CUT INFORMA: O CONVENIO DO METAL NO LABIRINTO SINDICAL

folga do metal

[C.U.T]

Algúns compañeiros lévanse preguntando o porqué do silencio da CUT na última fase da loita do Metal. A CUT estivo calada para non servirlle en bandexa a escusa ós que acostuman a xustificar os seus fracasos a costa dos demais. A responsabilidade e a lexitimación na Mesa Negociadora non é nosa e, aínda coas diferenzas de criterio máis que evidentes, somos respectuosos e non interferimos nin boicoteamos a quen, maioritariamente, os traballadores outorgaron a representación para negociar o Convenio do Metal de Pontevedra. Aínda así, como todos sabedes, a CUT estivo, está e estará no día a día na loita e na mobilización dos traballadores. Outra cousa moi distinta é que a responsabilidade sindical nos converta en aliados pasivos da irresponsabilidade doutros.

Na última folla informativa dicíamos que a situación do Naval era unha ola a presión, e esixíamos a necesidade de información para organizarnos desde as Asembleas, e blindar a loita polo Convenio contra o inimigo; incluídos os que temos dentro da casa. Pasado un mes, os feitos demostran que tiñamos razón, e que a estratexia sindical maioritaria levounos a un perigoso labirinto. Despois da valente resposta do Naval nas rúas de Vigo, como se entende unha ruptura na negociación? Como se entende despois dunha semana de normalidade sen explicar?

A Patronal tenlle tomada a medida á representación sindical, a pesar de que todos sabemos que a única linguaxe que entenden, tanto eles como a Administración, é a Folga e a mobilización na rúa. A estratexia sindical da Mesa Negociadora levounos ó escenario do mes de xuño e se seguen así as cousas, probablemente a meternos no verán. ¿Teñen acaso culpa desta deriva os traballadores?, ¿Tena a CUT? Evidentemente, non. A experiencia dos Convenios anteriores, e o sentido común, dinos que a única maneira de resolver a situación é facernos oír de maneira contundente nas rúas de Vigo, sen medo á condena cínica do que algúns chaman “cidadanía”.

A Patronal, coa bendición da Administración, converteu o panorama laboral nunha auténtica orxía. O segmento do Naval é o exemplo, onde ten cabida todo tipo de despropósitos antiobreiros e antisindicais: a contratación irregular campa ás súas anchas, en Vulcano alentan a exclusión dos representantes sindicais máis destacados, a empresa Nervión comunica o despedimento ós traballadores coa coartada da finalización de obra, e o prestamismo escravista cada día é maior. Hai que pararlles os pes, dunha vez, ós explotadores, e a loita polo noso Convenio é a ocasión.

O próximo mércores e xoves as centrais sindicais maioritarias chaman á Folga no sector. A CUT APOIA ESTA CONVOCATORIA COMO O FIXO ANTERIORMENTE. Pero non nos enganemos, chegado a estas alturas imponse un salto cualitativo na mobilización. O gran erro da estratexia sindical ademais de deixarlle gañar tempo á Patronal, foi afociñar o conflito do Metal, no propio sector co sobre esforzo do Naval. Desde a CUT, demandamos dos sindicatos maioritarios a CONVOCATORIA DE FOLGA EN TODO METAL, INCLUÍDAS AS EMPRESAS CON CONVENIO PROPIO e se non chegara, prever a convocatoria da FOLGA XERAL. O Convenio do Metal, a súa importancia non so polo número de traballadores; por historia, por estratexia,... transcende máis alá do propio sector, é un facho para toda clase traballadora galega. [Voltar ao inicio desta nova]