| |
"O labirinto levou á masa obreira a non dar un paso atrás. A administración, a patronal e os sindicatos maioritarios, o saben. Quedan dúas opcións; a traizón dos traballadores e a baixada de pantalóns ou a loita digna ata gañar. Volvémolo a repetir, a Folga de todo o metal no vai chegar, o carácter indefinido tampouco, imponse a Folga Xeral". | |
CUT - Vigo (5-06-09) Antecedentes. Os día 3 e 4 de xuño, indiscutiblemente pasarán a historia da clase obreira de Vigo e de Galicia. Fai uns días a CUT falaba do labirinto sindical e da errática estratexia escollida polos sindicatos maioritarios na loita polo Convenio Colectivo do Metal de Pontevedra. Dicíamos tamén que chegados a esta encrucillada, están obrigados a un salto cualitativo no chamado da Folga e necesariamente encamiñar a loita á FOLGA XERAL. Os chamamentos acendidos dos voceiros do réxime e da patronal para resolver o conflito en base ó terrorismo de estado, establecían con claridade o escenario destas dúas xornadas de Folga. Os feitos acontecidos nas rúas de Vigo, o pasado mércores e xoves o demostran. Dúas novas xornadas de Folga. A convocatoria de Folga foi seguida maioritariamente nos centros de traballo afectados, cun peche total no Sector Naval. As rúas de Vigo apareceron tomadas por nada menos que dúas compañías da policía española, desde as primeiras horas da madrugada. Tales movementos facían presaxiar o carácter destas xornadas. O mércores, ás 11 da mañá, de maneira salvaxe e sen xustificación algunha, disolvían a concentración obreira nas Travesas. A resposta de autodefensa dos traballadores non se fixo esperar. A decisión de defende-la loita, levou á maioría dos traballadores a atrincheirarse nos estaleiros Barreras, onde os mercenarios do réxime empregáronse a fondo máis de dúas horas. O xoves día 4, máis do mesmo e con máis virulencia, a actuación provocadora e salvaxe dos antidisturbios topou coa resistencia aínda superior ó día anterior dos traballadores do naval. A paisaxe da cidade de Vigo, quedou cuberta pola loita decidida dos traballadores defendéndose da policía. O remate unha vez máis volve a ser a defensa no estaleiro Barreras. As imaxes, sobre todo da última xornada, son estremecedoras, pero falan ás claras de cal é o verdadeiro carácter do conflito laboral no metal, que evidentemente transcende máis aló do Convenio Colectivo e afecta ós dereitos máis elementais como os de; manifestación ou Folga. A violencia obreira, é exercida (que ninguén nos confunda) para defenderse non só dunha violencia estrutural exercida pola Patronal, senón da agresión salvaxe e premeditada da policía española. Desde a CUT esiximos a dimisión inmediata de Antón Louro e Delfín Fernández, Virrei de España na Coruña e Gobernador en Pontevedra, respectivamente. Queda meridianamente clara a capacidade de loita e de resistencia da clase traballadora, non só para enfrontar a conquista dun Convenio Colectivo, senón para poñe-las cousas no seu sitio e rematar co abuso e a explotación.
O que non contan na prensa. Os falsimedia o primeiro día de Folga, secuestra ostensiblemente as noticias de Vigo. Estamos en plena campaña ou farsa electoral. A intencionalidade pro patronal é clara, a falta de rigor no tratamento do conflito é evidente. E o que é máis sangrante é o ocultamento da agresión premeditada da policía española, ó fin e o cabo hai que crear opinión en contra do movemento folguista. Hai que criminalizar ós traballadores, a linguaxe fascistoide comeza a aparecer nas crónicas, reportaxes e tertulias: infiltrados, guerrilla urbana, tiraban cócteles,... Xa o vimos máis veces, senón repasade os xornais do ano 1972. As imaxes da TV nin as crónicas da prensa escrita non din; que o berro máis coreado por milleiros de traballadores foi “policía asasina”, os que dirixen os falsimedia (nunca os traballadores dos medios) saben ben o que fan: mediatizar e intoxicar.
A semana que ven: A semana que ven ineludiblemente espéranos novas xornadas de loita. O labirinto levou á masa obreira a non dar un paso atrás. A administración, a patronal e os sindicatos maioritarios, o saben. Quedan dúas opcións; a traizón dos traballadores e a baixada de pantalóns ou a loita digna ata gañar. Volvémolo a repetir, a Folga de todo o metal no vai chegar, o carácter indefinido tampouco, imponse a Folga Xeral. [Voltar ao inicio desta nova] |