpórase desde o primeiro momento como parte activa. Afiliaráse á ING, sindicalismo de clase e nacionalista.
Loita independentista e militancia contra o represión
Muntxaraz milita primeiro na UPG (Unión do Povo Galego) ata o V Congreso no 1986. É nesta data cando, á vista da deriva institucionalista e autonomista que adopta definitivamente este partido, abandónao e participa con centos de militantes na constitución do PCLN (Partido Comunista de Liberación Nacional), organización comunista e independentista resultante dos esforzos do PCLN e Galiza Ceive-OLN e despois en Assembleia do Povo Unido-APU até a desaparición desta.
Moncho está desde o primeiro momento ao lado dos que coñecen en primeira persoa a tortura, a dispersión e o cárcere; participa na constitución de Comités Anti-represivos vencellados á solidariedade coas persoas detidas e, posteriormente nas Xuntas Galegas pola Amnistía (JUGA) nas que xoga un salientábel papel. Será o promotor esencial para a constitución do colectivo Sanitários pola Amnistía e contra a Tortura (SAT).
Baixo esta decisión atopábase o que el entendia como unha posición que sempre tentou manter revolucionaria e marcadamente de clase e a súa absoluta liberdade de criterio e o rexeitamento ás estratexias de acomodamiento, tanto ao sistema como ás xerarquías partidarias.
O seu fillo Iñaki, aínda neno, espremendo inconscientemente a coherencia estratéxica do seu pai soltalle un bo día "Papá: mudas muito de partido, mais sempre levas a mesma bandeira".
Son tempos esperanzadores mais duros para o independentismo. Como é lei, o desenvolvemento da loita trae aparellada o intensificación da represión e ducias de militantes son detid@s, torturade@s e encarcerad@s.
Froito de esta síntese inusual entre militante revolucionario e profesional da medicina, Ramom Muntxaraz percorrerá decenas de veces a xeografía do estado para visitar aos presos e presas independentistas nos cárceres de dispersión e ofrecer a súa atención médica. Mostra desta implicación no traballo anti-represivo é o amplísimo arquivo persoal que construíu sobre esta materia e do que son parte traballos médicos, publicacións, definicións de estrategias, etc. Unha constante que manterá até o final e irse de entre nós e que o levou a implicarse nos labores de solidariedade cos actuais presos independentistas galegos.
"Reorganizar o movemento"
Preocupación permanente do monstro intelectual que foi Ramom Muntxaraz, sempre dedicado á reflexión sobre as máis diversas esferas do saber e da acción política, foi o seu intento permanente de reorganizar o independentismo galego. Muntxa, que sempre reparou na necesidade de organización e disciplina, rexeita sempre o feito de que o movemento fique orfo de referente político e, sendo motor fundamental do proceso, impulsa a constitución de comites,.. fai pública a súa “Declaración Política e Ideolóxica” e desprega unha intensa actividade dirixíndose a moitas dúcias de independentistas non organizados ou que militan noutras estruturas para "reorganizar o movemento".
O seu esforzo non acada finalmente concreción organizativa, pero se que extende a percepción de que o MLNG débese dotar de estrutura política referencial. Moi crítico coas vanguardas por decreto, co absentismo sindical e cos procesos de construción política sen cimentos de base e mantén a súa militancia comunista e independentista colaborando con multitude de organizacións, asociacions e colectivos, e desenvolvendo o traballo sindical que tan esencial considera.
Informaçon Obreira
Da vocación de Moncho para vincular reflexión e análise con militancia e loita política, así como da súa profunda preocupación por impulsar a participación da clase traballadora no MLNG, é mostra a publicación de Informaçom Obreira. I.O sae á luz en marzo de 1994 como iniciativa dun grupo correlixionarios e continúa ata 1999, publicando 25 números correntes e dous especiais. Esta colección que é froito dun intenso traballo teórico e analítico é fundamental para o estudo do sindicalismo e do nacionalismo galego contemporáneos. Informaçon Obreira é memoria histórica en estado puro mais non só como unha mirada ao pasado, senón procurando nela leccións para o futuro.
Psiquiatría e compromiso
O percorrido profesional de Muntxa, que en esta síntese separamos gratuitamente do político e militante por razóns de claridade expositiva, dános a evidencia máis clara da súa actitude vital.
