Os/as abaixo asinantes, historiadores/as e investigadores/as, diante da denuncia presentada contra Dionisio Pereira polo contido da súa intervención no Congreso da Memoria celebrado en Narón, en decembro de 2003, e publicada nas Actas no 2004; polas alusións que neste relatorio fai a “persoas sinaladas nos asasinatos e maltratos ou como instigadores dos mesmos” a unha serie de nomes de cargos da Falanxe, todos eles falecidos, que o historiador recolleu das súas múltiples testemuñas orais, e cuxos familiares agora lle acusan de atentar contra o seu honor; queren manifestar o seguinte:
- Non é obxecto central do seu traballo atacar ningunha honra. O contexto do Congreso no que se encadrou o relatorio ou o libro de Actas no que se publicou, non é equiparable a outros escenarios de divulgación pública aos que se aplica esta figura xurídica; así como, o feito da distancia no tempo das personalidades citadas non ten a mesma forza que as xeracións vivas para contrapoñer o dereito ao honor fronte á liberdade de expresión, e moito menos ao dereito á creación científica na que se enmarca a tarefa do/a historiador/a.
- O conxunto de datos que se aportan neste caso e a traxectoria investigadora do historiador, acreditan un respaldo suficiente ao seu dereito a formular hipóteses discutibles nun contexto polémico en base a información da que dispón. Esixir certezas incuestionables aos historiadores, sería tanto como impedir o desenvolvemento desta materia fundamental para a formación da conciencia cívica de calquera sociedade.
- É unha grave distorsión aplicar ao obxecto investigado as categorías de situacións presentes. É evidente que a represión informal levada a cabo naquel momento, por definición e salvo raras excepcións, carece de probas documentais que a acrediten e, na medida en que o aparato policial e xudicial quedou no poder de quen a levou a práctica, nunca se procedeu a investigar ditos crimes. Compre lembrar que a franquista, como toda Ditadura, tivo como base a impunidade. O devandito non debe impedir ao historiador afirmar que ditas mortes se produciron e apuntar que se pode establecer como hipótese factible e verosímil algún tipo de relación con elas, en calidade de autores ou instigadores, por parte dos principais integrantes das organizacións que levaron a cabo estas actuacións, nomeadamente da Falanxe, atendendo ás testemuñas orais recollidas e a documentación escrita atopada. Hai que matizar, así mesmo, que non se fai ningunha aserción concreta sobre unha actuación determinada dos mencionados: isto é, non se asevera sobre a adscrición específica dos aludidos con ningún dos tres graos de intervención na represión que se indican, e a súa suposta participación naquela está “sinalada” en terceira persoa por fontes orais contrastadas.
- No seu ámbito, os historiadores valoran cales son as causas que explican os feitos históricos e propoñen a súa interpretación, e aínda que tales explicacións e interpretacións sexan en ocasións incompatibles con outras visións, non corresponde a un Tribunal de Xustiza decidir, por acción ou omisión, cal ou cales deban imporse de entre as posibles. Son os propios cidadáns quen, á luz do debate historiográfico e cultural, conforman a súa propia visión do acaecido, que pode variar no futuro. En caso contrario, imporíase a censura previa ou a autocensura na produción científica, algo inconcibible no marco dunha sociedade democrática e aberta; sobre todo cando se trata de relatar uns feitos históricos relevantes do pasado recente que precisan unha saudable esculca e esclarecemento, para reforzar precisamente a defensa do pluralismo político e o diálogo, representado polas vítimas da represión fronte ao totalitarismo e o fundamentalismo que impuxeron os vencedores; estes, para lexitimar un réximen xurdido dun golpe militar, inculcaron ademais unha versión oficial dos acontecementos, fronte a cal – de producirse unha condena do historiador – atopariámonos que non se permitiría opoñer outras perspectivas diferentes.
Por todo isto solidarizámonos co investigador Dionisio Pereira e demandamos o sobresemento da súa causa. voltar ao inicio