UNHA SENTENZA QUE ASINARIA FRANCO


Detiveron ao señor don Arnaldo Otegi Mondragón, coñecido dirixente socialista comprometido coa causa da independencia de Euskal Herria.

O arresto e o encarceramento inmediato do líder abertzale producíronse por orde da Sección Terceira da sala do penal da audiencia Nacional española, despois de que o Tribunal Supremo decidise confirmar por unanimidade a sentenza pola que o tribunal de excepción condenárao a quince meses de cárcere e a sete anos e tres meses de inhabilitación absoluta ao haber sido considerado culpable dun delito de “enaltecimiento do terrorismo” durante un acto político en homenaxe e lembranza de José Miguel Beñaran Ordeñana, Argala, militante de ETA asasinado o 21 de decembro de 1978 nunha operación de guerra suxa xunto ao seu domicilio do País Vasco continental, onde gozaba do estatuto de refuxiado político concedido pola República francesa.

Dáse a circunstancia de que o 30 de xaneiro deste ano 2007, o alcalde de Arrigorriaga –localidade natal de Argala- e membro do Partido Nacionalista Vasco, don Alberto Ruiz de Azua, asegurou urbi et orbi que José Miguel Beñaran, asasinado en 1978 cunha bomba colocada baixo o seu coche, é “tan vítima do terrorismo" como o policía e o taxista que matou ETA nese municipio biscaíño. De feito, o partido de Josu Jon Imaz presentou unha moción propoñendo a celebración dunha homenaxe conxunto aos tres que foi aprobada polo pleno municipal cos votos a favor do PNV, de Eusko Alkartasuna e de Ezker Batua.

Permítanme que chame a súa atención sobre a data en que foi asasinado o señor Beñaran, cuxo eloxio levou a don Arnaldo Otegi á prisión de Martutene. Foi o 21 de decembro de 1978; é dicir, oito días antes da entrada en vigor da actual Constitución Española.

Insistín na data porque, pese á nunca escrita lei de punto final da que, na práctica, se beneficiáron os criminais axentes da ditadura franquista –así como os seus cómplices e colaboradores-, é un feito consensuado que en España non había democracia, nin sequer formal, ata o 29 de decembro de 1978, día da promulgación desta "Carta Magna". Así, Argala non tivo tempo de verse afectado pola nova terminoloxía e ninguén de boa fe pode cualificalo de “terrorista”. Moi ao contrario , hai que agradecerlle que comandara a chamada “Operación Ogro” que concluíu felizmente coa execución do lugartenente do Generalísimo, o almirante Luis Carrero Blanco.

A folla de servizos de don José Miguel Beñaran Ordeñana é, pois, integramente, a dun combatente antifranquista que, en calquera Estado democrático, teria recibido honores militares e civís, como a homenaxe que aprobou en xaneiro o Pleno do Concello de Arrigorriaga ou como o que causou o encarceramento do señor Otegi.

Jesús Prieto
(publicado en Insurgente) (Voltar ao inicio)