"DENDE A CONTAMINACIÓN". Dionisio Pereira

Dionísio Pereira

Sabíamolo, de seguro que a maioría sospeitabamolo, pero cando esculcamos “a folla de servizos” de Alfonso Sastre, con especial incidencia no do atentado da rúa do Correo no ano 74, e o seguimento especial a Doris Benegas, facendo mención da súa presenza nos funerais de Iosu Muguruza e Santi Brouard, tivémolo claro: estamos todos e todas fichados e vixiados de vello, se cadra dende antes de morrer Franco, e os que “argallaron” a Transición, que decidiron esquecer tantas cousas, para nada se esqueceron dos que adquirimos o virus da rebeldía hai ben tempo, e que, con todas as nosas contradicións, trasacordos e renuncias, aínda o levamos ben dentro logo dunha borrallenta travesía do deserto de máis de 30 anos.

Algúns e algunhas, asemade, teremos un estigma engadido: o de ter compartido, sequera de maneira episódica, o azaroso “devalar” da esquerda abertzale, única forza social de envergadura que, no Estado español, presentou encirrada resistencia ao que Franco atou e ben atou, e o que, aínda, non fumos quen de desatar. Este acompañamento, por veces desleixado debido a unha maioritaria postura crítica coa loita armada, nunca deixou de lamentar o illamento ao que os revolucionarios vascos foron sometidos, non só polo aparato do estado, en boa medida procedente do franquismo, senón pola inmensa maioría das forzas de esquerda e nacionalistas do resto do actual territorio español, que desprezaron o inmenso aporte combativo e solidario que a historia recente da esquerda abertzale “atesoura”, e non hai máis que lembrar a derradeira folga xeral desenvolvida hai uns días na CAV e Nafarroa.

Co mesmo orgullo con que Doris Benegas declarou no mitin do Anaitasuna de Iruña os seus “vencellos” con Euskal Herría, tamén poderíamos, de xeito moito máis modesto dende logo, rememorar algúns chanzos do noso contaminado roteiro euskaldún. Cando Carrero deu en subir ao ceo alá por nadal do 73, nós botabamos polas tabernas de Compostela co aquilo de “así volaba, así, así...”; cando Alfonso e Genoveva Forest foron detidos e, ela, vilmente torturada, as rúas compostelás escoitaron a nosa denuncia daquela provocación franquista, mais quen non a escoitou foi o PCE, partido no que daquela militaba Sastre; cando os fusilamentos de Hoyo de Manzanares, simbolizados na magoada imaxe xuvenil de Juan Paredes Manot “Txiki”, toda Compostela se paralisou naquel desolado setembro de 1975 ao paso dun “comando” que berraba “Goberno de asasinos, o pobo xulgará”, deixando esnaquizada na súa singradura a entrada do local dos sindicatos verticais; logo, cando “Pertur” foi “desaparecido” na altura de 1976 (como agora Jon Anza), vímonos envoltos nunha manifa de arrantzales en Ondárroa, que, nada máis amarrar os barcos no peirao, encheron as rúas da vila reclamando a aparición do militante abertzale… Anos andados, tras a Transición todo foi, para a nosa sorpresa, moito máis difícil, pero aínda acompañamos a deslexitimación da nova Constitución nas páxinas do xornal “Egin”, e, cando o periódico foi pechado pola brava, retornamos a Donostia para pór o noso grao de area solidario nunha multitudinaria protesta cidadá. Hai pouco tempo, a traverso de amigos comúns, retomamos vellos contactos para colaborar no diagnóstico que a asociación Herria 2000 Eliza fixo do conflito político en Euskal Herría, participando no libro colectivo Soberanías y Pacto, e aínda non fai un ano compartíamos de maneira fuxidía a derradeira etapa vital dun home xeneroso e moi querido na súa Pasaia natal: o antigo alcalde Xabier Portugal, elixido mediados os 90 nas listas de Herri Batasuna, e recentemente falecido.

Ao cabo, teño para mín que ese homiño maquiavélico (é sabido, “home pequeno, fol de veneno”) que atende ao nome de Rubalcaba, non agardaba que houbese tantos “contaminados e contaminadas” que exerceran con valentía un dos mellores valores das esquerdas libertarias e transformadoras: a solidariedade e o apoio mutuo. Unha solidariedade, que a piques estivo de defenestralo do seu gobernativo cargo e de pór en cuestión ese enxendro inquisitorial que ven sendo a Lei de Partidos.

Porque estas son as mellores herdanzas que o proceso de converxencia aberto por Iniciativa Internacionalista, vainos deixar para despois do 7 de Xuño, con ou sen eurodiputada: a vontade de procurar a confluencia dunha morea de persoas que proceden de diversas correntes ideolóxicas, con ou sen militancia partidaria, pero que se consideran desafectas co actual estado de cousas e acreditan en que a loita contra a tiranía do capital vai indisolublemente unida no conxunto do Estado español a unha rexeneración democrática, a unha segunda Transición, que, a carón doutras cuestións indispensabeis como a derrogación da devandita Lei de Partidos e da desmemoriada Lei de Amnistía, a desaparición da Audiencia Nacional, a erradicación da tortura, ou do inaprazable saneamento do aparato do Estado, coloque en primeiro plano a soberanía, o dereito a decidir das nacións que así o reclamen. Unha estratexia que, respectando a soberanía de cada país e de cada colectivo, poña por diante o que nos une antes do que nos separa; unha estratexia que vaia acompañada dunha práctica que xenere rebeldía, ilusión, mutua confianza, e que, “mirando os uns polos outros”, escorrente medos, tenda pontes entre as diversas xeracións de loitadores e loitadoras, e nos leve a recobrar a ledicia de compartillar as pequenas e necesarias vitorias.

En definitiva, se é certo que o gol de Maradona retratou ás claras o xorne antidemocrático e policial do réxime xurdido da Transición e iso non deixa de ser un éxito un chisco inesperado, non o é menos que unha vitoria aínda maior sería amosar nestes días, sequera de maneira parcial e incompleta, como as persoas e os colectivos imos mellorando ao abeiro das loitas que son xustas e compartidas, porque nelas se reflicten as nunca satisfeitas arelas seculares da Humanidade esfolada; porque, a fin de contas, a ética da igoaldade, da liberdade, da solidariedade entre os traballadores e entre os pobos, está moi por riba dos mesquiños intereses do capital e da oligarquía españolista herdeira da brutal Ditadura de Franco e dos seus secuaces.

Velaí as oportunidades que abre a Iniciativa Internacionalista, tamén no noso país, onde estamos ben necesitados de novos espazos de encontro nos que se vexan representadas as capas da poboación que non se conforman cun tépedo autonomismo, coa desfeita do medio natural, coa marxinación dos sinais de identidade propios e coa perda dos seus dereitos civís e laborais como única saída para que o capital poida zafar da crise económica que el mesmo provocou.

Máis nada; na medida das forzas de cada quén; sen pretender posuír verdades absolutas pero convencidos de irmos na boa dirección, Avante, Aurrerá, Endavant, Adelante Iniciativa Internacionalista.
[Voltar ao inicio desta nova]