Na vixésima xornada de folga para este sector, a mobilización contou coa solidariedade do noso povo e mostrou unha moi alta moral de loita dos que foron a Compostela. Por milleiros, os do Metal ateigaron a capital de Galiza para deixar alto e claro que non se renden, con berros e palabras de orde de firmeza e dignidade, que expresaban a determinación de vencer.
Así marcharon e así entraron os nosos obreiros do metal. Agora foi en Compostela e mañá estarán onde sexa preciso como exemplar vangarda que son da nosa lendaria clase operaria galega. Ao dicir das crónicas, ficaron eshaustos polo esforzo maratoniano mais amosándonse ante a nación como “imbatíbeis” e "traspasando fronteiras, para que ninguen poida tentar invisibilizar esta loita exemplar".
Como se pode ver no video [marxe dereita da nosa páxina de inicio] berraron alto e prometeron lume (repetido) contra o capital e o enemigo de clase e os seus "mercenarios".
Tamén vocearon a prol da FOLGA XERAL GALEGA con palabras de orde de orgullo de clase e afirmación nacional: "galegos somos, galegos seremos e por españois nunca pasaremos" e mostraron diante e moi alto, en todo o percorrido, o glorioso estandarte revolucionario guevarista: "Até a vitoria, sempre!!".
Pois iso, sexamos responsábeis e apliquémonos o conto. Non son horas de renuncia senón de combate. Se cadra e fose posíbel teremos que axir con unidade, porén con máis firmeza que nunca, que non é pedindo desculpas polos efectos da mobilización (os violentos están da outra beira, na outra banda da barricada). Tampouco non é mirando ou perseguindo o obxectivo da "paz social".
Isto é: Unidos e orgullosos a prol dos nosos direitos e con todas as nosas forzas e intelixencia contra o poderoso inimigo, contra os seus medios e os seus lacaios mediaticos, sindicais e represivos.
Só deste xeito se poden resistir os brutais ataques dos inimigos de clase e parar os bombardeos e "cañonazos contra o corazón do noso proletariado" mencionados por un orador que, amparados na traizón e colaboracionismo amarelo, sen dúbida se intensificarán nas próximas horas.
O momento é decisivo e entendemos que só dese xeito está garantida a vitoria. A deles (os do metal) e a de todos nós.