APRESENTOUSE A PLATAFORMA AUTODETERMINISTA "CAUSA GALIZA"

Na Praza de San Martiño Pinario de Compostela apresentouse hoxe a Plataforma Unitaria CAUSA GALIZA que nace coa intención de traballar a prol do “recoñecemento do dereito do pobo galego a escoller o seu propio marco xurídico político”

CAUSA GALIZA e una entidade socio-politica na que conflúen persoas, colectivos, entidades sociais, organización e forzas políticas galegas que, ainda con perfís e con ritmos moi diferenciados, teñen en común as arelas de conseguir un obxectivo común e concreto:

O recoñecemento do dereito democrático do noso País á Autodeterminación”

O modelo asambleario da organización, a integración democrática e xenerosa e a procura da convivencia entre estes sectores políticos e sociais afírmase coma principio de funcionamento e via para poder avanzar cara ese obxectivo.

CAUSA GALIZA xurde, despois de moitos meses de debate e reflexión colectiva nun momento histórico importante, no que está a ter lugar o debate estatutario así como diferentes loitas de liberación nacional, tanto no Estado español como noutros estados europeos, e xustifícase para que as nosas reivindicacións poidan ser ouvídas con máis forza.

Como tarefas máis importantes e inmediatas temos:

- Desenvolver unha campaña pedagóxica intensiva e extensiva para socializar entre o noso povo o significado e a necesidade de autodeterminación, reivindicando o seu recoñecemento e exercicio dende unha perspectiva de esquerdas.

- Denunciar a insuficiencia do marco autonómico e da Constitución española para resolver os problemas do país e do pobo traballador galego

- Activar, por tanto, unha ampla campaña en contra do confusionismo inspirado no modelo autonomista que se vai impulsar nos próximos meses coa chamada “Reforma do Estatuto de Galiza”.

O DIA DA PATRIA

O primeiro acto público organizado por Causa Galiza será este próximo 25 de xullo, DIA DA PATRIA onde se convoca e promove “unha única manifestación, aberta a todos os sectores soberanistas e autodeterministas do país”.

Braulio Amaro, portavoz da Plataforma que agora nace sinala que o obxectivo é “que todo aquilo que até o de agora estaba fragmentado ou diluído en distintas convocatorias, se xunte para que todos e todas poidamos participar en pé de unidade e defender claramente a liberdade nacional do noso país, os dereitos nacionais de Galiza e, consecuentemente, o dereito a autodeterminación”.

A manifestación sairá á unha da tarde dende a Alameda de Santiago de Compostela e que rematará probablemente na Praza do Toural ou noutra das prazas céntricas de Compostela en función da dispoñibilidade.

O P.C.P.G, que apoiou sen ninguna dúbida, desde o primeiro momento, a creación de CAUSA GALIZA participa destes acordos e obxectivos e chama a todos os seus militantes, amigos e simpatizantes; ao conxunto do noso povo traballador a participar e fortalecer entusiasticamente esta iniciativa unitaria.

(voltar ao inicio desta nova)