[Causa Galiza]. Pola soberanía lingüística, soberanía nacional
Galiza afronta nos últimos tempos novas estratexias do espanholismo lingüístico, organizadas desde colectivos que afirman defenderen a convivencia entre español e galego contra unha imaxinaria imposición desta última lingua no territorio que sempre lle foi propio. A manifestación convocada por Galicia Bilingüe en Compostela para este 8 de Xaneiro, contra a que Causa Galiza quere manifestar o seu rexeitamento, é máis un exemplo do atrevemento que están a gañar estes grupúsculos, aínda que teñan que traer autobuses e manifestantes de fóra do país.
Sen dúbida, non é preciso destacar a impostura que se acocha tras destes movementos, con base na dereita máis españolista e para os que bilingüismo só significa a defensa da súa lingua e a marxinación do galego. Porén, máis preocupante é que se asuman os postulados bilingües desde outros sectores da poboación, mesmo algúns que se declaran defensores do idioma, extendendo o falso argumento de que é posíbel unha convivencia pacífica entre dúas linguas: unha imposta e outra minorizada.
Non existen Galizas bilingües, apenas unha Galiza diglósica que leva á sustitución do galego polo español, ou a inversión deste proceso por medio do monolingüismo social. En case trinta anos de cooficialidade do galego e políticas lingüísticas, o número de falantes monolingües en español ten aumentado até limites nunca vistos na historia do país, mentres o galego perde fonética, léxico, sintaxis e toda a súa idiosincrasia nun proceso avanzado de dialectalización que deu en chamarse bilingüismo harmónico.
Mais non debe sorprendernos este proceso cando, sen entrarmos no errado das políticas lingüísticas, todo esforzo realizado pola nosa cativa cooficialidade autonómica vai verse contrarrestado por unha forza maior desde a imposición lingüística: por máis que se galeguizen a administración, os medios de comunicación, a educación, a produción editorial, etc.; o estado vai responder sempre cun número maior e máis forte destes activos, evidentemente co español como lingua. A falta de soberanía do pobo galego revelase así como o elemento principal para a desaparición da lingua, pois a subordinación política significa unha constante imposición lingüística, ao tempo que unha separación do galego do ámbito que lle é propio, tendo que pasaren as súas relacións internacionais e a creación de neoloxismos pola peneira do español.
A solución para a lingua galega pasa por que o seu uso sexa necesario en todos os ámbitos da vida diaria, e non só para a entrada na clase funcionarial autonómica. Mentres o español continue a ser suficiente para desenvolverse en cada vez máis espazos da Galiza, a súa maior forza vai evitar a posibilidade dunha recuperación do galego. E o monolingüismo en galego só pode construírse desde unha soberanía política que estabeleza os límites nos que esta, e ningunha outra, sexa lingua propia, oficial e necesaria, independentemente do que se regule sobre as linguas estranxeiras que, por migración ou outros procesos, tamén se falen no país.
Por iso, frente aos embates da imposición lingüística, presentados agora como defensa da paz bilingüe, Causa Galiza reclama, máis unha vez, o dereito de soberanía do pobo galego. Só coa autodeterminación, o galego vai poder recuperar o espazo que merecen os e as súas falantes: o de lingua vehicular de todas as relacións sociais dentro do país. [Voltar ao inicio desta nova]