A HISTORIA ESTASE A ESCREBER NAS RÚAS DE VIGO

Os/as abaixo asinantes consideramos un imperativo ético e social dar todo o apoio solidario á loita dos metalúrxicos de Pontevedra que, xunto cos traballadores e traballadoras doutras empresas radicadas en distintas zonas da Galiza, hoxe simbolizan no noso país a mobilizacion social e obreira contra unha resolución da crise capitalista favorable en exclusiva aos mesmos que a provocaron.

A xente do Metal, polos seus métodos democráticos, asemblearios e combativos, sen se dobregar diante dunha Patronal que nos derradeiros anos aproveitou a bonanza económica nun contexto de contínua r
educción da capacidade adquisitiva e recorte dos dereitos sociolaborais do persoal asalariado, ven sendo un exemplo para o conxunto da clase traballadora galega, en paralelo ás mobilizacions que están a acontecer en Grecia, Portugal ou na Franza.

Eiquí, non son eles os unicos que enfrontan as consecuencias dunha crise xerada pola destructiva capacidade do sistema para acumular riqueza nas mans duns poucos: as traballadoras do textil, con Caramelo à fronte, os das empresas do leite como Pascual, o persoal das fabricas como Bunge, Galfrío ou Vidriera del Atlántico, todos eles están a demostrar que só coa confrontación de clases e a defensa das liberdades públicas, pódese impedir a degradación das condicións de vida e de traballo do conxunto da poboación, fronte ao egoismo da patronal e a dureza dos gobernos que a sustentan.


Hai anos tentaron facer invisible á clase obreira, como se baixo o “capitalismo popular” dos Reagan e as Thatcher, quer dicer, a súa faciana neoliberal, todo o mundo poidera viver sen o salario, das rendas e dos investimentos financeiros. Agora que a xente de traballo, fonte de toda riqueza, está masivamente na rúa para defender os dereitos da humanidade desposuída, a maioría dos medios de comunicación manipulan a realidade presentando as manifestacións obreiras como actos criminais, salvando a cara da Patronal e das autoridades que a cotío exercen unha xorda violencia contra as condicións laborais e sociais do conxunto dos traballadores e traballadoras, sexan asalariados ou autónomos.


En realidade, o convenio do Metal de Pontevedra pasou a ser a fronteira que a Patronal española fixou para a totalidade dos sectores da producción: conxelación salarial, xornada laboral delongada, impago de horas extras, liberdade de contratación de inmigrantes para explotalos sen medida, precarización do emprego, submisión e illamento dos sindicatos, ameazas de deslocalización ou de peche ....E para os seus colegas do Goberno, pasou a ser cuestión de Estado, penalizando as protestas e a rebeldía, conculcando se fose preciso a liberdade de reunión e manifestación, a carón do dereito á información veraz e obxectiva. En consecuencia, na loita do Metal xogámonos moito máis que unha simple suba de xornais para un segmento da poboación empregada; está en xogo, ademáis do futuro do resto dos convenios e da calidade do emprego, o dereito a rexeitar o papel subsidiario que outros teñen decidido para as nosas vidas.


A crise do capital colocou a cada quén no seu sitio e os que pensaban que chegara “o fin da historia”, non teñen outra que aprender a cantiga que dí: “detrás dos tempos veñen tempos, e outros tempos han de vir”. Así pois, hoxe, a historia está a se escribir nas rúas de Vigo.


A súa vitoria é a vitoria de todos e de todas, e a unidade entre as forzas obreiras e sociais abre as portas a unha resposta contundente do conxunto da sociedade ao que é o fundo: a crise é do capital, dos capitalistas, e polo tanto son eles os que teñen que pagala, ao tempo que os dereitos e liberdades civís deben ser garantidos.


Para asinar: solidariedademetal@gmail.com

[Voltar ao inicio desta nova]