O P.C.P.G REXEITA OS FUNDAMENTOS DA DECLARACIÓN DA “COORDINADORA DE LA MEMORIA DE MADRID”

Recentemente tivemos coñecemento dunha “Declaración” que fíxo pública a Coordinadora de la Memoria de Madrid.

Esta declaración inclúe aspectos cos que estamos en total desacordo.

Entre outros, non concordamos coa filosofía de que a Lei da Memoria “Histórica”

deba considerar que “a Democracia española recuperada e os valores que gozamos” (!)na actualidade son a continuidade institucional da II República e que o período franquista foi unha etapa “de excepción” histórica.” Polo contrario, consideramos que a actual monarquía e o sistema político creado na chamada “transición” son herdados e continuadores do franquismo, polo que carecen de lexitimidade.

Tampouco saudamos, como se fai no punto 3 do Manifesto, o acordo político entre algúns grupos parlamentarios sobre o Proxecto de Lei de Memoria, pois dito acordo vai contra as propostas das organizacións que, en todo o ámeto do estado, traballamos máis activamente na recuperación Memoria Republicana e Antifascista, e entre elas están, curiosamente moitos dos colectivos da Declaración dos “13 puntos mínimos para o Debate da Lei de Memoria” que foi asinada por colectivos de Madrid en Outubro 2006.

Precisamente nesa Declaración aparecen como asinantes as organizacións que o ano pasado apresentaron o Manifesto Cidadán de condena ó franquismo e despois suscribiron a devandita Declaración dos 13 puntos (un abano de organizacións que traballan en Madrid) algunhas das cales teñen hoxe un nome distinto ó que aparece agora.

Como ben denuncian os comunistas do P.C.P.E e os C.J.C de Madrid, é profundamente inadmisível que se utilicen as siglas dos asinantes dunha Declaración para outro documento que, sen o seu consentimento, inclúe contidos contrarios a aqueles que se asinaron no seu momento.

Por todo iso, manifestamos a nosa solidariedade cos camaradas do PCPE e os CJC de Madrid e co seu comunicado, que non suscribe a devandita Declaración de Xullo 2007, que esixe a retirada das suas siglas dese documento.

Ao mesmo tempo, o Comité Nacional do PCPG fai un chamamento a apoiar e impulsar a Iniciativa por unha Lei da Memoria Galega, na que estamos a traballar centos de persoas e máis de 45 colectivos do noso país e reiteramos a nosa disposición a loitar unitariamente con todas as organizacións partidarias e da memoria antifranquista por unha verdadeira Lei da Memoria Republicana.

12 de Xullo de 2007

PARTIDO COMUNISTA DO POVO GALEGO

(Voltar ao inicio desta nova)