Os feitos remóntanse a hai xa varios meses, cando Eduardo Álvarez dirixira un escrito ao xuíz-decano de A Coruña tras ver como, logo dun procedemento por un asunto particular, o xulgado correspondente se negaba a lle notificar en galego, malia esta ter sido a lingua que o interesado empregara en todo o proceso e malia este ser un dereito recollido no artigo 7.2 da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística. Álvarez facía constar no seu escrito, ademais, o uso do topónimo oficial da cidade deturpado no selo oficial do tribunal.
Porén, Fraga Mandián, na súa resposta, non só xustificou a negativa do xulgado a lle notificar ao interesado en lingua galega, como este solicitaba, senón que se refería ao indebido uso da denominación oficial de A Coruña como un “simple erro ortográfico”. Perante isto, Eduardo Álvarez dirixiuse ao Consello Xeral do Poder Xudicial e viuse na obriga de denunciar publicamente a súa indefensión. Tal denuncia pública valeulle que Fraga Mandián o denunciase a el xudicialmente, acusándoo de “inxurias” por, segundo el, o ter chamado “mentirán” nos medios de comunicación.
Eduardo Álvarez está acusado polo xuíz-decano de A Coruña de “inxurias” logo de denunciar publicamente que un xulgado se negaba a notificarlle en galego unha sentenza e empregaba o topónimo da cidade deturpado no seu selo oficial.
A Mesa sinala esta situación como “unha nova mostra da fobia contra a nosa lingua e contra quen está disposto a o usar en todo e para todo que aínda parece profesar unha parte da xudicatura”; unha situación que, lembran desde a asociación, “non é a primeira que se produce nos últimos meses nos xulgados coruñeses” e que demostra “o carácter subalterno” que a lingua galega continúa a ter no ámbito da xustiza a pesar da teórica cooficialidade. É por isto que o colectivo cidadán convoca para o propio día 18 de xullo ás 11:30 horas un acto de apoio a Eduardo Álvarez na entrada principal do edificio dos Xulgados de A Coruña (Rúa Monforte).(Voltar ao inicio desta nova)