O próximo domingo 31 de Maio a partir das 11 da mañá, a Marcha Mundial das Mulleres concluirá coa primeira fase da campaña en defensa do dereito ao aborto que leva, ao longo das últimas semanas no noso país, abrindo espazos de debate e reflexión mediante palestras e performance. Un debate ao redor da necesidade de afianzar o dereito ao aborto, que está recollendo apoios de organizacións e colectivos sociais, ademais de sinaturas de todas aquelas persoas que ven, coma nós, a necesidade de asegurar un dereito fundamental das mulleres, o dereito a decidir. Nós continuaremos con esta labor así como co seguimento das iniciativas que están a xurdir a prol destes dereitos.
O acto do domingo 31 consistirá na construción, na Praza da Quintana de Compostela, dun MAIO REIVINDICATIVO e unha alfombra floral, na que participarán as feministas da Marcha Mundial das Mulleres, xunto a todas as persoas e colectivos que así o desexaren. Elixiuse esta forma de manifestar as nosas reivindicacións, coñecedoras da tradición arraigada na nosa cultura, de celebrar a efervescencia que supón a primavera, con vínculos fortemente arraigados á fecundidade dos seres vivos. A festa dos Maios ou as alfombras florais, son algunhas destas expresións coas que o noso pobo celebra esa fecundidade.
Desde as once da mañá do Domingo 31 recibiremos a todas as persoas e colectivos aos que convidamos a participar aportando flores de cor vermello, lila, rosa e branco, ou felgos e fiúnchos cos que elaborar a alfombra e o maio, e a facer o traballo de clasificación das flores e plantas, mentres, as compañeiras encargadas montarán a estrutura do maio e pintarán a base da alfombra.
Ao tempo que se realiza este traballo, soará música ambiental, que se parará, para escoitar a todas aquelas persoas que queiran, ben con coplas, ben con cancións ou poesías, expresar as súas reivindicacións sobre este tema. No nome da Marcha lerase un comunicado ao remate do acto.
Nestes últimos dias da semana realizaranse as últimas palestras da campaña:
28 de Maio - Vigo na Federación Veciñal Eduardo Chao (Praza Princesa, 7) ás 20:30h coa intervención de Lola Ferreiro.
29 de Maio - Vigo no Centro Social A Revolta (Rúa Real, 32) ás20:30h.
Podedes ver calendario actualizado de palestras visitando a nosa páxina web.
1.036 SINATURAS EN APOIO Á CAMPAÑA EN DEFENSA DO DEREITO AO ABORTO!! MUITAS GRAZAS A TODAS!!