10 DE MARZO: Contra a ditadura do capital, adiante a Folga Xeral Nacional

10 DE MARZO: DIA DA CLASE OBREIRA GALEGA

Conmemoramos máis unha vez o Día da Clase Obreira Galega, unha data moi importante e simbólica, inserida para sempre no noso calendario e no adn do proletariado galego, unha xornada de reivindicación, sempre de combate e de esixéncia con nós mesmos.
Este 10 de Marzo é o 40 aniversario que tivo a súa orixe nos feitos acontecidos en Ferrol naquel dia en que a represión policial do réxime franquista sobre os traballadores da Bazán asasinou a Daniel e Amador e causou numerosisimos feridos, encarcerados e epresaliados entre os milleiros de obreiros manifestantes.
Uns feitos que provocaron a solidariedade por toda a xeografía da Galiza obreira e unha rebelión heroica naqueles anos da tiranía fascista que se extendeu rapidamente á toda a nosa nación e especialmente a Vigo, cidade na que a que a clase obreira organizada e as súas organizacións revolucionarias fóron quen manter e acrescentar durante meses (singularmente no mes de setembro) unha rebelión que ia máis aló das reivindicacións laborais para converterse na práctica nunha acción de protesto anti-fascista de todo o povo, nunha Folga Xeral Política que tivo no seu decurso accións e experiencias exemplares e precursoras que marcaron e reorientaron decisivamente a historia do Movimento Obreiro organizado Galego, por si e para sí.
Hoxe, coma daquela, a nosa situación está marcada polo incremento da explotación e represión de direitos, e “inxustiza”, “despidimentos”, "desigualdade", "emigración" ou "precariedade" son termos que se perpetúan e intensifican.
A brutal Reforma Laboral en curso impulsada polo governo do PP é continuadora dos ataques que nos dirixiron nos últimos anos ditadas polos oligarcas e polos organismos internacionais do grande capital; as medidas anti-obreiras e antisociais sempre están ao servizo da grande patronal e contra os intereses do povo trabalhador.
Acentúanse os niveis de desemprego e a miseria vóltase en certos casos dramática; recurtan os nosos direitos, abaratan os despedimentos e facilitan cada vez máis as represalias da patronal sobre sobre parte máis consciente dos/as asalariados/as; dificultan a laboura sindical e a defensa dos nosos direitos; multiplican descaradamente os beneficios de bancos e multinacionais ao tempo que recurtan os salarios de amplas capas do povo traballador; deterioran deliberadamente os servizos públicos á costa de suculentas subvencións de entidades, colexios educativos e clínicas privadas. E, todo hai que dicilo como é o noso deber, co consentimento e apoio de dous sindicatos maioritarios españois, cada vez máis amarelos.
Hoxe, como hai 40 anos, temos que erguermos do xeito máis enérxico. Neste 10 de Marzo temos que berrar moito mais alto e forte; temos que rebelarmos e exercermos o noso direito a ter unha voz propia que, coma noutros eidos da vida, nos permita decidir por nós mesmos. 
Non precisamos dos que nos levan á ruína e ao abismo. Non precisamos dos patróns. Non precisamos nen aturamos máis deste réxime capitalista inservíbel e corrupto que nos arruína e saquea de forma inmisericorde!. Non precisamos de xenocidas e políticas de agresión imperialistas. Non precisamos dun estado español, nauseabundo e bourbónico que impede a nosa libre autodeterminación e perssigue, reprime barbaramente e encarcela a unha parte digna, insubmisa e combativa da nosa clase obreira e mocidade.
Esiximos máis traballo digno e estabel na Nosa Terra, especialmente para a nosa mocidade; contratación indefinida, garantías laborais e salariais; prestacións sociais xustas e dignas, liquidación da subcontratación e das ETTs explotadoras; aumento do poder adquisitivo e dos salarios. 
Esiximos o cese das agresións e desmantelamento dos sistemas productivos tradicionais do noso país e un marco própio de relacións laborais. 
Esiximos medidas de control, e mesmo de confiscación (expropiación) pública sobre a banca e os grandes poderes económicos.
As organizacións de clase temos que reflexionar sobre o que mudou e que aínda está por facer. Hoxe, como naquel ano terribel de 1972, a clase obreira e o conxunto do noso povo traballador; o conxunto das forzas políticas, sociais e sindicais estamos chamados a erguermos como fixeron os irmáns Daniel e Amador, a recuperar o combate necesario que outrora nos situou na vangarda da loita de clases e nos elevou á cimeira dos povos máis dignos.
Contra a ditadura do capital, adiante a Folga Xeral Nacional