NON ÁS POLÍTICAS NEOLIBERAIS E DE DEREITAS
P.P NUNCA MÁIS!
POR UNHA FRONTE DE ESQUERDAS, ANTICAPITALISTA E SOBERANISTA GALEGA
Case catro anos despois do histórico cámbio que substitueu a os 16 anos de goberno PP-Fraga, o noso povo traballador non percebeu con claridade as medidas “ilusionantes” do goberno autonómico “progresista”, nin as mudanzas radicais prometidas polas que se ten mobilizado multitudinariamente.
Máis alá de aderezos cosméticos Galiza segue lonxe de ter superado a súa situación de dependencia e decadencia forzada.
Seguimos a ser vítimas do esquilmamento e a destrución do noso aparello productivo tradicional e do noso entorno natural.
Estamos a mercé da depredación enerxética e da agresión-destrucción do noso territorio.
Proseguen e intensifícanse os plans de salvaxe explotación turística e emigración forzosa como “futuro” para a nosa mocidade.
Seguen intactas as redes clientelares e covas de caciques de sempre, amparadas en institucións impostas e alleas á nosa realidade.
Planificase e acrescéntase o desprezo e a marxinación da nosa lingua e cultura nacionais en favor das abafantes imposicións alleas e asimiladoras...
Catro anos de xestión da Xunta PSOE-BNG espremeron con absoluta nitidez o perfil e os límites políticos sobre os que se asenta a súa chamada "alternativa ao fraguismo e o PP": Mesmos ou parecidos métodos de xestión neoliberal, pulo á especulación urbanística e inmobiliaria, sistemática privatización de servizos públicos, obsesivo respecto pola legalidade burguesa, desprezo ou estrangulamento dos movementos sociais e populares... marxinación, trivialización e españolización da nosa cultura e vida.
Modos e maneiras sustentadas nas mesmas tutelas herdadas de sempre e políticas conectadas con precisión aos propósitos dun poderoso aparello socio-económico e de Estado ao que se acomodan e serven forzas políticas, sindicatos e parlamentos; ao que se someten pactos e mesmo vagas represivas contra as liberdades democráticas e os dereitos sociais, laborais e individuais que expresan os límites e insuficiencias dun Réxime de moi baixa calidade democrática.
Unha ofensiva cada vez máis ampla que se orienta especialmente, como estamos a ver neste intre, contra os dereitos democráticos do povo basco e as súas organizacións políticas e populares mediante a aplicación dun verdadeiro rexime de excepción que ilegaliza arbitrariamente os seus partidos, encarcela e persegue persoas ou criminaliza ideas e opinións tentando o exterminio de forzas importantes daquela sociedade á que serven democráticamente, sen que (e aquí non hai excepción) os que farisaicamente din rexeitar a escandalosa conculcación das máis elementais liberdades civís retiren as súas candidaturas ou rexeiten esta vergoña.
Un contexto de consenso a favor do sistema, onde as cúpulas das forzas políticas de extracción nacional ou popular, outrora de inequívoca tradición loitadora e de esquerdas fan "pactos" e coalicións con quen faga falla, subordinando a defensa coherente dos intereses sociais e económicos de Galiza e dos traballadores e traballadoras ao posibilismo e ao pragmatismo para xestionar e manter o tinglado; que semella ser o que importa para mellor perpetuarse na élite ou reforzarse nas institucións.
POR UNHA ESQUERDA CONSECUENTE AO SERVIZO DA CLASE TRABALLADORA GALEGA
Para os que seguimos a defender os intereses dos traballadores e das capas máis humildes da sociedade faise difícil dar soporte a partidos ou coalicións que lexitiman coa súa deplorábel acción de goberno as políticas neoliberais, antisociais e antigalegas, profundamente prexudiciais para o noso povo.
Imponse un novo xeito de facer política afirmado na democracia directa e na participación e unidade popular, desde os valores dunha esquerda ilusionante e nacional, que para ser consecuente ten que estar confrontada co neoliberalismo e o sistema capitalista. Un proxecto capaz de enfrontar un aparello cada vez máis poderoso e feroz, asentado nun infausto rexime monárquico corrupto e negador da nosa soberania como nación.
Faise patente a necesidade dunha verdadeira alternativa política e social que inevitabelmente pase polas consignas, necesidades e valores históricos do socialismo e da autodeterminación e que sexa sustentado no proceso de traballo conxunto xa existente.
Unha alternativa plural e unitaria da Esquerda Anticapitalista e Nacional Galega que contribúa a dinamizar e coordenar as loitas e para a que a rúa, o centro de traballo e de estudo, sexa o espazo fundamental de intervención e contrapoder e as institucións agora existentes un instrumento de axitación e proposta revolucionaria, unha tribuna onde elevar as protestas e facer valer as esixencias e reclamacións do povo.
