Contra a Violencia de Xénero.
Son moitos os cambios nos últimos anos: novas leis, programas específicos nas administracións, visibilización nos meios de comunicación, distinta valoración na opinión pública, novos valores nas relacións persoais... aínda así, o número de mulleres asasinadas, as denuncias de mulleres agredidas e as condenas por agresións, seguen aumentando. E o que é aínda máis preocupante, a violencia machista perpetúase na xente máis nova.
Somos conscientes de que muitas estruturas económicas (Banco Mundial, Fondo Monetario Internacional, multinacionais...) , estruturas políticas (G-8, gobernos, exércitos...), e estruturas relixiosas (Vaticano, conferencia episcopal española, aiatolas, imáns, consellos relixiosos...) están mantendo e perpetuando unha organización patriarcal da sociedade onde se encontra enraizada a violencia machista. Unha realidade implantada en todo o planeta, e que mostra a súa face máis descarnada en situacións de guerra, tráfico de persoas e explotación sexual.
Aínda así, desde a Marcha Mundial das Mulleres temos o convencemento de que para rematar coa violencia, non chega coa denuncia e loita contra todas estas institucións e estruturas. Partindo da nosa realidade máis inmediata, fai falta que confluamos nunha mesma dirección todos os sectores sociais que aspiramos a transformala,
porque cada quen debe analisar e asumir a responsabilidade que lle corresponde para rematar con esta lacra social:
*As organizacións políticas e as persoas que teñen responsabilidades e presenza nas administracións e nos poderes públicos, que deben tomar consciencia de que este non é un problema só daqueles departamentos, secretarías, concellalias... específicas, senón que é algo que atinxe de xeito global a todos os estamentos e implica reformulacións organizativas e de "boas práticas", destinando máis recursos para a aplicación das leis, creación e mantemento de servizos de atención e recuperación das vítimas, aplicando consecuentemente políticas de prevención e compromenténdose, máis aló do papel, nas políticas de igualdade. Enfrontándose aos grupos políticos que dean o seu apoio a alternativas ou práticas sociais, económicas, relixiosas e culturais que niguén a igualdade de dereitos para todas as persoas e favorezan relacións de marxinación e opresión.
*As persoas que traballan nos medios de comunicación, tanto públicos como privados, que teñen a responsabilidade de elaborar e divulgar unha información obxectiva e libre de estereotipos sexistas, tanto en relación coas vítimas de violencia como a visibilización das mulleres en todos os ámbitos sociais. Asumindo a responsabilidade que lles corresponde na creación dunha opinión pública inspirada nos valores da igualdade.
*Os sindicatos, que teñen a responsabilidade de loitar contra a segregación e a discriminación no mundo laboral e de asumir a defensa da seguridade e a saúde de todas as traballadoras e traballadores. Deben aplicar unha perspectiva de xénero na sua acción sindical, utilizando todas as ferramentas na loita contra a discriminación, e o acoso, e na mellora das condicións laborais, especialmente dos sectores máis precarizados e vulnerábeis, tanto no ámbito rural como no urbano. Correspóndelles, como un dos máis importantes axentes sociais, un papel fundamental na sensibilización social a prol da igualdade, a corresponsabilidade e de rexeitamento do machismo e a misoxinia.
*A comunidade educativa, que ten a responsabilidade de detectar e atallar, no seu ámbito, actitudes machistas e situacións de violencia, formando en valores de igualdade, solidariedade, xustiza, liberdade e paz. Xerando dinámicas própias de renovación pedagóxica que garanticen unha educación en igualdade.
*O movimento veciñal, cultural, ecoloxista... que conforman un tecido social moi activo no noso país e de compromiso transformador, que teñen a responsabilidade de transmitir e aplicar os modelos de igualdade na hora de elaborar as súas alternativas, a súa práctica e o seu modelo organizativo, monstrando a súa solidariedade e irmandade co feminismo.
* As persoas crentes, que tenhem a responsabilidade de rexeitar o machismo e a misoxinia que emana, tanto das estruturas relixiosas, da doutrina, ou dos textos sagrados, buscando un novo modelo de espiritualidade que non perpetue a exclusión e opresión das mulleres.
* Os homens, que teñen a responsabilidade de amosar o seu rexeitamento, no día a día, ás actitudes machistas, desenvolvendo novos modelos de masculinidade, implicándose na sensibilización e concienciación social pola necesidade dun novo modelo de relacións afectivas e sexuais baseadas no respecto, a igualdade e a liberdade. Asumindo a corresponsabilidade no coidado (crianzas, persoas enfermas e de idade, traballo doméstico...), tan imprescindíbel para as persoas.
As mulleres, que temos a responsabilidade de non perpetuar un sistema que nos marxina, de rexeitar unhas relacións baseadas na sumisión e na desigualdade, que debemos implicarnos no proceso de empoderamento individual e colectivo, criando alianzas e cumplicidades que nos axuden a avanzar.
DOMINGO, 25 DE NOVEMBRO, ACUDE ÁS MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS
Vigo, ás 12hs saída de Urzaiz (entrada a Príncipe).
A Coruña, ás 12hs no Obelisco.
Ferrol Terra, ás 12hs, Praza de Galiza, en Narón.
Pontevedra, ás 13hs Praza “8 de marzo”.
Costa da Morte, ás 12hs na Praza “8 de marzo” en Cee.
Compostela ás 12:30 na Praza “8 de marzo”.