Muntxa foi psiquiatra, ao longo da súa traxectoria tivo numerosos conflitos laborais por tomar postura humanamente ao lado dos internos e por reclamar unhas condicións de traballo dignas.
Antes de viaxar a Galiza traballou no Hospital Psiquiátrico Alonso Vega de Madrid, de alí foi despedido por apoiar aos 10 internos en folga de fame que reivindicaban poder pasear polo xardín interior do centro e poder comer con garfo e coitelo.
Xa en Galiza, traballando no hospital de Conxo, afronta un novo despedimento no 1983, esta vez por denunciar diante dos medios de comunicación da TVE o deterioración da asistencia psiquiátrica nese centro. Gana o conflito e tivo que ser readmitido por sentencia do Tribunal Constitucional, pero no 1987 é novamente despedido por negarse a acatar as ordes de Dirección de manter permanentemente pechada a unidade na que traballaba. Readmitido por sentencia do Tribunal Supremo, finalmente solicitou a baixa neste centro polo acoso laboral e por non poder desenvolver o seu traballo baixo unhas condicións profesionais minimamente dignas.
No 1986 pon en marcha en Lugo a primeira Unidade de Saúde Mental (USM) da provincia, e organiza a Uniom de Trabalhador@s dá Sanidade de Galiza (UTSG)
Entre 1991-1995 traballa na Unidade de Psicóticos Jovens do hospital psiquiátrico de Rebullon. A UPJ é mostra da súa estratexia terapéutica: funciona asambleariamente e por consenso, doentes e equipo sanitario reúnense a diario para debater e tomar decisións, o equipo médico reúnese cada mes coas familias para analizar a evolución dos doentes, etc. A revista Maxi, editada nesta etapa será o punto de encontro entre doentes e sociedade.
Moncho trata de estender a nivel nacional a experiencia de Rebullón. No 1992 reúne a doentes de varias comarcas do país, traballadores da saúde mental e persoas preocupadas con esta situación. Nace a Asociación Gaiola, presidida polo histórico nacionalista Antón Moreda, que desde mediados dos 60 está interno no psiquiátrico de Castro de Ribeiras de Lea. Esta asociación edita a revista Gaiola Aberta, organiza charlas e combate a invisibilización da marxinalidade social dos doentes.
Actualmente Aluvión, A voz de Lenda e Gaiola Aberta -nas que Muntxa participou- son as únicas revistas galegas feitas por doentes como experiencia de rehabilitación da saúde mental, programadas, deseñadas e escritas integramente en idioma galego.
Tralo hospital de Rebullon Muntxa traballará noutros centros: a Associación de Familiares de Doentes Mentais de Redondela, no hospital do Barco de Valdeorras... No 2005 aproba a primeira oposición á que se presenta e regresa a Conxo. Aos psiquiatras oficiais non lles agrada o seu regreso. Felizmente para todos terá que viaxar a Povoa do Caramiñal.
Muntxaraz, un home galego.
Sinalabamos ao principio a dificultade de sintetizar en palabras o significado da vida dun ser humano e con este fin faise máis complexo cando, como ocorre neste caso, ese ser ten as dimensións e a calidade humana de Muntxa. A síntese que presentamos como homenaxe ao militante, ao irmán, ao home galego, que foi Muntxaraz, non pode esquivar unha alusión á súa enorme humanidade e humildade, ao amor profundo e exemplar que profesou por esta vella nación e á loita pola súa liberación nacional e social, á súa sinxeleza, ao odio que nel suscitaba a inxustiza, á súa extraordinaria capacidade para captar a esencia das persoas...
Presente até que lle foi posible nas mobilizaciones importantes do país e sempre ávido por saber o que pasaba nas que xa non podía estar, Muntxaraz abandonounos como sempre quixo, con orgullo militante, con determinación e valor, animándonos a "non perder ou tempo" visitándoo se iso supoñía relegar tarefas militantes e, como se di vulgarmente "coas botas postas".
Como din os organizadores: "Na lembranza, con agarimo e com intención de facer do seu compromiso un modelo e estandarte, vaia esta pequena homenaxe do seu povo ao compañeiro e irmao que deixa em nós un vacio irreparábel". [Voltar ao inicio desta nova]