A POSICIÓN DOS E DAS COMUNISTAS DO PCPG ENCOL DOS COMICIOS AUTONÓMICOS DO 1 DE MARZO
Desde o seu nacemento o PCPG traballou sempre e seguirá a insistir na converxencia real da esquerda e pola superación do tradicional particularismo e sectarismo. Esta é unha posición de principios e un compromiso que se refire non só ás nosas organizacións para conseguiren a súa incidencia real pois, por riba dos particulares e subxectivos encadramentos partidarios e máis alá de calendarios electorais que nos son impostos, é a clase traballadora e o conxunto do noso povo quen precisa da unidade da que hoxe lamentabelmente carece.
Na presente situación, coidamos que a convocatoria eleitoral do próximo 1 de marzo non vai mudar nada sustancial e tampouco vemos que ningunha das dúas candidaturas “progresistas” autonomista ou social-liberal, coaligadas no goberno da Xunta sexan obxectivamente merecedoras do apoio dos traballadores e traballadoras.
Con todo o PCPG, advirte do panorama de consolidación e posibel avance reaccionario (PP, UpyD).
Os comunistas non somos indiferentes aos riscos do momento presente nin alleos ás perspectivas de rearme das forzas máis dereitistas, ultraneoliberais e fascistas apoiadas en fortísimos poderes económicos e mediáticos e por iso chamamos a enfrontar o proceso. É preciso pecharlle o camiño ás forzas máis escuras do pasado, que irresponsablemente deixou expedito a morna e acomplexada xestión do Goberno da Xunta.
Máis aquí non ten que haber confusión: A garantía do noso avance e ruptura con esta “negra sombra” está, insistimos máis unha vez, na unidade, organización e movilización sustentadas na consciencia nacional e de clase do noso povo e das súas organizacións. Máis alá do voto ou do cheque en branco ao que nos convocan, a tarefa principal do activismo de esquerdas ten que ser o achegamento e acumulación de forzas por meio da necesaria mobilización que prepare a resposta ás novas agresions que virán.
Lamentablemente tampouco a esquerda nacional e anticapitalista coa que partillamos moitas loitas e proxectos temos madurado nin estamos á altura que nos permita contar, ou mesmo albiscar, unha fronte ou candidatura unitaria que, a pesares dos bos desexos e xenerosas iniciativas é desaproveitada ou impedida por concepcións, prácticas e particularismos inxustificados que defraudan, máis unha vez, ás nosas esperanzas e militancias.
Neste panorama tan insatisfactorio e arrepiante apreséntanse a estes comicios outras forzas amigas con propostas programáticas de esquerda nacional consecuente, ao tempo que outros movementos sociais e populares (que loitan cada unha no seu ámeto) sosteñen ante a convocatoria posturas abstencionistas, respostas de protesto cívico e boicot en forma de voto nulo ou semellantes.
Neste estado de cousas os comunistas do PCPG, que non consideramos coherente nin pertinente a nosa concurrencia eleitoral, non temos outra opción que parafrasear o xa anunciado polo noso partido en convocatorias anteriores: Para alén das candidaturas de esquerda soberanista e anticapitalista galega..."dos/as dignos/as candidato/as que merezan o noso voto, existen tamén outras formas de protesta e intervención cos que expresar a nosa rebeldía: o voto nulo, en branco ou mesmo a abstención activa”.
Todas estas forzas e correntes, máis algunhas outras que ainda se manteñen no seo das organizacións posibilistas maioritarias, son/somos cos matices que se queira, referentes de partida con expresións organizadas, ainda que localizadas ou dispersas, nas que nos apoiar para comenzarmos a erguer un proxecto ou fronte política e social consecuentemente rupturista, nacional e de esquerdas que inevitablemente se ten que forxar tanto fronte a aqueles que agora están entregados ao morno autonomismo e practican o modus operandi da burguesia, como fronte ás sucursais pseudo-esquerdistas, tuteladas e asimiladas polo sistema e incapaces de asumir o feito nacional como a forma peculiar que ten de expresarse e de ser a loita de clases no noso país.
Nas circunstancias actuais tender pontes e unir todas as forzas, sen exclusións, é un bó contributo para comenzarmos a vencer a frustración e a indiferencia dos sectores máis conscientes e combativos do noso povo. Para enfrontar de vez tanto á dereita e as súas ofensivas (en calquera das súas expresións) como tamén ás súas receitas.
A unidade é un proceso que inevitabelmente ha de seguir adiante. Un camiño longo, complexo e difícil, mais o único posíbel para gañar o futuro.
Aí estaremos os homes e mulleres do Partido Comunista do Povo Galego
NON ÁS POLÍTICAS NEOLIBERAIS E DE DEREITAS!
PP NUNCA MÁIS!
POR UNHA FRONTE ESQUERDAS, SOBERANISTA E ANTICAPITALISTA GALEGA!.
UNIR TODAS AS FORZAS POLA AUTODETERMINACIÓN E POLA REPÚBLICA SOCIALISTA GALEGA!
[Voltar ao inicio desta nova]