LEMBRANDO A MANUELA SÁNCHEZ, GUERRILHEIRA GALEGA INESQUECÍBEL. (Testemunho do camarada Francisco Rei Balbís "Moncho")


Á esquerda unha foto do comandante "Moncho" con fondo o río Eume (cando nos visitou nos anos 90), último xefe da Guerrilla Galega nos anos  finais da década dos 40, que dá testemunho da última acción de  Manuela.

Debaixo, poema de Lorenzo Varela e gravado de Luís Seoane adicados á memoria de Manuela Sánchez.
Queremos render homenaxe a Manuela Sánchez (*), umha mulher galega asasinada pola represión franquista na aldea de San Vicente Carres-Cesuras, a mediados dos anos 40. 
Ela foi umha heroina do noso povo (hoxe infelizmente case esquecida) que deu a súa vida en combate por defender unha partida da 4ª agrupación do Exército Guerrilleiro Galego que luitaba naqueles anos contra a tiranía fascista.

Testemuha emocionada do lendario FRANCISCO REI BALBÍS, camarada ("Moncho"), que foi o último Xefe do Exército Guerrilleiro Galego:
“Lembro, naturalmente a Manuela Sánchez. Foi na aldea de San Vicente Carres, concelho de Cesuras. Descansaba un pequeño destacamento na súa casa. Como en tantas outras ocasións os “civiles” non andaban lonxe. E en silencio tínhannos rodeados...O combate durou horas...
Cando non se podia prolongar, Manuela mandou saír aos guerrilheiros pola parte traseira da casa. Ela seguia disparando. Caiu Antonio Moreche Costa. Fuxiu outro guerrilleiro. Ela desangrábase, ferida. Mais continuaba protexendo a fuxida dos guerrilheiros. Aínda demoraron os guardas en penetrar na casa. Manuela tinha os olhos abertos, empunhaba o fusil, descansaba numha fochanga de sangue. 
Aquela noite chorouse en toda Galiza...Horas tardaron en secar as nosas bágoas. 
Manuela Sánchez era como a Terra, como os costumes, tradicións e historia da nosa pequena e doente patria. 
MANUELA SÁNCHEZ ERA O NOSO POVO SEMPRE ASOBALHADO, NUNCA SOMETIDO.”

"MANUELA SÁNCHEZ"

Pomba, ponla, mai, señora,
guía, vara, mai de nós:
Hoxe non quero saber como te chamas
nin perguntar qué foi da túa mocedade.
Hoxe non quero máis que te lembrar de novo
no cume mais antergo das mámoas proteitoras,
ergueita, xurdia, forte, lanzal coma ninguén.
E fose coma fose, ti chamaraste ponla,
a mais verde do verde carballo que se vira.
Aguia mortal na guerra, na paz señora pomba,
mai e guía de nós, da nosa vida enteira.
Ti chamaraste ponla, ti chamaraste a vara
mais outa do pombal.
Non chegan a ti as balas dende que pomba és,
verde no zumo verde da figueira e da vide,
verde ponla,
pros labregos de Lugo e pros granxeiros
dos verdes cómaros do mundo.
Pomba branca e máis branca
pros brancos mariñeiros de Vigo sempre branco
ou pros dourados mariñeiros de Siam.
Pomba, ponla, mai, señora,
guía, vara, mai de nós.        [Lorenzo Varela]

(*) Nota: É tal a ignorancia que produciu a brutalidade fascista e o esquecimento de protagonistas e datos, que de Manuela Sánchez non hai case información, agás deste caso concreto. Tanto é así, que hai algúns historiadores que sostenhen que nen sequer se chamaba Manuela Sánchez, senón Manuela López.