Iniciativa Nacionalista Palestina
Malia o que está acontecendo co noso povo, mergullado nunha cruenta crise interna, permanece a contradición principal cos ocupantes e as discrepancias resólvense dentro do marco da unidade; elas son a base do necesario procedemento democrático para resolver as contradicións secundarias dentro da Unidade Nacional Palestina, mentres a unión da terra e o pobo, na patria e a diáspora, son liñas vermellas intocabeis, e o interese supremo do povo e a nación está por riba de toda consideración, ou de calquera dos intereses sectarios.
O dereito do noso povo ao retorno, á autodeterminación e o establecemento dun estado independente con plena soberanía, con Xerusalén como capital, é a única opción para o noso povo. Xa que logo lanzámonos a unha loita de liberación con dous aspectos, nacionalista e democrático, sen separación entre eles. E iso lévanos a rexeitar, a non aceptar a práctica da exclusión, o absolutismo e o monopolio ideolóxico, político e social.
A solución militar que levou a cabo Hamas na Franxa de Gaza e as súas consecuencias en Cisxordania traslada a crise interna palestina para un chouto cualitativamente perigoso. Pon ao Proxecto Nacional nunha rúa cega, con grandes dificultades para o mesmo. Establece a consagración da separación política e institucional entre Cisxordania e Gaza. Ao mesmo tempo, abre as portas de par en par á intervención, particularmente norteamericana e israelí; e á estranxeira en xeral. Isto atrasa ducias de anos os avances da nosa loita ao tempo que ameaza coa liquidación dos dereitos, obxectivos, aspiracións e a causa xustificada do noso povo. Isto, pola súa vez, devólvenos aos períodos de tutela, subordinación e usurpación.
Os acontecementos en Gaza e Cisxordania provocaron ira, angustia, dor e amargura, e un claro rexeitamento do noso povo para a solución militar en Gaza, afastando a opción democrática. Temos que trabar ás súas perigosas pretensións, e afastarnos dos cálculos e as axendas partidistas, coa visión pechada que isto conleva.
Afirmamos que o noso obxectivo principal é a solución da crise interna. A Salvación Nacional é mediante o consenso, condición para chegar a unha solución democrática, rematando coa crise que ameaza á nosa causa e que nos lrva á destrución e ao abismo. A única solución é o acordo baseado no diálogo. Mais, para non ter un diálogo obxectivamente indiferente e vacuo (o cal consagraría a situación actual), e para que os nosos esforzos sexan efectivos, pedimos:
A creación dun referente nacional unificado de forma temporal no seo da Organización para a Liberación de Palestina (OLP), porque a OLP é o único e lexítimo representante do noso povo, tanto no interior como no exterior, e é o referente político supremo da Autoridade Nacional Palestina (ANP). Este referente debe incluír a todas e cada unha das liñas políticas palestinas, dirixíndose para un diálogo nacional, coa Liga Árabe como testemuña. Neste proceso, temos que poñer todos os nosos medios prácticos para a aplicación dos artigos da Declaración do Cairo e do Documento de Consenso Nacional.
Para acadar os nosos obxectivos, han-se de aplicar as seguintes medidas:
1.- Deter inmediatamente todas as formas de mobilización interna e de incitación nos medios de comunicación, para poder conseguir un clima idóneo para o diálogo.
2.- Non aceptar as consecuencias da solución militar de Hamas en Gaza, e disolver o goberno establecido polo mesmo. Disolvendo ao tempo o goberno de “urxencia” en Cisxordania. Rexeitar todas as medidas administrativas e de seguridade levadas a cabo en Cisxordania e Gaza coma consecuencia de este conflito.
3.- A formación dun goberno provisiorio baseado no Documento do Consenso Nacional, durante un período acordado e determinado, para que volten as cousas ao seu leito natural. Tamén para afirmar as bases para construír un sistema xudicial independente, profesional e transparente. Reformar os corpos de seguridade lonxe do sectarismo e independente do partidismo político, xa que a súa misión é estar ao servizo do povo, protexelo e darlle seguridade.
4.- Garantir o consenso nacional segundo a arbitraxe do pobo. Conseguir as condicións necesarias para a celebración de eleccións presidenciais e lexislativas, baseadas nun sistema de representividade porcentual. É a saída democrática á crise.
5.- Retomar inmediatamente o traballo para a formación do alto comité, segundo os acordos do Cairo, para que poida desempeñar o seu papel no diálogo e reforma da OLP segundo os principios democráticos. Celebrar as eleccións para o Consello Nacional Palestino dentro do país e, a ser posible, no exterior.
Apresentamos esta Iniciativa para a Salvación Nacional a todas aquelas persoas interesadas nas aspiracións pola liberdade do noso pobo.
Apresentamos esta iniciativa para que se sumen todas as persoas e as forzas políticas e sociais en prol do interese nacional, para enriquecela e fortalecela co seu traballo e esforzo. Así se expresa a maioría silenciosa da sociedade palestina.
Todo pola unidade e o rexeitamento da división e o partidismo".
Recibido da Oficina de Información F.P.L.P